Caxigalines nella Reguera'l Campizu

25 maggio 2009

CHUS PATO: O CANON DA POESÍA GALEGA ACTUAL


Dificil ponderar Hordas de escritura sen incurrir en paráfrase ou en abstrusa metapoética. Difícil, suponse, descifralo, de haber álxebra na súa cerna e non só corpo e escritura. Difícil mesmo lelas, se non se prescinde de atoparmos sentidos ou síntomas. Chus Pato escribe coa lóxica interna da linguaxe poética, ao pairo da propia singradura, nun exercicio soberano de liberdade literaria e estética.

O libro, tras unha páxina de preámbulo ou máis ben de acorde, parte dunha cita de Schlegel: a poesía é un discurso republicano, quer dicir, autónomo, que adquire corpo ao construirse e mesmo ao tomar as súas propias decisións. O texto de HdE, multiforme, ábrese en tres partes (Termidor, Tebas e Os paxaros queriamolos ser e non nos gustan os prismáticos), que ben poden non ser nin siquera articulacións do discurso, dada a non sucesividade do que ela (ou quen escriba) chama episodio primeiro e continuación que non ten remate.

Na primeira parte, establécese (ou vaise establecendo nun permanente estado de construcción) unha disposición case narrativa. Depende ese tecido dunha Eu narradora, corporeizada polas propias letras que escribe como solución integradora dos sucesivos e diversos textos: "o eu é  (ou a eu) o argumento que sostén as partes", non o que urde o discurso, senón o resultado de configurar ese propio discurso.

As súas palabras (nin siquera admite visión ou perspectiva, porque de toda a creación se encarga o propio verbo) edifican unha protagonista, unha heroína (unha Hrg enigmática). Crean o relato dunha personaxe tamén colectiva, que ocupa non só un espazo definido, urbano, relativamente contemporáneo (de aeroportos, paseos, paradas de autobuses, museos), senón tamén un espazo case mítico, do pobo que decide traspasar o Rhin e camiñar longas xornadas ata chegar a un lugar de perfís atlánticos en casas con teitos de colmo. Esta heroína, de nome Mariana, protagonista central da tamén narrativa segunda parte do libro (ausente xa a eu narradora, despedida por incumprimento das esixencias por parte da autora), pretende ser a efixie dunha (auto)biografía. Aquí as referencias a un Ourense de infancias (non citado máis ca a través de nomes de rúas: esa Tebas de Edipo, pero quizá de Anfión,o músico constructor dos muros da cidade) ou paisaxes doutros espazos, evocados coa insinuación dun substantivo ou a indicación dunha lembranza, ocupan a maior parte do discurso. Non faltan nin nesta parte nin na anterior, o fértil xogo de reflexións sobre a arte ou a arquitectura. Nestes casos, para confrontalos coa experiencia. Baste esa pasaxe, ao meu xuízo exemplar, da contemplación do monte santa Victoria (pintado por Cézanne) desde unha gasolineira da autopista provenzal de dez carrís (p. 19) para celebrar o esforzo artístico e non o resultado estético definitivo.

A última parte, cun anacoluto deliberado por título, define o acto poético como un delirio fronte ao vivido. “Botar por fóra a escritura”, escribe sobre si mesma a voz que se constrúe. Esta parte suxerida como (auto)biográfica  faise suxeito histórico (sempre sen abandonar a inestabilidade do eu, mil veces desaparecid*), cando narra a visita aos campos de concentración (“sobre a ruina perfílase claramente a Historia”) ou cando menciona Galicia destruida. Tiresias (e aquí vén a memoria de T.S. Eliot) e Orfeo, a pegada da tradición dentro deste complexo deseño poético, parecen outorgar a esa construcción a perspectiva do castigo e da perda.

Non sei se convén sinalar a obvia ausencia de versificación do libro para aqueles que nin siquera tiveron a curiosidade de mergullarse nestas “nunca apreixables augas do río”. O neófit* pregúntase pola condición poética de textos entrecortados con pretensión de aparente prosa. O iniciad* rexeita mesmo a dúbida, pero terá tarefa esixida para aprender o conxunto e dotalo desa coherencia que ao mellor non precisa, probablemente porque o que significa é o que é sobre a páxina que lemos: esa mistura do que nunha liña escollida ao chou se chama morfemas de sangue. A linguaxe poética recibe, con estas palabras de Chus Pato (¿), unha nova e constante epifanía e demostra que é o fundamento do discurso.

