Caxigalines nella Reguera'l Campizu

10 ottobre 2011

ILUSTRACIÓN

Deixo a Luis Vélez de Guevara por Cadalso, con quen paso unha semana a costa das súas impagables Cartas marruecas. O gaditano cosmopolita entrega unhas páxinas que son puro sulfuro para patriotas, nobles, clerigalla e oligarcas. Salvo algunha mirada sobre o ideal ilustrado (que nin el mesmo acredita), o resto é fustigación impía dun país. 
Estes ilustrados, vai ter razón o Sebold, aparecen na historia da cultura hispánica considerados ou como epígonos (mal emuladores) do suposto barroquismo anterior ou como precursores (torpes e inexpertos) do romanticismo que chega. A canonización castígaos inxustamente, nun limbo aliterario,  ocultos pola fértil sebe das disque idades de ouro e o rumboso e engaiolante mundo das paixóns poéticas do eu, da profundísima e desgarrada subxectividade do tipo que mira o mundo entre nubes, desde o piricoto dun precipicio ameazante. 
Moito me atrae a min, porén, a implacable sintaxe de frío acero contra a superstición, contra a opresiva desigualdade ou contra o sentimentalismo estéril de tanto cisne morto ou moribundo. 

Na ilustración, a carta XIII de Cadalso
  

4 commenti:

Rub ha detto...

Ai, o canon. Eu lera as "Cartas" naquela colección RTV e un día un profe de literatura miroume mal por dicirlle que me encantaran.

Anonimo ha detto...

Entre a mellor prosa española do século XVIII-XIX están aquelas "Apuntaciones secretas de Inglaterra" de Leandro Fernández de Moratín.

Anonimo ha detto...

quería dicir "Apuntaciones sueltas de Inglaterra"

M. DIEGUEZ ha detto...

Pois a propósito da prosa do XVIII, e concretamente verbo da figura de Moratín, tiven a fortuna de adquirir, hai moitos anos e nun saldo do Corte Inglés, a edición do Viage a Italia en Clásicos Castellanos, que valía unha pasta (5100 pelas de entón) por cousa de 500 pesetas. Creo que non fixen mellor compra na miña vida, porque das preto de 700 páxinas do texto non hai unha mala. A quen non o coñeza, recoméndollo urxentemente. Saúdos
Por certo, señor Arumes, sígoo desde hai anos sen faltar un día. Cheguei aquí desde Fragmentos da Galaxia, que tamén está na barra de marcadores. A miña noraboa e os meus ánimos para proseguir coa empresa.