Caxigalines nella Reguera'l Campizu

17 dicembre 2009

BALTARISMO FOREVER

A cantilena do centro dereita galeguista quedou esclarecida con todo luxo de detalles esta semana coa anunciación da renunciación de Baltar pai, co artigo encomiástico de Rafael Cuiña en Vieiros ao baltarismo e limítrofes, co toque de retreta do Baltar pai e coa presentación american style de Baltar fillo (merengón a carta cabal, por riba) a renglón seguido e sen mediar a prudente distancia para disimular o gasto en empresas gráficas de propagandismo electoral. Aos que gustan de insistir na necesidade de cubrir o espectro ideolóxico da dereita (sexa conservadora, sexa liberal, tanto ten tanto nominalismo estéril para estes ideólogos, porque o seu camiña por outros vieiros de contentación permanente do cada vez máis fatigado electorado) en clave galeguista (xa parece que pasei pola academia de politoloxía), velaí o resultado: unha taza ou cunca e media do mesmo. Cando o españolismo, urbanitismo, birretismo do PP, encarnado por figuras emerxentes do tipo Rueda, Negreira, Guerra ou Porro ocupa san caetano e hórreo, aparecen os de sempre para lembrar que os lugares remotos, as minúsculas aldeas, as pequenas parroquias, os disminuidos concellos, as numerosas comarcas, a provincia enteira (cada vez máis reunida na capital ou baleirada de xente, cunha renda per cápita tan reducida coma a propia poboación) son deles e que sempre será deles cun solo e leve toque de teléfono, agora que as tecnoloxías mesmo permiten cunha soa chamada poñer en ringleira a toda unha tropa de acólitos. 
Os aspirantes a ocupar este terreo do galeguismo dereitoso desde fóra do PP xa saben o que teñen que facer: esperar, non sei se a que pasen tales correntes (aínda que, como lembra a poeta, "outras virán") ou ofreceren algo ben distinto do que estes ofrecen. Pero non me consta a min tal cousa se non entendo mal os agarimosos aloumiños con que nos foros nacionalistas se agasallan estes desprantes supostamente galeguistas contra o malo Feijoo que despreza canto ignora. 
Se se prefire o baltarismo por aquilo do noso, eu xa non digo nada. Pero a min que me rexistren e, xaora, non se me queixen. A chorar, como ben saben, a Cangas. 

21 commenti:

Xosé M. González ha detto...

Preferir o baltarismo a que, Arume? Pásame desapercibida tal querencia ou será que non albisco os aludidos 'galeguistas dereitosos'. Son capitais vellos ou novos, os das contas de agora?

arume dos piñeiros ha detto...

Pois non lle sei, pero semella evidente a querencia de boa parte do nacionalismo (polos carreiros de interné hai un feixe moi notorio deles) por esta clase de gobernantes antes ca por outros que supoñen teñen Galicia como sucursal, sen entraren nin tan siquera no que propoñen para o país.
Os outros que aspiran a esa leira, aínda están na posición de saída, pero algúns aspiran non só a desfrutar da leira senón á práctica consuetudinaria de tales dirixentes por cuidala. Que é o que eu someto a consideración.

MS ha detto...

Hai uns anos, na época Fraga, Baltar fillo protagonizara con algúns deputados afíns un esperpéntico peche, xa "mítico", nun piso en Ourense. A excusa oficial: a Xunta estaba a marxinar a provincia nos seus orzamentos. A verdadeira razón: o medo dos baltaristas a que a sucesión de Fraga os fixese perder posicións no partido. Supoño que con algo de razón, se recordamos o que pasou con aqueles centristas por Ourense.

Eu coincido con vostede, Arume: dáme igual se son galeguistas ou non (por certo, non se din todos galeguistas?). Estes elementos fixeron todo o que puideron para colocar amigos, parentes e simpatizantes na administración pública. Por medio dos seus intermediarios nos concellos permitiron durante anos o "tivaifacendo que logo xachofagoeu". A xestión de fondos públicos que fixo toda esta panda de inútiles vese en que a provincia segue na cola do atraso en Hespaña. Como non hai industria nin crecemento económico autoxenerado, perpetúase a dependencia das migallas que soltan a deputación e os concellos gobernados polo PP.

