Hoxe no seu habitual artigo dos domingos na Voz Víctor Freixanes plantea o reto e desafío dos ebooks. Manuel Bragado fai outro tanto no seu do Faro de Vigo. Os dous principais editores galegos explicitan, logo, a súa aposta polo novo formato para ler. Pero non sen antes lembrar que aínda queda papel que vender e que as incertezas son grandes nestes momentos.
A min, que non son editor e si lector de todo o que cai nas miñas mans ou no que sexa, todo me resulta un continuo adiamento do inevitable. Non pretendo ser profético nin moito menos, pero a todas luces parece irreversible o proceso. Supoño que os impresores e os editores teñen moito interese en prolongar a vixencia do formato libro, sobre todo aqueles que teñen unha inversión feita en maquinaria, recursos humanos, en capitalización mesmo de novos recursos electrónicos (penso nas edicións por encarga de impresión personalizada) que teñen no consumo do papel a súa máxima aspiración. As axudas ao sector por parte tanto da parte correspondiente a industria (mesmo do ámbito paradóxico do I +D) como por parte de Cultura ou de Educación (pensemos nos cartos destinados a fornecer de libros as bibliotecas públicas e escolares) tamén contribúen a ralentizar o proceso.
Sen embargo, ese futuro está xa aquí. Non depende xa dos escritores, moi probablemente os máis interesados en que os seus textos sexan lidos nos formatos que haxa, nin dos lectores, en suficiente número e con suficiente preparación tecnolóxica (e intelectual, por qué non) para esixir canto antes a chegada dese aparello ao parecer tan transgresor. Hai que cuidar, seguro, o nivel de control da producción, dada a marcada tendencia no universo de internet á gratuidade: haberá que estar atento a como se xestionan esas transaccións comerciais entre usuario e escritor, cun editor que ve perigar o seu tradicional posto de intermediario ou intercesor entre os dous elos fundamentais da cadea da lectura. Pero hai que facelo canto antes, sen remisión ou preguiza.
Eu, xa digo, sen profecías de ningunha clase, só lamento a demora. E máis se se me apura no caso da lingua galega, necesitada precisamente dunha visibilidade modernizadora no seu caso. Que os primeiros ebooks que saian ao mercado sexan precisamente en galego, é unha boa noticia para o panorama da lingua: aínda que eu xa boto en falta que non dean un salto cualitativo e non incorporen hipertextos que aglutinen imaxes fixas, en movemento, vencellos en rede e outras marcas distintivas da textualidade virtual, á que están tan afeitos os novos lectores de pantallas sexan como fosen estas.
Estamos diante da clásica indefinición do mercado cando se aproxima un gran salto cualitativo. Non sei por que lembro aqueles anos de principios dos setenta coa televisión en cores (que se secam ou pal) ou dos sistemas de video ou dos sistemas de grabación sonora, que se fixeron tan longos. Agora probablemente esteamos nunha análoga tesitura. Para decembro parece que hai batalla polos dispositivos lectores dos primeiros ebooks como agasallos de nadal. Probablemente paguemos máis da conta por algún deles, de seguro de tecnoloxía xa superada no momento da compra, como sucede con este mercado mundial que parece global e non deixa de estar xerarquizado en función da maior ou menor penetración do segmento das novas tecnoloxías nos distintos países. Pero o que parece xa seguro é de que non hai volta atrás. E que eu espero que as novidades en galego dos vindeiros meses veñan xa ás casas nesta nova presentación, máis acorde a estes tempos que vivimos de constante conexión coa pantalla xa insustituible nas nosas vidas do ordenador.
1 commento:
Pois a min non deixa de darme a sensación de que hai moita máis présa que necesidade. E máis que présa, urxencia, sobre todo por parte dos fabricantes dos aparellos, que non venden un carallo (tentan saír do agobio polo nadal polo sistema de "un millón de persoas xa o teñen!" ou "Non se queden atrás!").
Mentres non aporten máis que o que xa dá o libro (iso do que vostede fala: hipertexto, imaxes, vídeos...) ou mentres non se incorporen a outras tecnoloxías (o teléfono móbil, por exemplo), penso que non hai razóns de peso (un libro de bolsillo non pesa máis ca iso) para esa urxencia.
Ademais, se é o futuro... tanto costa esperar a que chegue? Se ademais seguro que está a volta da esquina.
Posta un commento