Agora que non están os avaliadores e o campo parece despexado, é bó momento para falar da universiada. Parece ser que, en dura competencia con dúas cidades de por aí, a Tenencia de Alcaldía ten montada unha festa permanente para que vexan os xuices do evento que aquí estamos entusiasmados e felices coa idea. Un día poñen bandeiriñas polos balcóns (en inglés, seica), outro fan unha carreira biciclística polo centro (en domingo e cunha camiseta bermella) e outro piden que donemos os tenis (zapatillas de deporte, bambas, praieiras) para que pulsen a nosa obsesión e case luxuria por albergar (xa o termo promete) os xogos universitarios. Non contentos con implicar a todo quisque, achegan á corporación a petición consensuada de cartos para as eventualidades. Se a memoria non me falla, a primeira eventualidade costa 1 millón de euros. Todos os grupos municipais, por non quedar de cutres, por se acaso, admitiron a reserva de tales cartos, con escasa concreción sobre o destino dos mesmos. A pouco que un coñeza o choio, saberá que en picos, paus e sachos irá a conta do capitán domínguez e demáis edís, sen excepcións. A segunda eventualidade (que nin contemplo) costará o que non está escrito (como tampouco está escrito o anterior): centos de millóns de euros. Hai que facer a cidade do deporte alá por Valadares (se non hai universiada, non haberá cidade?), a carón da ronda e perto do campus; hai que construir unha residencia para depósito de estudantes deportistas, que logo despois quedará para os escasos estudantes que aínda cometen a tolemia de ficar no campus; hai que modificar o Balaídos; e, sobre todo, hai que adornar todo esto cos conseguintes gastos en promoción, difusión, propaganda e folletización universais. O máis impresionante é que, para calmar as feras intelectuais e culturetas da cidade, hai previstas, a xeito de narcotizantes burdos, actuacións, concertos, encontros, coa marquiña cultural para que logo non digan.
Como ilusión e como soño ten un pase que non debería ir máis alá do pasillo da casa do tenente alcalde de turno. Pero como iniciativa cutre para lograr que a Xunta/Ministerio/UE deixe cartos na cidade é delirante. Eu agardo (outros xa o temen) que a cordura e o sentido común imperen na administración galega. Deamos por perdido o primeiro millón de euros. Pero ningún outro máis.
3 commenti:
E sabe vostede se a Universidade de Vigo meteu cartos xa nos fastos promocionaís da Universiada?
Pero a cuestión non é se hai que meter cartos, sino se o retorno deses cartos vai ser efectivo. Cal vai ser o impato que terá sobre a cidade?
En definitiva haberá que ver se compensa o no o investimento ou se, tal e como semella, tan só é un gasto de cartos
Estes delirios megalomaníacos adoitan traer máis problemas ca vantexes. Pero o máis indignante do asunto é a alegría coa que se actúa cos diñeiros públicos: en tempos de crise e recesión, con tantas necesidades básicas aínda por cubrir, actúan como novos ricos con total impunidade. Que lles dean!
Aínda me estou a acordar das "grandes fiestas" dos "Cincocentos anos (sic) da USC" e dos cartiños que gastou a equipa reitoral daquel señor tan ben aseado e de barba branca que parecía o papá de Heidi.
Acabou o día e acabou a romaría, e non queda nada daquilo. Non sei se estes da Universicacicada farán o mesmo.
Pufo non deixarán porque neste país sempre o papá administración acode veloz para tapar buratos dos que non teñen cartos que perder.
Posta un commento