Xosé M. González ha detto...

De todo este enguedello, o único que percibo e subscribo é que o galeguismo político segue sendo referente fundamental no país. Ben entendido que:

1. Hai tanto no PSOE coma no PP sectores importantes que xa abertamente se presentan coma non galeguistas. Cousa que aínda contradí a manifestación formularia de ambos partidos (sucursais?: que opina o respectable?) como tales.

2. Galeguista, politicamente, é quen desexa que o país se autocontrole, tanto no que goberna coma no que delega.

3. Dentro dos anteriores, estarían o de asumir a autonomía (nos termos actuais) coma marco e linde de referencia exclusiva. E os de manter viva a noción da súa insuficiencia; dando isto en prioridade, estratexia e partido diverso.

4. Se un observador ve un partido como sucursalista, suponse que xa entrou abondo no que propón para o país; persoalmente direi que os dirixentes sucursalistas rara vez ocultarán que o son, aínda que sen dúbida reclaman termo menos bancario.

5. Na última campaña electoral, Baltar Vello cruzou un limiar que dificilmente ten volta atrás; Baltar Pequeno fixo case o contrario de desmentilo. Diría que non se esquezan miudezas tales antes de bosquexar supostos, inferencias ou 'sinerxias'. Que a pelella estira, pero non dá para todo.

arume dos piñeiros ha detto...

Como o murcianismo, con perdón, ou os sentimentos localistas noutros sitios. Non creo que esa referencia poda ser específica como referente fundamental. Polo que eu sei en todos os sitios o lugarismo político funciona como referente, mesmo en Palencia. Haberá que ver se iso ten o seu obxectivo concreto. No único no que eu entendo o galeguismo é no independentismo: non entendo cousas menores.
Pero non quería ir por eses vieiros: simplemente quería constatar que no feisbu algún destes gobernantes dun suposto galeguismo emprega sistematicamente o español nas súas intervencións e o máis curioso é que case todos os seus comentaristas e amizades empregan ese mesmo idioma. Non sei se iso pode ser interesante de comentar. En especial para aqueles que poden crer o conto.

Xosé M. González ha detto...

Non penso eu que o galeguismo político (autocita: Galeguista, politicamente, é quen desexa que o país se autocontrole, tanto no que goberna coma no que delega) sexa reducible a lugarismo. En orde máis parcial de cousas, lembro a quen traía a conto o panocho tratándose do emprego oficial e formal de catalán, galego ou vasco; evoco a aquel clásico (Martín Villa) de Santa María del Páramo: "peculiaridades regionales también las tenemos en León". E sinto a desmesura.

Porén: talvez nalgún momento quixemos dicir o mesmo, aínda que non podo sabelo ben a falta de detalle. Seica Ventura Pérez Mariño nunca falou galego nin cando simpatizaba e andaba próximo a persoas e entidades nacionalistas; teño entendido así mesmo que tiña pretexto. Sexa cal for este, hai aí algo que renxe algo aínda movéndonos en abano máis amplo có do branco e negro. O xa chamado Baltar Pequeno, obviamente, sabe galego; el saberá, logo, por que restrinxe -se tal e se vale o verbo- o seu uso.

Limita tal comportamento o valor da súa seica adscrición ao (ou a un) galeguismo? E que lle vou contar eu, que nunca pensei que convertese en galeguista só o feito de declarar selo. Os rótulos -por aparentes que queden, aínda- só estiran, algo, sendo de goma. Coma as pelellas: por certo, ¿que carallo terá que ver o noutra casa evocado Quintana ao tratar sobre este asunto?

detective crepuscular ha detto...

