Caxigalines nella Reguera'l Campizu

24 agosto 2010

KIPAS E CAPAS

No pequeno guetto da fascinante Pitigliano, a "piccola Gerusalemme", hai un tamén pequeno museo da vida xudea. Por unha módica cantidade poden verse adegas, baños, fornos, cuartos e outras dependencias daquel espazo de convivencia excavadas no tufo (unha terra de orixe volcánica furada desde a antigüidade) daquela extraordinaria cidade aínda toscana. Tamén pode visitarse unha sinagoga, reconstruida, supostamente a semellanza da anterior medieval, no século XIX. Para esta visita era obrigatorio o uso da kipá para os homes nos cubrir a cabeza. Se cadra ando algo sensible coas imposicións (sobre todo, se son de orde relixiosa), pero foi o caso que, tan axiña como me dixeron que debía enkiparme, púxenme roxo da irritación e estiven a piques de deixar kipá e billetes alí mesmo. Non estaba só e xa pagara as entradas e decidín ver o resto do museo e renunciar, no caso de que non me deixaran entrar sen a kipá, á visita do templo hebraico. Tiven a sorte de que non había ninguén vixiando e puiden admirar aquel fermoso lugar a cabeza descuberta, pero admito que as miñas vísceras rebulían a cada paso, con desacougo dos meus acompañantes a quen aproveito para pedir perdón.
Nas igrexas católicas da Toscana a tolerancia coa indumentaria para as visitas está algo máis relaxada que noutras igrexas da península itálica. Pero, con todo, un ombreiro de muller ao aire ou con tiras finas (para canottiere de home non vin eu tal prohibición e os vestidos de tiras algo más grosas, de máis de tres centímetros, teñen un pase) resulta inaceptable. Os pantalóns curtos, de home ou de muller, de perneira próxima (ou vindeira) ás zonas a priori eróxenas resultan dubidosos, pero vin moitos na santa Croce florentina (e iso que chovía), no Duomo de Siena (aquí entran os das contradas cando gañan en calzóns) e no recinto feiral do de Firenze. Só na de san Domenico en Siena, un magro inquisidor, cuns pantalóns vaqueiros de tiro alto, especie gaucha, con marcada considerable de paquete a dúas bandas, foi quen de amonestar a unha das miñas fillas por ir con tiras estreitas. A pequena quedou sen ver a obscena caaveira e o erecto matapiollos de santa Catalina en altares e relicarios de mármol e ouro, a santa que penitenciaba cunha metálica disciplina que, como non!, tamén se exhibe para felicidade e gloria dos seus fideles.
Marditos roedores.

Nessun commento: