Caxigalines nella Reguera'l Campizu

12 febbraio 2010

CASI BRUNO

O descontento coa política da cidade dos que escribimos na rede, sexan blogs, comentarios de blogs, foros de xornais ou plataformas sociais como facebook, é extraordinario. É moi probable que sexan ou sexamos ben poucos, moitos menos cós que pasearon o outro día polas rúas de Vigo. Pero resulta curiosa a coincidencia no pronóstico e na desafección e rexeitamento do que estamos vendo todos os días. Non haberá unanimidade (iso espero) na solución ao problema, pero o que parece patente é o disgusto, cabreo, cansanzo, fartura sobre as últimas actuacións da clase política, case sen excepción (poño o case para non parece todo o drástico que o corpo me pide). Goberno municipal (nos dous canles que a medida que pasa o tempo apenas se comunican) e oposición (incluida a escandalosa figura da presidenta da autoridade portuaria) compiten, entrenando duramente todos os días, en insensata elocuencia. A lea sempre cun ton insultante cada vez que ven un micro nos arredores está á orde do día. Os xornais aparecen cheos de publicidade (pagada desde o poder público, pésimamente disimulada, no límite do delictivo) non só de proxectos ridículos senón de ataques constantes ao adversario político. Calquera pode ilustrar o desastre con detallados casos de tolemias verbais que non fan máis ca avivar o descontento radical dos seus cidadáns. 
Os partidos elixirán de entre os seus cooptados, os que xa están aí e non van marchar ou os elixidos polo número desorbitado de 450 militantes nunha noite nun hotel (non sen antes probar o calibre das puñadas) aos candidatos que se presenten ás seguintes eleccións. Para os que vivimos nesta cidade, o panorama preséntase, como diría o poeta, "umbrío por la pena, casi bruno".   

3 commenti:

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

Despois de escribir, un minuto despois simplemente, leo isto: Televigo.

Ana Bande ha detto...

Vigo non merece esto, abofé. Non merece estes políticos, nin tampouco esta mediocridade dos medios.

Confusion ha detto...

Despois de ver ese link só podemos dicir que temos uns políticos dignos de Sálvame Deluxe. A sra. Méndez se non que quere estar co indocumentado ese o que ten que facer é non ir e en ningún caso vetalo. A verdade é que o BNG dá peniña, así lles vai e peor que lles vai ir.