O simple feito do Baltarismo, Cuiñismo, Cacharrismo, Caciquismo Enxebre, Enxebrismo Caciquil, non me atrevo a chamarlle Barreirismo Quintanista para non provocar en exceso ao señor González, querer perpetuarse alén da morte dos seus fundadores sabendo que as cousas son así e que non hai quen as poña en cuestión sen facer o ridículo, e que aínda haxa quen o queira emparentar co galeguismo ou etiquetalo de galeguismo de baixa intensidad, demostra que somos un país derrotado, sen capacidade de resposta, acostumado a xogar á defensiva, disposto ao penúltimo sacrificio autodestrutivo para que a "estirpe" dos Baltares (con boina ou birrete tanto ten) podan governarnos para sempre baixo a mirada cúmplice e complacente dos súbditos do entramado familiar ou casta suprema. E o pior disto é que aínda hai sectores "nacionalistas" que lle conceden crédito galeguista como se tal cousa, como se as cousas de nós tivesen que ser sempre así e non pudesen ser doutra maneira. Creo que os apontamentos do Arume van por aquí. E xa que saiu o do Baltarismo Enxebrista, non deixo pasar a oportunidade de repetir o que non me fartarei de repetir, co convencimento de que o señor González nunca me vai entender: Unha das claves da parálise do "nacionalismo", ou da pouca significación social que se lle dispensa, ou do pouco que pinta no panorama social galego, é xustamente esta, a de empeñarse en traballar na mesma leira do Baltar, sabendo que tal leira ten dono e que só admite enxadas políticas vencelladas á direita e aos seus intereses "tradicionais". Así nos vai.

arume dos piñeiros ha detto...

Non o dixen eu tan ben coma vostede, amigo detective. Así é.

Delapierre ha detto...

Podería detective crepuscular, afinar un pouco máis neso de intereses tradicionais da direita.
E axúdolle e quero que me diferencie a posición de Baltar en Ourense e a de Ricardo Varela en Lugo.

detective crepuscular ha detto...

Señor Delapierre, eu da posición de Ricardo Varela en Lugo nada lle sei e nada lle podo opinar. A política galega caime lonxe e pérdome en nomes "subalternos". O dos intereses "tradicionais" da direita díxeno no sentido dos privilexios asociados á posición de poder que o vello e resésigo caciquismo que funciona na nosa terra como se o mundo se reducise a Ourense. O de Baltar é de libro. Sempre se dixo aquilo de que a mais grande empresa que traballa en Ourense é a da Deputación de Baltar e que quen queira "emplearse" ten que ter un bon lombo para transportar os presuntos/xamóns (que de presuntos non teñen nada). Eis o caciquismo de vella raizame e o medo ao poder que isto denota. Cuando Baltar interviu nas últimas eleicións dicendo o que dixo foi xustamente para iso, para marcar territorio e para que quedase ben claro que aquí mando eu e ninguén mais e que calquer competencia será esmagada sen piedade. O que pasa é que a historia do "nacionalismo" galego dos últimos tempos, seducido pola pedra filosofal do enxebrismo cuiñista mais perto da liberación nacional dos povos oprimidos que da autoidentificación de Fraga, pode reducirse a este título cinematográfico: NA PROCURA DO CACIQUE ENXEBRE QUE NOS FAGA/FRAGA RECOBRAR A AUTOESTIMA IDENTITARIA. E así nos vai. Saudos.

d. c. ha detto...

Este cacho queda mellor engadíndolle POLO VISTO:

... seducido pola pedra filosofal do enxebrismo cuiñista mais perto POLO VISTO da liberación nacional dos povos oprimidos que da autoidentificación de Fraga...

Don Arumes, hoxe á mañá, no mercat de Sant Antoni, tiven uns segundos nas maos INVISIBLE, de Auster, folleeino, mireille o prezo, 12 € contra os 18 € en libraría, non o comprei, non é o autor santo da miña devoción, aínda teño por aquí sen ler o das vixes polo SRIPTORIUM e o de BROOKLYN FOLLIES, non sei, perdeu para min todo o encanto, se é que algunha vez o tivo, que eu creo que si, A MÚSICA DO AZAR, A INVENCIÓN DA SOIDADE, etc, non precisamente A TRILOXÍA, que non me entusiasmara, que curioso é todo isto, hai escritores que van ficando no camiño, dos que xa non esperas nengunha novidade porque o que van publicando a partir dun certo momento non é mais que reiteración do xa escrito, e xa non estás pendente do novo libro de Auster porque Auster deixou de estar pendente de ti e prefere recrearse no xa publicado, e claro, iso permítesllo a Faulkner e xente así, que xa podían escreber a mesma historia unha chea de veces que sempre parecía diferente e igual ou mais xenial que as anteriores, en fin, que lerei cuando poda os que teño por aquí do de Nova Jersey e creo que nunca comprarei nen lerei INVISIBLE por xa lido. Iso de publicar case unha novela por ano...

