Caxigalines nella Reguera'l Campizu

23 agosto 2010

MERCADO DA LAXE/PEDRA


Paseo a tarde de poalla de antonte polo mercado da Pedra. Miro por un instante o que venden os comercios alí establecidos. Non podo crer que haxa xente que os produza para que outra xente poda mercalos (o das gaitas coas cores españolas caseque é o menos horripilante). E, sobre todo, non podo crer que aínda baixo o sistema de concesión pública sigan a vender o que alí se vende. Non quixera eu, por falta de probas concluintes ao respecto, deixar dúbidas (razonabilísimas por outra parte) sobre aqueles locais, pero todo dá a entender que aquilo ten un aire medianamente clandestino (unha clandestinidade tamén low cost) que, por pintoresco e singular (un outlet do trile), segue atraendo ao turismo que se achega a esta cidade. O concello teme acabar ou substituir estes modos de supervivencia e probablemente non se atreve a facer o que calquera outro podería facer en beneficio dunha cidade algo menos cutre.
Pero ao mellor vaille mellor así, promovendo as incólumes esencias viguesas: a rúa das ostras (con mesas de metal, manteis de papel, balbordo insoportable, teitos de cristal suxo que empecen o incómodo ambiente, chan sempre húmido e cheirumes ás veces pouco amables) e as empinadas escaleiras, cheas de tendas que venden mercancía (quitada de non se sabe onde nin se quere saber de onde, salvo que alguén dea por interese propio a voz de alarma) entre bizarra e fraudulenta. Sempre que paso por alí imaxino, sen mingua de tales esencias (penso no mercado de san Miguel en Madrid ou en tantos lugares en Francia onde funciona tamén o das ostras) outro panorama. Pero se cadra non compensa. Como tantas outras cousas neste país e nesta cidade.

Nessun commento: