Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 gennaio 2010

BASES DO DECRETO: ANÁLISE E REVISTA


Para Rubén, que mo pediu.

O decreto presentado o día 30 de decembro sobre as linguas no ensino non universitario ten como pretensión evidente a de modificar ao anterior de xuño de 2007 naqueles puntos onde os actuais administradores da Xunta amosaron diferencias insalvables co goberno bipartito. Non estamos diante dun novo decreto, senón máis ben dunha modificación parcial do novo decreto, a teor do articulado que pervive do redactado en Xuño de 2007. Os redactores do que agora se presenta puxeron durante todo este tempo especial fincapé en aspectos fundamentais moi concretos do establecido no anterior, mentres deixaron sen apenas revisión o resto.

O preámbulo do decreto é ben significativo do que sinalo porque, en troques de elaborar novos párrafos para explicar polo miudo os antecedentes, a necesidade e os obxectivos do decreto, prefire partir do existente (con subtís diferencias como a de mudar constitución por constitución española) para susbstituir aquelas pasaxes onde se substanciaba a iniciativa do anterior goberno por dar un pulo especial ao galego por párrafos de maior neutralidade ao respecto ou para engadir un particular párrafo de explicación política (redactado con pluma belixerante e pouco afastada da terminoloxía empregada en tempos electorais e polo tanto inaxeitada a un decreto con propósito de pervivencia) sobre os vieiros que levaron á redación do novo decreto. Creo que a aposta por mudar o indispensable non é a máis convincente se o que se pretende é cambiar a perspectiva e mesmo a idea básica da normalización lingüística no terreo educativo. Non sei se houbo preguiza redactora, pero creo que, para o cambio substantivo presentado, unha nova redación de todo o preámbulo sería obrigada.

No que respecta ás disposicións concretas, a análise miuda permite as seguintes observacións que paso a comentar. Fago este exercicio por respeto ao labor do lexislador, aínda que a lectura conxunta do texto completo non satisface o agardable nun texto destas características: demasiada fixación en certos aspectos controvertidos da norma (por mor dunha improcedente linguaxe combativa) e pouca elaboración completa do conxunto.

A disposición 2.2. (nos seguinte casos remitiré ao número soamente) responde ao malestar entre o profesorado de lingua española ao comezo da aplicación do decreto anterior por facer as memorias en lingua galega. Iso xa fora corrixido vía inspección, xa que non aparecía no decreto e parecía excesivo celo que mesmo aos sectores máis propicios ao anterior decreto lles parecía completamente impertinente. Agora aparece marcado non sei moi ben por qué. Ou si: para compracer a touro pasado a aqueles primeiro molestos (enseguida satisfeitos). Facer constancia disto é ben significativo da audiencia pretendida. A 2.3., do mesmo teor e sobre actas, tamén fora corrixido. Agora aparece explicado cunha amplitude só explicable para deixar en evidencia ao anterior. Impertinente resulta esta que eu vexo disposición propagandística, sobre todo cando tanto ista como a anterior ben podían ser tramitadas por vía circular das que tanto gustan as consellerías ao comezo de curso. Colocalas aquí adiante é toda unha declaración de intencións.

A 3.1. resume todo o programa para educación infantil. Eu creo que a aplicación dun referendo sobre que lingua quere o alumnado dun nivel non é modo máis conveniente de dar solución ao compromiso electoral de outorgar liberdade aos pais para decidir a lingua na que queren se eduquen os seus fillos. En primeiro lugar, porque o resultado, sendo democrático no sentido de aplicación de maiorías, impón unha lingua a unha boa parte dos derrotados no referendo previo. Aínda que esta disposición concede especial mención a quen segue unha lingua dominante que non é a da súa preferencia, non se determina, co detalle tranqulizador que unha norma destas caraceterísticas debe contemplar, o de atender "de xeito individualizado o alumnado que non teña coñecemento suficiente da lingua predominante". Non se explica en que consiste tal atención así como tampouco se determina, no caso de que haxa varios grupos, se cabe a posibilidade de establecer distincións por linguas ou se acaban todos por adoptar a lingua que nise nivel pode haber, aínda que haxa alumnos suficientes dun mesmo nivel para constituir grupo que pidan a outra lingua. Creo que neste punto está a chave principal de todo o asunto e creo, sinceramente, que non está ben pensada: digamos que, en termos de práctica de debate académico, hai que darlle, de querer manter esa perspectiva equilibradora de linguas, unha voltiña ou unhas voltiñas máis.