Teño para min que este libro vai para o canon. Pode gustar máis ou menos aos mandaríns deste oficio crítico; pode optar (e gañar) a canto encomio (ou vituperio) se (lle) presente; pode a fama librar o incertidume de tomalo como seu. Difícil, imposible, en todo caso, coñecer a poesía ou a literatura galega sen ler Hordas de escritura

8 commenti:

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

O risco foi evitado: conseguín unha paráfrase abstrusa metapoética ao tempo.

testemuña presencial ha detto...

E ti, Arume, escrebes estes textos por divertirte e sen ánimo de perdurar ou con vontade blogueira canónica? Que tes pensado facer con eles, conservalos por ver de os publicar nun futuro próximo ou deixalos perder no pozo sen fondo das "Entradas antiguas"? Eu gostaría que fose o primeiro. Unha testemuña blogueira de primeira orde.

Anonimo ha detto...

¡Che! ¡Que as entradas antigas aí están para quen queira lelas! ¡Un pouco de modernidade! ;-)

Boa idea esa, si...

SurOeste ha detto...

Eu penso que Arume está instalado no século XXI e, polo tanto, non mira para o seu blog coma unha catapulta para a "edición" guttemgergiana ou, como tamén pasa, como un altavoz das súas edicións guttembergiana.
De aquí á eternidade, amigos!, pois as entradas antigas están perfectamente accesíbeis dándolle á rodiña e non perdidas nun volume poeirento que só se poode atopar nunha biblioteca universitaria.

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

Gústame a idea de escribir sobre libros ou autores dos que apenas sei nada, pero que descubro. Teño referencias de lecturas espalladas, pero nada sólido ao respecto. Leo libros de poemas e miro se a primeira lectura supón algo. Deixo que as palabras me convenzan (case ao xeito de como emite Chus Pato) e logo volvo lelo coa razón máis agudizada. Tomo notas e tento comprender/aprender o conxunto. Cando creo que xa teño entendidos os textos, ou alomenos cando chego a convencerme de que logro contelos no meu caletre, entón escribo. Como un novo xeito de comprensión.
Pero non teño pretensión maior de dalos a coñecer por esta vía a xente que ao mellor os le. Se cadra a íntima satisfacción de dar valor a eses textos coa incitación á súa lectura.

testemuña presencial ha detto...

O Arume "está instalado no século XXI", pero leva o resto dos séculos nas costas e segue aferrado ao cheiro a letra impresa que desprenden os libros e os xornais. Que sería do Arume sen periódicos? O pior castigo que se lle podía impor era deixalo sen periódicos. E xa non digamos sen o Babelia dos sábados. Deixalo un sábado sen o Babelia sería tanto como condenalo ao lume eterno. Antes abandona o Facebook que a letra impresa dos xornais. Mellor que non teña que pasar por tal proba. El sabe, e nós sabemos, que os seus textos non poden cair no esquecimento das "Entradas antiguas" e que merecen incorporarse á páxina impresa, por mais que Zapatero prometa unha aldea global do século XXI para todos e cada un dos nosos escolares, profesores e "xente do común" en xeral, o libro tradicional sexa substituído polo libro virtual e o xornal do que non pode prescindir o Arume sexa tragado pola voracidade oceánica da rede. E se non estou no certo, que el mesmo me desminta, se quere.

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

Pois non estou nada seguro de que nun tempo breve teña interese polos xornais en papel. E polos libros. A min os libros gústanme, pero tampouco son un colgao deles. Eu leo en calquera formato: importa máis a letra que a tinta ou a forma empregada. Pero teño que recoñecer que a letra agora mesmo que vexo na pantalla está enganchándome máis ca do libro. Hai cousas que non podo ler doutra maneira porque así está o negocio, pero non dubide que se podo conseguir un dispositivo para ler electrónicamente todo o que sae pois vai ser difícil que merque un libro. Outra cousa é a visita a librerías onde sempre podes atopar unha amiga ou un amigo para ir tomar unha caña no bar do lado.
Gústame ler o Babelia, pero podo pasar perfectamente sen el: como teña outra cousa máis divertida, o deixo. Seguro.
Pero, en calquera caso, agradézolles a tod*s vostedes o cariñoso trato que me adican.

tifossi blaugrana ha detto...

Aí, Arume, aí, que se vexan eses cores. Andan dicindo por aí que se no século XXI, que se en Babelia; diso nada, o Arume dos Piñeiros o que está instalado é nun Piñeirismo (nada que ver co de don Ramón) de colorido blaugrana e fortemente impregnado de esencialismo europeísta, como poderemos comprobar dentro de media hora. Que comece xa o partido, joder, que estou que non me teño en pé dos nervios. Non sei, vexo demasiada euforia na rua, como se xa gañáramos a champions. Que gañaremos, claro. E se non, que nos quitan o bailado e goleado durante todo o ano.