A aparición dos formatos blogs e similares, como o facebook ou tuenti, permitiu, entre outras cousas, a exercitación diaria da escrita. Non sei se iso conleva unha mellora na elaboración de discursos ou unha maior precisión lingüística. Non cabe dúbida de que automatiza e fomenta o movemento dos dedos polo teclado e favorece unha disposición áxil e esperta sobre calquera circunstancia. Só por isto, o exercicio de escribir textos para tales formatos sería moi beneficioso.
Pero ademáis a capacidade distintiva de resposta case inmediata que ten esta modalidade seudo/protoliteraria permite unha retroalimentación moi interesante, non só de pulimento do nivel dialéctico senón de rigor na exposición das opinións ou das ideas. É máis: pode darse o caso de que estas aparezan no fragor da disputa, antes agochadas nun maremagnum de ocorrencias e sospeitas sen artellar.
Para moita xente, escribir nun blog, ben como posteador (se me le o meu pai pensará que estou a falar da mina) ou ben como comentarista de posts, supón unha realidade relativamente nova. A agrafía de xente intelectualmente moi viva, moi culta, resulta moi notable: a súa canle é fundamentalment a oralidade, a discusión en público, a tertulia. Pero apenas esboza na súa vida un par de liñas desas ideas. Tamén é certo que moitos seguen a ser lectores pasivos dos blogs, pero cando dan o salto á escrita, advirten abraiados primeiro que, con tanto nivel de cultura, apenas escribiran, e segundo que poden escribir (como facían in illo tempore obrigados pola circunstancias de estudiante) e por riba escribir moi ben. Esa nova situación persoal repercute no nivel alcanzado polos blogs na súa producción colectiva, xa que, de forma involuntaria, estes foron incorporando voces que parecían desaproveitadamente mudas no mundo da escrita. Este fenómeno engade a outras novidades e singularidades dos blogs a ampliación e diversidade de perspectivas, antes case sempre cifradas nunha mediación impresa que agora comeza a ser asaltada con todas as feraces consecuencias. A presencia de cada vez máis xente deste perfil a estes foros esixe máis rigor, máis coñecementos, mellores exposicións e, sen dúbida, a percura dunha significativa vontade de estilo, capaz de formalizar un discurso convincente e atractivo.
Non se pode pedir máis a algo que comezou case coma un xogo, coma un divertimento, naïf se cadra, e vai adquirindo poses de alto estatuto literario.
5 commenti:
Tiña que dicilo, quén tiña que dicilo. Parabéns, polo que a min respecta.
Atinada, reflexión, arume. En verdade este é un aspecto dos blogues que rara vez se destaca: a contrucción escrita dun discurso, dunha voz propia.
Chapeau, don Arume.-
Bueno, bueno...
TOTALMENTE DE ACORDO. Comparto o seu comentario sobre a capacidade de reflexión dos blogues e mesmo unha certa sorpresa polo nivel da escrita de moitos dos comentaristas.
Posta un commento