A 3.2. supón, a pesar de que a consulta na fase de inscrición tente evitar o debate entre a comunidade escolar, levar non só á comunidade escolar en abstracto senón ás propias aulas unha discusión que, lonxe de resolverse, procurará novos problemas entre os pais e nais de alumnos/as. O que pasou algunha vez polo consello escolar ou polas anpas sabe moi ben de que están feitas as discusións no terreo educativo, un terreo moi fértil para debates pouco meditados, sempre mediados por unha mala entendida forma de hiperprotección filial, e, por supostos, nocivos e pouco eficaces. Por moi democrático que pareza preguntar aos pais en que queren que se dean ciencias sociais ou matemáticas, as respostas (cuxo resultado en nada vai mudar: pensen en se vai ser diferente o instituto que prefira as ciencias sociais en español ou en galego) non pagan a pena dun estéril debate, promotor, o que resulta máis grave, de leas perigosas para a convivencia social. Sobre a elección en educación infantil as discusións ás portas das escolas poden ser gloriosas: será interesante contemplar desde un punto de vista sociolóxico como se vai resolver o anunciadísimo conflicto.

Da 4.2. pode deducirse o feito de que a docencia dunha materia nun instituto concreto vai asociada a unha lingua concreta, de tal xeito que se o IES X decidise que matemáticas fose impartida en español e ciencias sociais en galego, esta docencia debería figurar así consignada nos concursos de traslado ou nas prazas e á vista probablemente da posible matrícula doutros anos. Do que se establece na disposición 13 algo desto pode concluirse. Podera darse o caso de que elixan centros educativos (privados seguramente pola maior posibilidade de elección) en función de que lingua sexa a empregada en según que materias. E non creo esaxerar o máis mínimo.

As disposicións 4.2. e 4.3. permiten suxerir a desaparición das actuais Seccións Bilingües, pero nada se comenta ao respecto desta modalidade novidosa que se está a implantar estes anos con moito máis de voluntarismo e xenerosidade ca de organización eficiente e moderna. En todo caso, sería conveniente saber (en disposicións transitorias, que para iso están) que van facer con toda esta pequena e interesante (aínda que curta) iniciativa.

Na 5.2., a modo de concesión endiañada, se esixe que nos módulos se asegure o coñecemento do vocabulario específico en galego. A min sempre me asalta a mesma dúbida: quere dicir que xa o saben en español? Sempre hai nestas disposicións unha forma subtil de darlle rango secundario ao galego. Mesmo na obrigatoriedade de sabelo, mentres que non se esixe o mesmo para o español. Dase (non sei por que) por (demasiado) suposto. Non fondo estase admitindo, de forma implícita, que o resultado deste proceso (tal vez marcado pola propia situación precaria do galego en boa parte do sistema) beneficia o ensino en castelán e, polo tanto, se precisa unha explícita esixencia para o galego neste ámbito.

A 5.3. debería ser retirada: estaba no anterior, pero creo que non fai falta.

A 7.2. obriga ao alumnado das materias lingüísticas a empregarse oral e por escrito na lingua correspondiente. A priori resulta indiscutible (a pesar dos intentos do alumnado de non seguir tal norma por preguiza xeralizada no dominio das linguas), pero de tan indiscutible (para min, mesmo redundante) resulta sospeitosa. Porque probablemente a consellería ten datos suficientes da falta de atención de tales prácticas (constan numerosos casos de clases de galego ou de inglés dadas en castelán: ao revés pode haber, pero os casos son infinitamente menores), pero, sobre todo, porque esconde unha segunda parte, que, en efecto, ocupa a disposición 7.3.

A disposición 7.3. constitúe ao meu xuízo o miolo do decreto, xa que pon por escrito con claridde meridiana o que veñen reclamando desde hai anos os sectores menos favorables ao desenrolo do galego. Xa non digo o que sosteñen os máis coñecidos activistas contra a norma anterior, senón esa opinión extendida, fácilmente escoitable en variados ámbitos de Galicia, que non aceptan que os seus fillos se vexan obrigados en clase a falar, respostar e, sobre todo, facer os exames en galego. Esta é a disposición máis regresiva de todas e creo que, se non hai unha retirada do decreto (que non creo que haxa á vista do fragor político posto nisto polo goberno), este é un dos puntos que debe ser retirado (se se quere chegar a algún punto de acordo) ou substituido por unha disposición que asegure que os alumnos se desenvolverán en clase na lingua elixida para impartila e non na da súa preferencia. Esta disposición abre ademáis a posibilidade de que o profesorado apele a unha especie de obxeción lingüística, análoga ao establecido para o alumnado, que permita dar as clases na lingua tamén da súa preferencia. Non fai falta engadir o que esto suporía para a lingua galega.

