Anda a xente moi alporizada porque desaparecen medios de comunicación que empregan o galego de forma exclusiva. As causas aducidas (moitas delas de carácter político) son razoables, pero todas elas xuntas non explican o fracaso. Nin moito menos. Hai elementos para min evidentes que xustifican primeiro que non lea moita xente eses xornais e segundo, que, coa escasa demanda, rematen, tarde ou axiña, por desapareceren, sobre todo cando as muletas da subvención pública tenden a minguar.
O primeiro elemento é a marcada liña ideolóxica dos seus columnistas (ía poñer súas columnistas, pero para atopar unha hai que agardar varios días). Esa constante opinión arredor da lingua galega, da identidade, da construción nacional satisfai a un número finito de leitores/as, pero arreda ás maiorías e mesmo ás mesmas propias minorías leitoras, cansas de ler as mesmas perspectivas nas novas e as idénticas lamentacións sermonarias.
O segundo é o da selección das novas que se inclúen. Tal selección obedece de novo en boa medida a plantexamentos políticos moi definidos pero tamén a unha especie de preferencia mecánica por novas que interesan a sectores da política cultural galeguista e nacionalista. Como no caso de Galicia Hoxe mantiñan un certo vencello co Correo Gallego, era moi significativa a selección feita, o que con toda seguridade conducía a un inevitable elitismo ideolóxico cultural que en nada favorecía as vendas do propio periódico. Non era tanto un xornal ao uso, coma unha estilización ideolóxica do correo gallego para satisfacer a demanda dun público previamente seducido. Esta elección contribuía necesariamente á lóxica perda de leitores/as a medio prazo: uns porque definitivamente non achan alí o que lles gusta e outros, que aínda coa oportuna afinidade ideolóxica, acaban atopando a mesma ledaíña, agardable e previsible, na rutinaria leitura.
Poderán aferrarse ás nada favorables circunstancias externas destes tempos que corren (que tamén valen para todo o demáis), pero de forma evidente os xornais que pretendan vivir en galego deben ser atractivos para a meirande parte de leitores/as, para un público heteroxéneo, complexo, contradictorio incluso. Para contentaren a un grupo de convencidos, non bastan eses esforzos. Anuncian novas iniciativas: mirados os protagonistas, moito me temo que haberá máis do mesmo.
4 commenti:
Botaba en falta a súa opinión neste crucial asunto e por fin chegou.
Dous apuntes:
Di vostede inevitable elitismo ideolóxico e cultural que non favorece as ventas. Os lectores len tamén para aprender. Escriba mal no seu blogue e comprobará que non medrará o número de lectores, ben ao contrario. Alén diso, podería un xornalistas escribir mal a mantenta?.
Doutra banda, falar das muletas da subvención pública só nos medios en galego é nesgado. Non teñen subvención pública dun ou doutro xeito, La Voz de Galicia, El Faro de VIgo, El País, La Vanguardia na lingua maioritaria . . .
1. Elitismo ideolóxico e cultural. Se cadra non é o mellor termo: o que quixen dicir é que o xornal selecciona (daí o termo elitismo) aqueles materiais dun certo contido ideolóxico e todas aquelas novas que teñen que ver moitas veces co eido cultural galego. Non estou falando de nivel de formación intelectual. Nin moito menos. Nin do nivel da escrita. Puxen no meu facebook o caso do último número de Galicia Hoxe contrastado co do Correo Gallego: no primeiro, unha entrevista a Ramón Lorenzo e outra a Belén Martín Lucas, a quen estimo moito. Mentres, no Correo, había unha noticia sobre as alfombras do corpus e outra sobre o partido perdido polo Lugo entre outras de carácter xeral. A iso me refiro co de elitismo.
2. As muletas da subvención pública están para todo (mesmo para as conserveiras ou para a fabricación de coches ou para moitas outras cousas que unha visita ás páxinas web de industria permite coñecer). Non as estou criticando nestes momentos. Probablemente deban ser máis transparentes. Moito máis transparentes e tamén xulgalas en función da súa eficacia. Non son eu, precisamente, dos que non falen das relacións entre poder e prensa a través deses encubertos pagos: neste blog e nos foros onde interveño trato de facer ver a propaganda descarada e a utilización dos medios de comunicación con cartos públicos. Pero, nun xornal destas características, coa escasa demanda, o apoio público resulta fundamental e case exclusivo. Por iso estraña que fagan un xornal pensando nun determinado público. Cando minguan (non fai falta siquera que llas retiren) esas axudas, resíntese moito máis que calquera das que vostede nomea. Ata o punto da extinción. Hai que lembrar que o reparto de subvencións adoita ser proporcional polo que os que máis demandan teñen máis axuda reciben. Non sei se é boa idea, pero así funciona o choio. Outra cousa é que lle dean a eses xornais cartos pola promoción da lingua galega cando está por ver que iso sexa así: eles argumentan que unha colección de libros en galego agasallados un domingo ou un par de caderniños integramente en galego sobre a comarca da Paradanta (por poñer exemplos) xa valen. E así creo que funciona.
E moitas gracias polo seu comentario.
Concordo contigo. Hai que facer produtos galegos bos para que se vendan. Atractivos e non teimar en que haxa medios en galego se non hai público para os que existen.
Non sei por que as mentes preclaras agora no Brasil que pariron o Xornal non o pariron en galego? Sempre mo preguntei.
Os galeguistas/nacionalistas de partido de Galicia sempre quixeron que fora o goberno o que lle sacara as castañas do lume.Nunca arriscaron nada,(agás no nacemento da Nosa Terra e algunha pequena excepción). Se tanto cren na nosa cultura e no noso país, por qué non se crearon escolas privadas en galego como hai ikastolas no País Vasco.
Sí, Arume, tes razón. Hai que promociona-lo galego pero non a golpe de talón. Hai que esforzarse en facer un produto mellor e convence-los lectores
Se cadra isto é o que hai ("Evolución do sentimento nacional galego nas enquisas postelectorais do CIS (1997-2009).
Mentres, Cataluña...
Posta un commento