Caxigalines nella Reguera'l Campizu

25 luglio 2011

FIN DE SEMANA

Esta finde foi frenética. O venres visita sempre intensa dun sevillano cabal que prefire a semana santa á feira. Coctelerías na noite algo morna de Vigo. O sábado turismo rural nunha casa de comida caseira ao pe da ponte vella de As Pontes. Ao serán, co sol tímido do verán no solpor, actuación estelar de QCP, na campa, algo baleira, do Nabiza Rock. Non son horas de tocar rock and roll. Nin temperaturas. Cando se puxo o sol, caeu unha humidade de séculos nos ombreiros.
O domingo pola mañán visita a urxencias por cálculos renais algo agudos. Coa buscapina na ialma, fomos a Vilalba xantar esas pantagruélicas fontes que se estilan na británica terra cha de frondosos carballos e limpos castiñeiros entre chantas e cemeterios góticos. Aínda nos deu tempo de ir tomar un café ao seica spa da mítica charca do alligal de codesido, agora, polo que me contaron, transformada en alxibe circular algo urbanizado. Os que a lembran enlamada, case telúrica, non entenden moito a mudanza. Eu tampouco. Á volta, sempre por eses paraxes que están a pedir un Turner, tomamos a autopista por ver desde o alto a cheminea de As Pontes, coas catro torres de refrixeración, o parque de carbón e ao lonxe o lago case cheo que agocha o furado da mina. No miradoiro do Tesouro, non conseguín comprender a belleza da paisaxe. E non é fobia aos encoiros nin ás augas remansadas. Terei que lle preguntar a Soto por iso, sobre todo cando miro o lugar que foi Meidelo e non o atopo.
O luns pola mañán, de novo os cálculos que firen. Tardo en erguerme. Vou ver os meus pais, con algo de dor nos cadrís. Eles marchan. Non quedan para a festa da Fraga. Tampouco eu podo achegarme. Non podo camiñar moito, pero tampouco é festa que me preste. Case o contrario: se cadra nunca souben aprezala. Nin siquera canda novo. Din unha pequena volta polo pueblo. Só unha estraña terraza (que desde aquí honro) estaba aberta. O ceo de chumbo era fermoso horizonte das rúas baleiras. Algo de poalla ameazaba o paseo. Pero respetou o noso regreso a casa, solitarios.
Xa estou en Vigo, algo calmado, con buscapinas e ibuprofenos en fidel compaña. Sinto algo de calor no corpo, despois deste paréntese de outono, case invernal. Que me respecten os cálculos.

Nota: a ilustración é de Miguel Pérez Ramudo, gañador con este cadro do Primeiro Premio de Pintura Rápida en Benavente, para menores de 17 anos. Santa María del Azogue. Nunca mellor dito.

1 commento:

Agrimensor ha detto...

Póñase ben axiña, señor Arume, que somos moitos os que queremos velo en boa forma.
Agradécense as liñas que lle dedica á contorna vilalbesa, de carballeiras e soutos que gardan cemiterios góticos. A Charca do Alligal, cando había que enlamarse para chegar a ela, tiña o seu aquel, xaora que si.
Un Turner non viña mal. Mais terá que ser axiña, pois a onda das desfeitas ameaza con chegar cada día máis lonxe.