A disposición 8.1. necesita unha redacción completamente nova (aínda que a súa supresión adiada para circulares específicas sería o conveniente). Semella pouco meditada. En primeiro lugar, os libros de todas as materias XA están redactados en dúas linguas, se cadra non coa aplicación exacta ao currículo galego, pero as editoriais que agora o fan estarían prestas a subsanalo. Non fai falta, pois, indicalo. Se cadra o que queren dicir é que os libros deben ser da lingua que se elixiu para a materia correspondiente, que é o que corresponde. A menos que queiran dicir que os alumnos tamén poden dispor para as aulas dos libros en dúas linguas para a súa elección. En ambos casos, deben dicilo con maior claridade.

Sen saírmos da primeira frase desta disposición 8.1. queda sen aclarar que libros se elixirán para o ano que vén, se non se saben as linguas elixidas por centro ata o día en que remata a preinscrición e os centros avalíen os resultados. Da segunda frase dedúcese que a administración galega promoverá o material didáctico en español cando a lingua elixida sexa a galega. Insólito, cando menos. Temible, polo máis.

Da 8.2. convén retirar algo que xa viña no anterior texto: o de que os materiais "terán a calidade científica e pedagóxica adecuadas": supoñemos que iso é así sempre. Redundante e innecesario, logo, a non ser que sexa cláusula para atacar con solemnidade a seguinte de que atenda ás peculiaridades de Galicia. Faltaría máis. Pero eso non debe ir nun decreto de plurilingüismo. E se vai, cal é a razón íntima?

A actual hipertrofia burocrática do sistema impide avaliar con claridade a disposición 9. Pero advirto algunhas notas discutibles: que a comisión sexa "nomeada polo equipo directivo" ou que sexa aprobado o proxecto lingüístico polo Consello Escolar sen pase previo polo claustro. Xa era así antes, pero podían aproveitar a enmenda á totalidade que agora se presenta para afinar estas cuestións técnicas. Dame a impresión de que o asunto da normalización ou da dinamización da lingua galega en moitos centros é cousa que atingue aos profesores de lingua galega e creo que deberían abrir o asunto cunha perspectiva algo menos rutinaria do que nos dá a entender o realizado nos centros. E falo desde a perspectiva de pai. Era esta unha boa oportunidade, dada a experiencia do responsable de política lingüística para que neste aspecto procurara unha maior determinación e activismo políticos. Pero optouse pola repetición do cliché anterior.

A disposición 9.5. suscita unha pregunta interesante, tida en conta a práctica visible noutras administracións gobernadas polo PP ou na teoría educativa dos sectores máis liberais dos partidos democratacristiáns ou conservadores en Europa: haberá exames de reválida lingüística en cada final de periodo educativo? Se é así, debería ser máis clara a frase sobre avaliación dos resultados: algo máis ca meros informes (repetidos ad nauseam dun ano para outro) para a inspección debería haber, pero esta cuestión debería quedar máis definida. Pero tamén se pode deixar para ulteriores circulares, lugar, por certo, onde algunhas das cousas que aquí se presentan teñen mellor acougo.

Sobre a incorporación dunha lingua estranxeira outra será a miña observación, pero polo de hoxe esta é a miña análise do decreto desde unha perspectiva apegada ao texto. Creo que as bases do decreto desvían o propósito marcado pola LNL e polo PXPL de promoción do uso da lingua galega no ensino por unha política de tan axustado como inxusto equilibrio entre dúas linguas que son consideradas a un mesmo nivel. Ese é o meu punto de discrepancia radical con este texto, da que se derivan moitas destas miñas suxerencias e opinións, que preferín presentar nun terreo posibilista a sabendas de que o decreto, con toda a contestación que esixe, está destinado a ser discutido no parlamento, no CCG e na Real Academia Española. Sirvan, pois, estas miñas liñas de consideración crítica ao debate. 

A foto é de Carolina: Ponlas espidas sobre John Moore.

12 commenti:

R.R. ha detto...

;-) Diolopaje. Seguiremos atentos, porque discutirlle non lle discuto nada. Contareille, iso si, as chácharas dos pais nas portas da escola ou nas reunións informativas cos mestres, que xa o pasado ano houbo algunha ben interesante.

Paseante ha detto...

Excelente análise. Do mellor que se leva feito nestes días. Agardemos que o lea ben de xente!

Antonio Martínez ha detto...

Grazas polo traballo e polas clarificacións. Tan só un apuntamento. Na actualidade o Proxecto Lingüístico ten que pasar polo Claustro e logo polo Consello Escolar (falo desde a práctica e de memoria)

arume dos piñeiros ha detto...

Mireino ben antes de escribir, pero segundo o decreto 124/2007 é a comisión pedagóxica quen decide o plano lingüístico.

2. O proxecto lingüístico formará parte do proxecto educativo do centro educativo. Será redactado por unha comisión do profesorado do centro, designada polo equipo directivo, oída a comisión de coordinación pedagóxica. Na súa composición terán especial relevancia o equipo de normalización e dinamización lingüística e os compoñentes dos departamentos das outras linguas.

3. O proxecto lingüístico do centro será aprobado e avaliado polo Consello Escolar do centro educativo.

Pero moitísimas gracias polas vosas palabras.

Antonio Martínez ha detto...

Admitido (e comprobado o erro). No meu centro pasouse polo Claustro antes de ir ao Consello Escolar. Saúdos.

folerpa ha detto...

O que sabe, sabe...
Prabéns por tan rigorosa analise, caro Arume

Xaime ha detto...

Sempre o dixen, vostede vale moito. É unha mágoa que sexa socialdemócrata, por que lle tíñamos preparado un postiño na lista das municipais de Vigo.

Anonimo ha detto...

Parabéns polo análise que na súa maior parte comparto. Tiven a oportunidade de falar estes días con persoas que fixeron o borrador (xa vos podedes imaxinar) e recordan que é iso, un borrador. A min paréceme que pouco pode cambiar, aínda que están dispostos a falar con todos para intentar consensuar. Eu sego a pensar que baixar do 50% é un paso atrás sen discusión, polo que lles manifestei de novo a miña visión crítica do tema.

Parabéns de novo


Rafa Cuiña

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Xa digo que fixen este traballo polo respeto que merece un texto desta natureza e, en certo modo, pola longa travesía académica co responsable actual de política lingüística nun mesmo espazo vital (ata hai pouco compartiamos o mesmo administrativo e o mesmo despacho), tinguida de amizade e trato moi cordial. Que espero sigan intactos a pesar de que amose a miña discrepancia e a miña crítica sobre o traballo presentado. A min tamén me pasou con el noutros mesteres menos importantes desde logo e deles, e a pesar das fondas diferencias, saímos sempre amigos.
A min os borradores me gustan, pero non deben saír antes de ser ben pulidos para buscar consensos e acordos. Quitalos á luz pública trae moitos problemas, a non ser, claro está, que se queira marcar o terreo, como creo é o caso. Así entendido, eu pediría maior compromiso verbal e político por parte do lexislador ou por parte dos redactores do borrador de chegaren a acordos. Pediría algo que eles tamén pedían ou botaban en falta no anterior: moita pedagoxía, moita lea dialéctica cos discrepantes, moita reunión cos sectores afectados, moita conversa cos que desde agora amosan unha total discrepancia. Creo que debería ser o único obxectivo procurar eses acordos, pero hai que recoñecer que algunhas das cousas escritas neste papel dificultan considerablemente a posta en escea de tales discusións.
Entendéndose que a min o decreto anterior non me parecía mal e tamén que había moita xente á que lle incomodaba o decreto e que milita ou vota ao partido que gañou as eleccións e que confiou en Feijoo para mudalo, eu creo que un leve retoque sería suficiente: bastaba con quitar a expresión ao parecer decisiva de "como mínimo" para que quedase un 50% para cada lingua, nin máis nin menos. E que fosen os consellos escolares dos centros, tras debate no interior do claustro de profesores, quen decidise a distribución das materias, dacordo coas análises sobre a lingua predominante no entorno educativo.
O resto do decreto, cunha redacción de maior pulo ao galego en todos os niveis, con expresións máis contundentes na procura da súa sistemática utilización tal e como establecía o decreto 124/2007 contentaría aos partidarios do anterior.
Faltaría contentar aos que puxeron teima no asunto dos libros de texto e da liberdade da lingua dos alumnos en clase: nise punto si que habería que poñerse a negociar subtilmente, con xenerosidade e intelixencia para non ter que levar o problema máis alá de san caetano. Pero tal e como están as cousas, dame que non vai ser nada fácil.

E moitas gracias de novo polas súas xenerosas palabras.

Anonimo ha detto...

Amigo Arume, agradecería que opinara das seguintes cuestións:
O presidente Feijóo di que os docentes con inglés terán trato preferenteclic... pero, terán trato preferente en relación a outros que coñezan un idioma estranxeiro como póde ser o francés ou o italiano? (No decreto fálase dun idioma estranxeiro, PREFERIBLEMENTE inglés)
Se a resposta é SÍ, coido que sería claramente discriminatorio.
Se a resposta é NON, temos un problema. Cáseque todos os docentes galegos poderían alegar o coñecemento dunha lingua estranxeira de 250 millóns de falantes,o portugués que, cun pequeno esforzo estarían en condicións de empregar infinitamente millor que o inglés.( podería se demostrar cunha proba práctica, en cada caso).
Sería absurdo e difícilmente xustificable ( xurídicamente) que o portugués fose vetado por principio e, os que alegasen o seu coñecemento, excluidos dos méritos que sí se lle recoñecerían ao inglés (non sei se me sigue, xa sei que é confuso).

Por outra parte, nas actuais Seccións Bilíngües, pódese constituir un grupo sempre que sexa VOLUNTARIO para alunos e profesores, nunca obrigatorio.
Que pasará se un só aluno alega falta de coñecementos básicos para seguir a clase en inglés? ( non sería nada improbable)
Quero lembrar tamén que, no recente accesoa cátedras, o coñecemento de idiomas acreditado mediante a titulación na Escola Oficial de Idiomas valorouse con CERO PUNTOS.
Sexa como sexa, nos centros de ensino vai haber diversión para rato!

Anonimo ha detto...

clic

arume dos piñeiros ha detto...

Necesito saber que significa a expresión "docentes con inglés". Non sei se é reproducción literaria dun pensamento elaborado do presidente ou simple interpretación do xornalista.
Supoño, polo que se comenta a continuación, que se trata de docentes que poden certificar ou avalar un coñecemento serio do idioma inglés coa presentación da documentación axeitada que haberá de esixir a consellería correspondiente. Falo de xente que compite por unha praza determinada nun concurso de traslados ou nun concurso oposición. Iso ten que ser consultado, imaxino e creo obrigatorio, cos sindicatos (outra cousa é que cheguen a un acordo), xa que se trata dun incentivo moi determinado. Polo que eu sei, xa agora mesmo para o máster de secundaria, obrigatorio para acceder ao ensino, se pide a certificación dun nivel determinado (agora non lembro exactamente a denominación) de dominio da lingua inglesa. Quere esto dicir que calquera que siga a carreira docente, desde agora mesmo, desde este ano, ten que ter un determinado nivel de inglés. Obrigatoriamente.
Sobre o que di sobre o portugués, podería incorporarse sen problemas, pero tamén debería avalar ese coñecemento con probas fidefacentes do seu dominio. Sempre, claro está, desde a perspectiva actual da normativa vixente ou da práctica habitual, que considera ao portugués como lingua estranxeira. Vostede parece dar por suposto que o coñecemento da lingua galega concede automaticamente o certificado da lingua portuguesa. Non o dubido desde o punto de vista práctico (mesmo sen sermos necesariamente proclives ao lusismo), pero a efectos administrativos tal vez se requiran máis documentos adicionais.
As seccións bilingües son voluntarias, en efecto. Calquera alumno/a pode alegar ese descoñecemento, pero creo que ten un prazo determinado para xulgar conveniente deixar o sistema por imposibilidade de seguilo. Non pode a última hora alegar esa ignorancia.

Pero xa que pon vostede este caso, direille que supoño que a actual impartición de clases voluntarias en inglés tamén servirá de estímulo nos concursos de prazas. Porque sería paradóxico que por seren voluntarios perderan algúns dos incentivos do novo planteamento. Desde aquí apelo ao amigo Lorenzo a que conte cos profesores que de forma máis voluntarista ca voluntaria xa están dando clases en lingua inglesa.

O da EOI é para nota: unha vergonza sen paliativos. Cinco anos de estudios de linguas valen menos cun curso de gaiteiro en Santiago dunha semán. E o do gaiteiro ben sabe vostede porque o digo.

Nota: un dos riscos das seccións bilingües é que están actuando como encubertos sistemas de selección de alumnos por arriba. Co tempo van traer problemas, pero o que eu quería constatar é a nula referencia no decreto a estas seccións bilingües.
E aproveito para suxerir ao responsable de Política Lingüística que separe a cuestión da lingua galega e da lingua castelá dos problemas derivados da implantación da lingua inglesa no ensino. Creo que son dous cousas que poden conciliarse, pero, tratadas conxuntamente, provocan máis confusión ca claridade na exposición e na discusión pública.