Caxigalines nella Reguera'l Campizu

30 dicembre 2009

AMOREAMENTO DE CAIXAS


Revisado o programa electoral do PPdG co que venceu nas eleccións pasadas e salvo que entendamos a potenciación da autonomía financeira de Galicia fronte ao Estado demasiado latu senso, non vexo eu por ningures a proposta de fusión de caixas. Non advirto tal ausencia para denunciar estafa electoral, senón para sinalar que alá polo inverno anterior os popes do partido, cando aínda festexaban a sabiduría dos grandes xestores das caixas existentes,[1] non tiñan nin remota idea do que ían facer un ano despois ao respecto.

Foi a decisión do goberno español en verán, co decreto lei incontestado (agás EU) sobre restructuración do sector bancario de 26 de xuño, nomeadamente caixas de aforros e montes de piedade, a que levantou tal posibilidade. E, se miramos ben as hemerotecas daquelas datas, nin siquera asomaban mínimos indicios das voces contundentes que nos foron dadas a coñecer máis tarde sobre a imperiosa necesidade de dar a luz novos repositorios de cartos por amoreamento de caixas. Non quere dicir isto que nalgún momento anterior non aparecese polo horizonte da opinión pública algún comentarista que agoirase o momento de tomar tales decisións: o que ninguén sabía era que ese momento viría dado desde fóra e que non había aínda resposta preparada (agás o BNG, que traía desde sempre a bandeira dunha banca pública galega) para tal continxencia.

A secuencia vertixinosa de feitos desde ese momento, mirado con certa perspectiva, amosa un desacougante procedemento que, por máis que un repare nel, ofrece escandalosas probas de intervencionismo político que ninguén logrou parar. Os primeiros momentos de declaracións de intencións foron, vistos desde agora,  cautelosos froitos da ignorancia supina sobre o particular. A medida que foron avanzando os días, foron perfilándose as posicións con máis claridade e ao tempo cunha rotundidade que non casaba moi ben coa anterior inopia. Mesmo a célebre voz da rúa alertaba (agora xa non alerta: é máis, manda aos seus para labrar consignas a favor do fusionamento único) contra a posibilidade de que o “poder partidista” puidera facerse con algo que pertencía aos seus impositores.

Deberon de ser días de discusións internas moi de andar por casa ata que chegaron ao momento en que Feijoo, como un novo dirixente nacionalista enfrontado aos seus da rúa Génova, proclama aquilo de eficiencia e galeguidade, que tanta fortuna alcanzou en tan pouco tempo como tótems cos que difícilmente podían estar en desacordo as demáis forzas políticas so pena de pasar por imbéciles e escuros. 

Nun dos episodios máis insólitos e inverosímiles dos últimos tempos, con instantánea incluida para o posible descrédito, os tres partidos políticos representados no parlamento admitiron a necesidade da fusión, pero non contaban coa resolta negativa dunha das dúas caixas (por mor da capacidade que as propias caixas teñen de decisión) á pretensión de unión carnal. Semanas de tímidas declaracións de prudencia deron paso a proclamas de eslóganes enfebrecidos nos que non faltaron aldraxes insospeitados postos en boca de quen antes adoitaba mover botafumeiros, ou as pertinentes acusacións de traicións á patria, ese inevitable escalón da prosa política inflamada, populista e perigosa.

Entón, noutro insólito e abraiante episodio político de comezos de decembro, deciden os mesmos partidos, en medio dunha fenomenal lea dialéctica na opinión pública, reformar a lei de caixas, vixente desde o ano 1985 (mira que non houbo tempo para modificalas), polo trámite de urxencia, coa anuencia (e mesmo promoción) dos socialistas no mesmísimo parlamento. Con prazo perentorio de finais de ano 2009, cando en pleno xuño, un día despois da aprobación polo goberno central do Decreto Lei do FROB, o mesmo Feijoo pedía cautela e tranquilidade para reformar esa lei de caixas. Esta reforma de lei apresuradamente escrita, debatida e aprobada para ser aplicada de forma inmediata, para alterar as condicións das composicións dos consellos que han tomar decisións ao respecto, resulta, en esencia e sen atender a outras consideracións ulteriores, un claro exemplo de inaceptable intervencionismo político dos poderes públicos no funcionamento do sistema económico de mercado. Non digo eu que non interveñan, pero que non o fagan con esta indecencia de amañar unha lei ad hoc, pola brava, para procurar a modificación dun status que doutro xeito non poderían mudar.

Desde o punto de vista estrictamente político, trátase dunha práctica rexeitable e, ao meu xuízo, profundamente contraria ás esencias democráticas. Para min, unha mostra moi preocupante do que nos agarda co novo presidente da Xunta, liberal na palabra engaioladora que enuncia a cada paso pero intervencionista a fuer de autoritario cando se tercia. As palabras de Pedro Puy sobre os límites do liberalismo e do intervencionismo estatal (non sei se condicionados por esa formación de funcionario que convive co sector privado pero ao que lle gusta presentarse de cando en vez coas credenciais sobre quén manda aquí) recolocan un maquiavelismo de novo cuño que agoira malos tempos para o debate, a participación cidadán e o equilibrio entre os distintos poderes dunha sociedade.

[1] Moito me gustaría dispoñer de tempo para recadar aquí mesmo textos e máis textos de encomios e ditirambos cara Méndez ou Gayoso nos últimos digamos vinte anos. Ou no último ano apenas, só medio ano antes de que aparecera (sobre todo este último) coma un fósil autoritario á cabeza da caixa de García Barbón.

1 commento:

mar de Lempicka ha detto...

A fusión das caixas, o decreto do galego... dous exemplos dun camiño iniciado e que aínda traerá máis aldraxes ó país. Se non, tempo ó tempo.