29/07/11

INICIATIVA BENCOMÚN


Dou traslado ao meu blog do contido da Carta de compromisos pola rexeneración democrática, dirixida aos partidos políticos de Galicia, redactada por Iniciativa BenComún, que eu fago extensiva a onde cumpra.

A Iniciativa BenComún, en representación dos seus 350 membros e facéndose eco das reivindicacións dunha boa parte da cidadanía galega, fai chegar ás forzas políticas galegas unha carta de compromisos coa intención de discutila conxuntamente e recabar o seu posicionamento sobre as medidas nela contidas. A seguir, faise un resumo dos principais contidos do documento de debate.

  1. Modificación do sistema electoral e impulso da transparencia pública e da participación cidadá, aumentando a proporcionalidade, redefinindo as circunscricións electorais, e implantando –ou perfeccionándoos, cando xa existen– mecanismos de empoderamento cidadán como os referenduns, as iniciativas lexislativas populares, as listas electorais desbloqueadas, as eleccións primarias, os orzamentos participativos, o goberno aberto ou a revogación de mandatos.

  1. Rexenerar as condicións do exercicio de cargos públicos, mediante a limitación de mandatos, a non acumulación de cargos, a supresión dos privilexios dos representantes políticos e o establecemento de límites salariais e de normas de conduta estritas e de obrigado cumprimento.

  1. Redefinir o modelo de campañas electorais, mediante a limitación dos gastos de campaña, a obrigatoriedade de debates entre diferentes alternativas políticas e o tratamento equitativos das candidaturas nos medios. Igualmente, profundizar na transparencia do financiamento dos partidos políticos.

  1. Reformar e racionalizar as Administracións Públicas, suprimindo entidades obsoletas (Deputacións provinciais, Delegacións e Subdelegacións do Goberno), reformando outras (Senado) e creando novos modos de articulación acaídos aos tempos (áreas metropolitanas, urbanas e comarcais).

  1. Promover o dereito a unha información independente, veraz e de calidade, mediante a aprobación dunha Lei de Garantías do Dereito á Información e o establecemento de medidas de independencia dos medios de comunicación galegos –tanto públicos como privados– a respecto do poder político.

  1. Garantir os dereitos económicos, laborais e fiscais como condición indispensable para o funcionamento democrático da sociedade.Neste sentido, destacan as medidas de combate á precariedade laboral, a ampliación dos dereitos dos consumidores e usuarios, ben como unha reforma impositiva e o combate à evasión fiscal.

Para a discusión deste programa de rexeneración política e social, a Iniciativa BenComún establecerá unha rolda de contatos coas forzas políticas con representación nos Parlamentos galego e español e convócaas a un encontro aberto á participación da cidadanía e dos medios de comunicación. Propoñemos como data para a súa celebración o luns, 5 de setembro de 2011, na sede do Parlamento Galego.

1 comentarios:

ms dijo...

Son todas medidas

- que calquera goberno (de dereitas ou esquerdas) con un pouco de sentidiño tería que adoptar, pois son vitais para a rexeneración democrática.

- factibles

mais dubido moito que os dous partidos maioritarios no Reino de España as queiran implantar, pois hai unha inercia forte a non modificar nada do que eles cren que "funciona" ben (por examplo, a intocable Constitución), e ademais despois de chegar ao poder teñen que colocar ao amigos e amiguetes que os axudaron na campaña en postos de responsabilidade ben renumerados.