Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 maggio 2008

ANA IACTA EST

Onte houbo emoción e saiu a bágoa por moitos lados. Era a undécima promoción que se graduaba. Entre os case 90 estudantes, unha filla dunha curmá que remataba a carreira. Sobre o que supón de notorio paso de tempo, a ocasión foi magnífica. Magnífica porque alí estaba no atril o meu amigo Luis, un dos profesores máis queridos (se cadra o máis querido), cuxa elocuencia vital e entusiasta fai que sinta un lexítimo orgullo por compartirmos lugar de traballo. Magnífica porque un par de estudantes, alterando as normas protocolarias deste tipo de actos, fixo unha encantadora intervención chea de humor e intelixencia, de chiscadelas apropiadas e de notas divertidas que entretiveron ao persoal. Magnífica porque trouxeron para o acto a unha eminencia da disciplina para unha singular lección maxistral: o relato exemplar da súa vida para goce dos estudantes que a escoitaban coa devoción e o respeto que as súas palabras naquel intre (e, xaora, o seu impresionante curriculum) merecían. E magnífica porque, tras a ceremonia de entrega de becas e insignias, un sorprendente video, sobre varias fotografías dos estudantes en clase, na biblioteca, na cafetería, nos vestíbulos, nas portas dos despachos, nos destinos de Erasmus, logrou emocionar á concurrencia, mesmo cun pequeno agasallo en forma de filmación caseira de dúas compañeiras súas, que, desde Sidney, onde están pasando este ano académico cunha bolsa, non quixeron perderse a ceremonia. Os aplausos atronadores para ese momento conseguiron dar tempo a que as bágoas asomaran libres polos ollos de tanta emocionada xente. 
Quixen cando rematou o acto explicar por que me conmove e só cheguei a considerar que se debía a unha mistura de felicidade e de tristeza: a felicidade, incontible nos rostros daquelas raparigas (guapísimas, por certo, na súa orgullosísima estampa) e daqueles rapaces (non menos estupendos no seu look de here i am) e a tristeza, na conciencia de que aquilo era o final e, ao tempo, o comezo de tantas outras cousas. Os pais miraban desde o alto esa escea única de homes e mulleres de talento e vida por diante e sentínme parte deles. E, como non, non fun capaz de reprimir (nen quixen) a fermosa nostalxia do futuro.  

2 commenti:

torredebabel ha detto...

curioso o que nos pasa aos profesores: traballamos para que medren e marchen e -cando esas dúas condicións se cumplen- sentímonos cheos e baleiros. Fermoso texto, arume.

Anonimo ha detto...

vostedes son unhos sentimentales. Bendito sentimentalismo.