LAGO BAIKAL
Unha vez estiven no lago Baikal. Cheguei onda el desde o Irkutsk dos decembristas e de Miguel Strogoff, en barco polo río Angará. Foi nun verán de perestroika nunha parada do transiberiano que nos levaba desde Moscú a Ghabarovsk. Onte lembrei aquela paisaxe coas imaxes dunha reportaxe da televisión. Lembrei o ceo limpo, diáfano, as xélidas augas, transparentes, daquel inmenso lago. Lembrei un xantar cuns mariñeiros rusos que coñecían Vigo e que nos convidaron a chiculate con améndoas que quitaron do peto interior do abrigo e a vodka como aperitivos daquela insólita ementa. Lembrei as casiñas de madeira dos buriatos e os camiños e as senras de lama e pedra, e a igrexa encurutada no medio dun piñeiral infinito co campanario en forma de bulbos de tulipa.

1 comentarios:
Lago Baikal, Lago Baikal. Esta foto está feita dende o Monte Ferro e o anaco de terra que se ve ao fondo é a punta do Morraso. Co fotoxó eliminache Toraia, Nighrán, e 23 ha. de pinheiros queimados e xa está.
Publicar un comentario en la entrada