
A wikipedia proporciona información sempre útil sobre os nosos gobernantes. Pero poucos sospeitan que a lingua empregada na wikipedia pode ser determinante sobre o tipo de información presentada. Tomemos un exemplo ao chou: Alberto Núñez Feijoo, para a versión española/ Alberte Núñez Feijóo para a versión galega.
Vexamos as subtiles diferencias:
1. Para a española, ANF é un político español; para a galega, é un político galego.
2. Para a española, ANF é "galleguista y reformista"; na galega, non se indica ideoloxía.
3. Na española, ANF ten biografía (na que se inclúe a relación con Carmen Gámir); para a galega, ten traxectoria, sen datos sobre noviazgo.
4. Para a española, despois da formación (estudos de dereito en Compostela) veñen os cargos públicos con máis detalle; na galega, prefiren poñer primeiro os cargos en empresas.
5. Para a española, a etapa de ANF como director de correos supuxo "un viraje desde el servicio público monopolístico hacia la libre competencia empresarial"; na galega engádese en frase de relativo que Correos é unha "empresa pública española de envíos postais".
6. Tanto na biografía como na traxectoria, a man de Romay Beccaria é fundamental. Da man del accedeu a secretarías varias, na versión española; da man veu a entrada na alta política, na galega.
7. Na española, aparte de presidente do PPdG indícase que é un dos baróns que máis apoia a Rajoy; na galega, afírmase que é vogal electo do partido.
8. Para rematar, a española refire todos os cargos que ocupou, mentres que a galega demórase algo en explicar o seu labor de goberno para rematar cunha serie de comentarios negativos sobre a súa política lingüística, coa reproducción literal dunha frase de Avelino Pousa Antelo sobre a enquisa de xuño: "unha aberración pedagóxica e unha pallasada" e coa denuncia do BNG á UNESCO.
9. As referencias finais da española van desde o 20minutos ata La Región, pasando por EL PAÍS, La voz e o Faro; na galega, Vieiros, A nosa terra, Xornal e Galiza-Hoxe.
Faltan por ver nas outras linguas. En francés explican o seu galeguismo. En inglés e en catalán simplemente sinalan que é o actual Presidente e en ruso din (ou iso creo) que naceu en Лос Пеарес.




