Caxigalines nella Reguera'l Campizu

30 agosto 2010

SEMPRE PODES

Sempre podes escoller, unha vez que estás xa instalado en Vescovado di Murlo, comer unha pizza diavolo no Castello de Murlo, na Pizzeria dell'Arco, para entrar en ambiente toscano da maneira máis directa e excelente. Ou tirar para Montepulciano e procurar unha mesa, un tavolino máis ben, na terraza que dá a san Biagio, e comer uns pici ai funghi porcini. Ou marchar cara arriba pola Chiantigiana e, logo de deixar Castelnuovo Berardenga, aferrarse a unha bistecca alla fiorentina ou no seu caso a un coniglio fritto, sempre cun Brolio aireado á vella usanza e unha panacotta de refresco, na Porta del Chianti, en san Gusmé, unha aldea de catro casas e dous restorantes de primeira superior, sen contar coa estrela michelín que hai dous casares máis adiante. Ou saír de noite na bellísima e morbosa Pitigliano e arrimarlle de novo a unha pizza quattro stagioni en Il cavaliere, ao lado da fonte. Tamén cabe a posibilidade de non atopar restorantes en Sovana ou non ter a fame suficiente para tavola e tovaglia e probar un tagliere de affettati toscani de caza con rosso di Montalcino. Ou, se estás perto do volcán apagado do Monte Amiata e chegas demasiado cedo a Piancastagnaio, arribar a Radicofani e mirar se está aberta a Trattoria La Grotta e probar de todo, sempre co viño da casa, excelente sexa branco sexa tinto. Ou alonxarse algo de Vescovado e entrar na Trattoria Dardano de Cortona a chorar cunhas pappardelle alla lepre mentres polo ar soan acordes de Schumann que outras fan que escoitan. Ou retirarse durante uns días na paz perugina e probar outra pizza desta vez siciliana no Bellini, perto da via Appia e da súa maxestuosa porta etrusca. Ou dar por enésima vez na Tufa de Ossaia, próxima ao lago Trasimeno, para zouparlle aos seus tagliatelle ai porcini. Ou ir mesmo a Firenze e penetrar na praza do Mercado de san Lorenzo na moderna pero xa clásica Zá-Zá para as trippe e para algún anaco de bistecca alla fiorentina que os amigos de mesa teñan a ben agasallar. Ou quedar algo máis perto de casa e sentarse no formidable comedor da Osteria La via di mezzo de Buonconvento, un pequeno pero precioso lugar amurallado, cando a tarde vai caindo aos poucos e o solpor pide en silencio recollerse baixo a luz das candeas e ir pedindo eu que sei por exemplo un piccione nostrano ripieno, unha fantasía para quedarse alí toda a noite, coas marcas dun rosso di Montalcino nos labios. Ou caer, tras unha xornada de baños nas fervenzas de Bagno Vignoni, na pequena Osteria della Madonna, onde unha amabilísima familia espaguetea á perfección un ragú de xabarín e, sobre todo, borda a crostata de melocotón. Ou, nun último caso, deixar que o coche, afeito ás curvas e ás estradas brancas, che leve ao centro de Montalcino, á Osteria Osticcio, e aceptar sen condicións os gozos que che ofrecen: un antipasto de Lardo* e guanciale di "cinta sienese" con crostini (unhas láminas de touciño preparado con pemento e panceta sutilísima), uns spaghetti simplicísimos con allo, aceite extravirxe e parmigiano, ou con panceta e raspaduras de pel de laranxa, e uns postres de froitas con fonduta de chiculate ou zabaione al vin santo e cantucci. E morrer de pracer, coas vistas de todo o val d'Orcia e máis aló intuir o do Chiana pola ampla xanela, co café preparado nunhas mokas individuais e cunha crema de azúcar e café para endozar a marabilla das marabillas.
Cun plan como este nunca fallas. Se non, sempre che queda o panino di porchetta o día do Palio ou ben os spaghetti de Susanna baixo a lúa de Murlo para enriquecer o tempo e o noso paso por este mundo.

Nessun commento: