Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 maggio 2008

CASCO VELLO VELLO


O Casco vello de Vigo é un lugar infame. Por riba, continúan exercendo, nuns bares de detritus, as prostitutas co mesmo xeito noxento de hai miles de anos. Na escaleira que baixa a Elduayen, un feixe de drogadictos e alcohólicos ocupa chanzos e o tempo entre voces destempladas, liortas e un paisaxe de litronas e plásticos estrados pola rúa. De cando en vez saen berrando en dirección incerta sen facerenlle caso ao semáforo que está cabo deles. Máis abaixo, por entre as ruelas, as casas están derruidas e alí malviven e malmorren non sei cantas persoas sen oficio nen beneficio. Un pequeno mercado de obxectos roubados (nin siquera: mesmo venden peines sen dentes) na pequena costa de san Vicente completa un esceario marxinal, de seres condeados á miseria máis absoluta. Todo esto desde hai anos (a min dame a impresión que medra), sen que poidamos ver saída a tal situación.

Pois ben. Chega unha cámara e un micrófono e rexistra esa vida que todo vigués pode contemplar todos os días e as nosas autoridades ven dañada a nosa imaxe, perxudicada a nosa maravillosa vida de candidatos a albergar estudantes hormonados. O escándalo é escoitarmos a faragulla que nos goberna (e eses comerciantes que nunca teñen bastante) botarlle a culpa aos ángulos de visión: para a xente demasiado afeita a travelings elegantes que se deslizan por un paseo na mellor praia do mundo, algúns picados sobre o rostro cetrino dun tipo que se está despedindo entre grafittis e muros afumicados poden resultar demasiado nocivos.

Calen dunha vez e fagan algo. Que para iso lles pagamos.

11 commenti:

bouzafria ha detto...

Permítame subscribir verba a verba todo o que di, cun pequeno engadido: A única vantaxe da zona vella de Vigo é que por alí os coches non poden ir facendo o animal como no resto das rúas. En Vigo, cando un conductor ve que o semáforo ao que se achega se pón laranxa, automaticamente pisa o acelerador coma se estivese en Montmeló. Dende que volvín vivir a Vigo creo nos Anxos da Garda, só iso xustifica que haxa tan poucas mortes ao cabo do ano (Hoxe pola mañá un coche volcado enriba da beirarrúa da Avenida Castelao).
E volvendo ao seu tema: Non só a degradación está na rúa Alta ou na Ferrería, pódese ollar tamén na Praza do Berbés, que en tempos foi postal típica, ou na rúa industrial-residencial de Jacinto Benavente.

Anonimo ha detto...

está bem reclamar que os políticos fagam algo. nom estaria de mais, para além, começar por mudarmos os nossos preconceptos e a distáncia calculada e classista que mantemos com isso que vostede chama "seres condeados á miseria mais absoluta". poderia vostede começar por revisar expresons do tipo "prostitutas co mesmo xeito noxento de hai miles de anos" ou "un feixe de drogadictos e alcohólicos [que] ocupa chanzos e o tempo entre voces destempladas...". semelha que o único problema é que molestam ou perturbam a qualidade de vida do resto das pessoas, que nom se está a colocar como verdadeiro centro da exposiçom a qualidade de vida "também" de essas pessoas. nunca falariamos do "xeito noxento de hai centos de anos" para falar da nossa classe política ou de "um feixe de banqueiros e empresários que ocupam o tempo entre vozes desatemperadas, liortas e umha paisagem de cartos, e ansia de poder e ausência de escrúpulos".

detectar o problema com honestidade, o primeiro passo. agir em conseqüência, isso já nom pode esperar.

Anonimo ha detto...

Bouzafría: agradezo as súas verbas, pero xa ve como reaccionan os políticos cando sae a luz o que non queren que exista polo feito de que non falen deles. Non se preocupe que aínda están por ver os carteis que puxeron con "Mellorando o futuro". Eso pode ser glorioso.

Amigo i.: Convén ter de cando en vez algún preconcepto sobre a prostitución, a drogadicción ou a adicción ao alcohol. E sobre a pobreza extrema en que algúns (nunca poucos) viven e que determina boa parte do anterior. Os meus preconceptos acostuman a rexeitar esas formas de vida, estean ou non á vista. Pero quero crer que esta é a primeira vez que me visita porque os termos que eu emprego nunca fan distingos entre clases sociais: reciba, en todo caso, o meu saúdo e a miña benvida. Unha aperta, i.

Anonimo ha detto...

Un soño
Era o ano 1999 cando empecei a soñar. Soñaba con que a miña cidade acollera un gran evento deportivo, que fora un elemento dinamizador do noso deporte, pero tamén supuxera o impulso necesario para a consecuención de máis e mellores infraestruturas. Ese ano celebrábase en Mallorca a Universiada de Verán. Eu asistía con certa envexa, teño que recoñecelo, a aquel espectáculo e pensaba ¿por que non?, ¿por que non en Vigo?