Delapierre ha detto...

Pois mire, Ricardo Varela que é e vive do PSOE, dende que ten uso de razón fai o mesmo que fai Baltar no seu, e son tan reprochables as dúas conductas, a do cacique enxebre e a do lider perpetuo do socialismo lugués.
E finalmente é xusto por que lle cae lonxe, e unha mágoa que ainda unha persona tan ilustrada como vostede aínda teña eses estereotipos dos galegos como si en Andalucía, Catalunya ou no País Vasco non-os houbera. Teña boa noite e reciba un saudo.

detective crepuscular ha detto...

Señor Delapierre, eu de "persoa ilustrada" téñolle ben pouco. Veño dunha familia sen facenda, sen "ilustración" (non herdei nen un só libro dos meus, que é iso de libros nun fogar de extrema pobreza?, ben fixeron en gastar o que non tiñan para darme algo de estudos), e pode que por iso afeizoado aos libros, aínda que últimamente mais dado a coleccionalos/armacenalos que a outra cousa. Quen me meteu o vicio no corpo non o sei con exactitude, aínda que o suspeito. Aí ten toda a miña "ilustración", señor Delapierre. Pódolla regalar inteira e asegúrolle que non vai mellorar moito a sua. Non sei quen é Ricardo Varela porque non sigo polo miúdo a política. Nen a daí nen a daquí. Leo algúns titulares e pouco mais. Prefiro ler artigos como o que publicaba onte Rafael Sánchez Ferlosio en El País (TELEVISIÓN PARA NIÑOS) que politiquería barata. Creo que nunca neguei a existencia de CACIQUES ENXEBRES noutras partes que non foran Galicia. Habelos hainos en todas as partes. Aquí, por exemplo, hai próceres da cultura que chegado o caso exercen de MILLETS REBENTAPALAUS, corrupción transversal como a de Santa Coloma e caras novas da política que o día despois das consultas pola independencia póñense a rifar entre eles para ver a quen lle corresponde maior gloria. Que é unha mágoa que "aínda teña eses estereotipos dos galegos"? Reférese aos dos CACIQUES ENXEBRES? O que é unha mágoa é que o nacionalismo galego, que eu sempre identifiquei como unha opción de esquerdas, "suspire políticamente" por xente como Baltar, Cuiña, etc, pensando que é válida para un proxecto común de carácter "galeguista". Que o sigan, que o sigan pensando, e intentando. Penso en Castelao e afirmo que o galeguismo non pode ser cousa de CACIQUES ENXEBRES amamantados na caverna española e dispostos a encher o peto polo ben da terra que os viu nacer. Aprobaría Castelao o Baltarismo? Aprobaría o Tonechismo? Estereotipos? De que falamos cuando falamos de realidades que manteñen Galicia nun estado de "dependencia mitolóxica" (a famosa reserva de mitos que nos atenazan) por mais enxebres que nos parezan? Vivan Baltar, Cuiña, os Tonechos, o Marisco, o Homelobo, a Santa Compaña...

Xosé M. González ha detto...

Escribín hai varias horas unha mensaxe moi longa que comezaba: Téñao por certo, Detective: hai tempo que vde. non me provoca e tendo a percibir o seu alanceo-chamada como interpelación desde un lonxe tan espacial coma temporal. O remate dicía, máis ou menos, que o debate-axuste de contas ao que o DC seica me chama desde hai tempo pode chegar a ter lugar se percibo o ambiente menos irado, sen que esta miña afirmación se deba interpretar como diatriba, senón como consuetudo propia, persoal e imprescindible.

