Caxigalines nella Reguera'l Campizu

17 marzo 2010

A GALICIA THERMOMIX DE FEIJOO


Despois de escoitado onte a Feijoo nun discurso exento de concesións (mesmo no sentido retórico do termo), teño que admitir que calquera aproximación entre os partidos resulta difícil ou imposible. Mesmo a chiscadela perversa do presidente cara o BNG no asunto das caixas amosa ben, polo que representa de marxinación ao outro grupo da cámara, que a intención de conciliar intereses resulta moi difícil. Por que? Unha frase extraída do texto lido por Feijoo pode explicar moi ben o asunto.
Ao comezo do seu discurso de onte, o presidente expuxo a súa concepción do país como resultado dunha reducción, decantación ou, no mellor dos casos, transubstanciación dun proceso electoral. Galicia non é só o que sae das urnas (nunha clásica interpretación da identificación do país coa manifestación dos seus cidadáns coa que eu non podo estar en desacordo), senón que o resultado desas urnas é un todo homoxéneo, sólido, unha peza única. O texto non me deixará mentir: "É precisamente nas urnas onde a sociedade se amosa como un conxunto homoxéneo, onde se mesturan territorios, sectores e individuos". Esta interpretación, xa reductora e aniquiladora da diversidade dun país feito de votantes pasados por urna thermomix, deu pe no texto a un par de recursos tópicos sobre correlacións de forzas entre maiorías e minorías e sobre a contraposición entre países imaxinarios e países reais por coñecidos pouco interesantes.
Pero o verdadeiro salto deuse no espazo que media entre este parágrafo e o seguinte. Para iso, precisou un "Pois ben", unha recollida de folgos antes da frase esencial, un ergo antes da oración clave: "Galicia quere austeridade e este Goberno é austero". Ninguén discute a facultade do Presidente de Goberno de soster que o seu goberno é austero, pero é un abuso argumentativo considerar esa Galicia como ese ser homoxéneo que renuncia as súas contradiccións e disensións internas que se pronuncia cunha soa voz e quere austeridade. Pero aquí está precisamente o miolo do discurso político de Feijoo, non só o literal (o que escribiu para o debate de onte) senón o figurado: a pretensión de interpretar todo un país completo sobre a victoria (aínda que fose pola mínima) das urnas.
Se el se queixa, con razón, de que non debemos apelar a países imaxinarios, esa Galicia da que fala é un país tan imaxinario coma os que el supostamente denuncia, xa que os votantes non se dilúen tras pronunciarse nas eleccións, non se amalgaman nunha soa voz para sempre. Non existe esa Galicia: existen uns votantes que o preferiron a el, que lle outorgaron esa licencia provisional para gobernar uns meses, uns anos.
De esta concepción política, advertible en apenas un parágrafo, en apenas unha frase de identificación do país co que o PP quere para o país, se deriva a dificultade de chegar a acordos substanciais para a conciliación social e a convivencia política. E, como a min non me gusta asistir a esta lea permanente, porque formo parte individualizada deses votantes que foron ás urnas coa pretensión de seguir sendo votantes e vixiantes das accións de goberno tras meter o papeliño e non un corpo homoxéneo e místico que concede un cheque en branco para estes anos, creo conveniente que por parte do goberno se recapacite sobre a necesidade de tender pontes, de manifestar desexos de acordo, de apurar as concesións necesarias para unha política moderna e plenamente democrática.

Hoxe estou demasiado constructivo: non mo tomen a mal, debe de ser a primavera.

1 commento:

Sen comentarios ha detto...

ANT

Tras incluír modificacións sobre piscifactorías
O PSOE súmase á Lei do Solo do PP

Redacción . O PSdeG apoiará a modificación da Lei do Solo, que se votará no próximo pleno, tras incluír unha serie de requisitos para a autorización de instalacións acuícolas en espazos protexidos polas normativas ambientais que, a xuízo dos socialistas, servirán para impedir unha piscifactoría en Cabo Touriñán.

Con este acordo, que chega á marxe pero coincidindo co Debate do Estado da Autonomía, os socialistas mudarán a súa abstención mantida até agora á modificación do texto da tamén coñecida como Lei Cuíña polo voto positivo, que permitirá sacar adiante un texto co apoio de máis dun terzo do hemiciclo. Pola súa banda, os nacionalistas anunciaran o seu rexeitamento á normativa.

A portavoz do PSdeG na materia, Mar Barcón, chamara a un "penúltimo esforzo" aos 'populares' durante a comisión que deu luz verde, só cos votos do PPdeG, ao informe do relatorio parlamentario para a reforma desta normativa; mentres que o seu homólogo do PPdeG, Román Rodríguez, asegurara –ese mesmo día– que aínda había "tempo" para alcanzar un acordo co partido maioritario da oposición.