Esa idea foi agromando na miña cabeza e empezou a tomar forma cando un goberno presidido polo BNG iniciou a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Na memoria inicial daquel documento xa se recollía a necesidade de que Vigo puidera organizar un evento deportivo de alto nivel internacional e mencionabase expresamente a Universiada. Con ese obxectivo reservouse espazo para a construción da Cidade do Deporte, elemento que é hoxe clave no noso proxecto de candidatura. Foi tamén por aquel entón cando e empezamos a recabar información sobre a celebración da Universiada en Mallorca.

O soño foi collendo forza é xa no programa electoral co que nos presentamos ás eleccións do ano 2003 aparecía como un compromiso do BNG que Vigo fora candidata a sede dunha Universiada. Daquela non tivemos opción a poder poñer en marcha esta iniciativa, pero eu seguía soñando. E novamente incluimos ese proxecto no programa co que nos presentamos ás últimas eleccións municipais. Desta vez si tivemos ocasión de asumir o reto e desde o primeiro momento empezamos a traballar para dar forma a ese soño.

Foron meses de moito traballo, pero o día 11 de marzo tivo a súa primeira recompensa coa elección de Vigo como candidata do Estado español á organización da Universiada 2013. Quero aproveitar este espazo para agradecer toda a colaboración que teño atopado nesta andaina que iniciamos hai seis meses. Sen a implicación neste proxecto de todas as institucións, o mundo do deporte, ás entidades, os colectivos empresariais, sociais, sindicais e veciñais sería moi difícil que hoxe poidéramos celebrar o noso primeiro éxito.

Pero eu sigo soñando. Agora entramos xa na recta final. Empregando un simil futbolístico podemos decir que conseguimos clasificarnos para a Champions e agora temos que loitar por gañar esa competición. É un reto difícil, pero estou certo de que non é imposible. Co respaldo dos vigueses e viguesas seremos quen de demostrar que Vigo é a mellor candidata para albergar unha competición que en número de participantes só supera unhas Olimpiadas.

Desde o 11 de marzo soño cun Balaídos reformado acollendo a cerimonia inaugural da Universiada en xullo de 2013. Soño cunha Vila Universitaria acollendo aos 10.000 deportistas universitarios de 170 países que encherán a nosa cidade. Soño con 5.000 voluntarios, mozos e mozas, como a mellor imaxen do que somos. Soño con deportistas galegos e galegas subindo ao alto do podio.

Soño e continúo soñando e agardo que todos e todas soñedes conmigo….

R.R. ha detto...

Eu non suscribo palabra por palabra o que vostede di, claro, pero ten máis razón que o que máis razón ten (que sospeito que non é nin santo nin deus).

Para i.: hai un refrán que di que cando alguén sinala á lúa nonseiquén mira o dedo. ¿Non é así?. Supoño que a un texto tan fermoso e soñador como o do bló do Domínguez non se lle poderá apoñer nada na contra da súa corrección política. O que hai que ler.

Anonimo ha detto...

O texto de Santi(ago) Domínguez é unha cursilada. Entre outras cousas.

Zerovacas ha detto...

é evidente que os procesos de recuperación dun barrio levan tempo, que algúns traballos xornalísticos descontextualizan feitos e ofrecen versións sesgadas. Pero tampouco están mal cousas como esta para que políticos e sociedade tomen conciencia da urxencia de tomar medidas

Ana Bande ha detto...

A min cursi non mo parece, o discurso do Santiago Dominguez, seméllame máis do mesmo, baleiro e alleo á realidade. Obxectivo, acadar votos. Esquecemento, arranxar os problemas prioritarios da cidade. Paréceme ben que vostede soñe con paxariños de cores para a súa cidade, pero eu comezaría por sanear o ar para que non morran asfixiados. Non home non, as cidades están para facelas habitables, humanizalas como lles gusta dicir, non para deixalas apodrecer e pintar sen raspar o ferruxe. E o primeiro, as persoas. Se hai que poñer un cento de centros de recuperación de drogodependentes haberá que facelo malia o que digan os veciños a quen ademáis haberá que ensinarlles as oportunidades de investir aquí. Eu teño un centro destes no baixo do eu edificio e nunca tiven problemas de seguridade con esta xente, é máis, ata agora é unha extraordinaria oportunidade para que a miña filla vexa o que é este mundo da droga e asegúrolle que os problemas, que foron moitos, desta mazá foron protagonizados por xoves de 15 a 18 anos que sabendo como saben da falla de efectivos policiais aniñaron por aquí por máis de dous anos para amolar cos seus berros e abusos á moitos cidadáns.

Anonimo ha detto...

Pois a min si que me parece cursi.

Anonimo ha detto...

O texto, ademais de cursi, é certamente baleiro. Pero non creo que teña como obxectivo acadar votos: para as vindeiras eleccións municipais aínda quedan uns aniños.

Anonimo ha detto...

Amigo Santiago Domínguez Blog: benvido a esta casa. Aínda que non entrou no fondo do post, dedicoulle un enorme espazo a contestar "o dos estudantes hormonados". Non podo estarlle máis agradecido pola súa atención. E en resposta ao seu soño non podo máis que ofrecerlle o froito do meu desvelo: para esa universiada non conte conmigo.