Polo medio había preguntas, aclaración e demanda de tal. Polo motivo que fose (supoño que erro meu ao remitir), o comentario non saíu publicado; non teño ánimo para refacelo e a súa de vdes. (que, dito de paso, me produce a sensación de camiño vello e con faramalla, non digo que perdido) quedará como a palabra explícita. Talvez o arquivo oculto e sempiterno Quintana e BNG, de tan caudalosa referencia fronte a outros posibles, teña algún día abordaxe adecuada. Aestora todo me parece tan escaso de matiz, inmotivado nas ligames, parcial canto a concepto, persoal e ata local que, sinceramente, mal encontro que me pague a pena.

E desculpen a escaseza.

Xosé M. González ha detto...

Con nova desculpa: substitúase a palabra faramalla por maleza. Nin moito menos pretendín ser despreciativo.

d. c. ha detto...

Señor González, fóra provocacións e faramallas, dunha cousa pode estar ben seguro: As interpelacións van dirixidas desde a confianza que dá a convivencia e de ambiente "irado" nada de nada. Un chisquiño de malicia e pare de contar. Cada quen ten o seu estilo e debe perseverar nel como se dunha marca identitaria se tratase. Aínda que ao meu, mais que chamarlle estilo, habería que chamarlle estilete, ou estiletiño impertinente e "cojonero". Un estiliño de pouca monta, vamos. Teñan unhas boas festas e perseveren no seu; quer dicer, sexan nacionalistas independentistas de si mesmos, da comunidade autónoma na que viven, do estado sen nación no que lle tocou apandar, de todos os povos do mundo inteiro, e que reine a harmonía e a paz, e que os seus desexos teñan un final feliz. Dito así, non se me notan as seis copas de cava como as seis copas do Barça que traio no corpo.

Xosé M. González ha detto...

Pois vexa que por veces o alegato crepuscular leva reberetes coma de ira fría. Cousa de estilo será, e tamén a esquivante retórica de que nin é ilustrado quen debe levar lidos tres veces máis libros ca min nin entende seica nada de política(-ría). Confianza por confianza: con estilete no medio ou sempre asomando, vólveseme fatigante entablar correspondencia duradeira sobre o pasado, presente ou por vir do movemento patriótico e de esquerda. Cada un é como é, ou está segundo está.

Pero Bo Nadal, home claro, despois de que o Messi puxo o ramo.

Rafa Cuiña ha detto...

Ola. Faláronme deste post, e quería concretar unha serie de cousas:

O meu apoio a Baltar fillo é motivado polo meu coñecemento del e sobre todo polo medo á alternativa españoleira que viría. Serei o primeiro en reclamarllo se o seu pregoado galeguismo non é máis que populismo barato como en numerosas ocasións aconteceu. Eu non son un neoliberal nin moito menos, demasiada lenda urbana circula e prexuizos sobre xente que non coñecemos. En moitos aspectos son socialdemócrata e noutros non. Nin pretendo ter cargos, nin o meu espazo no PP, nin nada. Simplemente móllome porque me interesa Galiza, e paso de comentarios sobre se hai algo detrás da miña postura. O meu compromiso é coa nosa cultura, penso en moitos aspectos de xeito máis radical que meu pai (que lle vou facer) e o tempo dirá o que vai acontecer. Non son un nacionalista español nin de lonxe, e síntome profundamente galeguista.

Para calquera cousa que queirades o meu e mail é

rafac@improteclaboral.com

saúdos e bo nadal.

Rafa Cuiña Aparicio

arume dos piñeiros ha detto...

