Caxigalines nella Reguera'l Campizu

26 febbraio 2010

QUEVEDIANISMO FECAL

Quevedo é un autor eminente da literatura española. A súa grandeza, por repetir ao Borges, é verbal. E por iso non é estraño que a súa obra sexa a principal autoridade (compartida co Quijote de Cervantes) na construcción do Diccionario da Real Academia Española. Nos séculos XVIII e XIX a súa prosa satírica (a poesía é outro cantar) foi considerada clásica por imitable: entre os seus libros (o Buscón, os Sueños) e o Quijote cervantino animan o canon estilístico dos novelistas decimonónicos/as. No século XX, as vangardas e o cambio estético propician unha maior diversidade na proclamación de figuras relevantes e fai que Quevedo, sen perder moita da estimación, comparta con moita máis xente o dobre cumio parnasiano.
Nese Galiñeiro das letras, Quevedo e Cervantes repártense os papeis estilísticos. Non vou estenderme niso, pero Quevedo atende ao gusto satírico. A descripción hiperbólica, a tendencia ao vituperio ou á diatriba, a construcción caótica dun mundo abigarrado, a caricatura e o prototipo das figuras censuradas forman parte do seu planteamento literario, xunto ao pracer pola metáfora estravagante ou polas diloxías que requiren intelixencia lectora. A súa literatura constitúe, de crer os manuais e a bibliografía inxente ao respecto, unha liña moi fértil na historia literaria e aínda estética hispana, de aparente espíritu combativo e crítico: Goya, Valle Inclán, Buñuel (non sei neste caso moi ben por que) fían esa perspectiva, aínda que con obxectivos ou finalidades diverxentes.
Resulta discutible toda esta tese, pero o que non parece tan discutible ao meu xuízo é a tendencia última nos xornais da dereita máis execrable de escribir á moda de Quevedo. Ese quevedianismo fixo e fai furor entre os escritores máis conservadores, máis retrógrados, que teñen a gala enfundarse nesa máscara do autor cortesano fustigador de costumes e, por suposto, sempre próximo ao poder. Dirase que o propio Quevedo, coa súa reaccionaria visión do mundo e a súa pertinaz presencia no bulebule da corte, contribúe a esa querencia.
É posible, pero parece evidente, pola lectura dos seus máis coñecidos paladíns, que teñen a Quevedo entre cella e cella, co dobre propósito de facerense os máis castizos do curral, sempre lambidos polos incondicionais do españolismo rancio, e os donos incontestables do vituperio, xénero admirable que eles convirten en inmundicia.
Nunca o quevedianismo (de longa e agradecida estirpe) tivo tan miserable estela.

5 commenti:

De la Highway 61 ha detto...

Perdón. Este Quevedo era concertista ou culturista?

ms ha detto...

E logo Quevedo foi menos miserable que os seus seguidores modernos?

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

Non lle sei en cuestións de graos. Ser miserable no século XVII, cun réxime autoritario e tiránico, e ser miserable no século XXI, cun réxime democrático, non é, creo, o mesmo.
O que quixen sinalar eu era a conscientemente elixida estirpe quevediana do vituperio actual. E, sobre todo, a torpeza e a xenreira inicuas de tal afán. Que poden estar no orixinal, pero que agora semellan moito máis inmundas. Por careceren estes columnistas, ao meu xuízo, de humor, enxeño e talento para a burla.

Pablo do Paso ha detto...

Engadiría á súa tese o Larrismo (el gallego es un animal muy parecido al hombre, inventado para alivio del asno), que en Madrid segue a facer estragos. E noutros lados, lembren vostedes alá polo Sur cando xulgaban o caso Rocío Waninkhof, á presunta culpable acusouna o fiscal -un fiscal non é un ignaro que fala por falar, agardamos- de ter un carácter "muy gallego".
Eu iría un paso máis aló con estes columnistas: están desfogando agora o que non lles deixou Franco, aquel gallego que lles morreu na cama e deixou todo atado. A eles tamén. Atados ao pasado, vivindo nun franquismo sen Franco.

detective crepuscular ha detto...

Entón ao de Aznar podíamoslle chamar Quevededismo ereccional e ao de Rosa Díez Quevedoenza antigalega. Está ben iso, Don Arumes de Quevedo y Piñeiros. Mui fino o seu, como sempre.