Agradézolle, amigo Rafa Cuiña, o seu comentario moi sinceramente. E doulle a benvida tamén a este recuncho de interné. Estou encantado coa súa visita: dígollo de corazón.
Eu entendo moi ben a súa posición por razóns evidentes que vostede ademáis explica aquí e no seu artigo de Vieiros. E tamén entendo que os seus comentarios non van de ningunha maneira polo meu post, senón por outros comentarios que se van deslizando supoño noutros foros que eu además non comparto. Hai moita xente (polo menos son moitos os que eu coñezo) que formula o desexo dun centro dereita galego e galeguista. O BNG pretendeu cubrir moitas veces ese espectro e outros grupos pelean (con escaso éxito todo hai que dicilo) por ocupalo. E o que eu digo (que non é nada orixinal) é que ese espectro teno ocupado o PP, aínda que por fórmulas probablemente insatisfactorias (vostede emprega o termo precisamente) para a meirande parte dos que se chaman galeguistas. Eu entendo que as persoas de dereitas galeguistas suspiren por ocupar ese lugar (aínda que eu lles pida algo máis do que se ofrece desde ese espazo), pero fáiseme máis estraño que persoas de esquerdas antepoñan certos valores galeguistas aos propiamente de esquerdas e acaben por asumir a política que combaten polo mero feito de seren supostamente galeguistas. Eso é o que eu non entendo moi ben e quixen poñer en solfa satírica.
E reitero a miña benvida a este blog que agradezo moi sinceramente.
Un saúdo moi cordial.

detective crepuscular ha detto...

Eu, coas palabras mais comedidas para non espantar a tan ilustres convidados e non deixar en mal lugar a Don Arumes, vou ensaiar duas breves pinceladas ao fío das duas entrevistas a Baltar pai que lin en O Café na Trincheira (Meláncólica, engadiría eu).

A primeira é de estupefacción polas palabras do dono da Trincheira Meláncólica, das que copio algunhas frases: "Baltar podería ser o motivo dunha historia de Cunqueiro ou Castelao. Baltar ten retranca e unha malicia que botaremos en falta. Permítaseme, pois, un pouco de desinteresada melancolía literaria: con este home vaise unha facundia, unha gracia que tamén nestas duas entrevistas asoma. Con Baltar vaise unha época: unha forma de falar." O que faltaba. Que fraxilidade de memoria a nosa. Os nacionalistas facéndolle as beiras ao Baltarismo galeguista de direitas e Antón Baamonde, que foi nacionalista e xa non sei se o é, pero que, en calquer caso, pertence ao Sistema Literario Galego ou Clase Intelectual Galega, fascinado tamén polo cacique bon que se retira da primeira liña política. Todos fascinados por Baltar. Pois nada, Don Antón, veña vostede para Barcelona, alugue a casa onde Gabo escrebeu O OUTONO DO PATRIARCA e póñase a escreber sen mais tardanza A MELANCOLÍA POLO PATRIARCA ENXEBRE QUE TANTO NOS ALEGROU A VIDA E QUE AFINAL LLE TRASPASOU AO FILLO A CADEIRA SUCESORIA (así, un título longo, como se levan hoxe en día, e non hai mais que ler os quilométricos do Larsson para inspirarse).

A segunda é a resposta que lle dá na entrevista de El País á pergunta: "Su momento más duro en 20 años fue la amenaza de romper el partido hecha a Fraga", e que gostaría que fose o propio Rafael Cuiña quen aportase o seu comentario. Para min coméntase por si mesma e é mui ilustrativa de como funcionan as cousas no PP. De como se xoga coa ameaza e de como todo acaba en arranxo, demostrando que chegado o caso non hai tal diferenza entre boinas e birretes (esa invención para melancólicos) e que o do galeguismo é fumo de palla. Velaquí a resposta:

R. Es un episodio olvidado, entonces nos cegó la lealtad a una persona (el fallecido Xosé Cuiña) que fue propiciada por el mismo Fraga y por Victorino Núñez que fueron quienes me lo presentaron como el hombre de futuro. Me dejé guiar por eso, no fue mi decisión más acertada pero al final no pasó nada. Fue un amago qwue hizo daño al partido, lo admito, pero peor fue lo que le hicieron a Fernández Albor en el Parlamento, nosotros amenazamos pero no dimos. Hubo arreglo.

Voz en off ha detto...

Galicia, incluso a Galicia que vota ó PP merece outra cousa que o vello caciquismo fedorento destes tíos que tanto dano fan ó país: Baltar, Cacharro ou Cuiña. O voto do medo, o voto dos mortos: Deus nos libre deles...