Debe de ser o mesmo complexo de inferioridade que exhibo nos talleres mecánicos o que me leva a admirar as ferreterías. Non son eu un manitas de case nada, pero algunhas cuestións elementais do fogar son atendidas por min co rigor e a corrección necesarias. Desque pechou López atópome algo orfo, xa que o gran gurú da ferretería, ademais de subministrar o material preciso, sempre aportaba a súa proposta tecnolóxica ás miñas cuitas. Estes días andaba eu na procura dun filtro para a billa do fregadeiro e dunha goma para a cafeteira bialetti. A ocasión de tramitar un par de parvadas burocráticas permitiume achegarme á catedral viguesa da ferretería: Iturmendi. A pesar do nome carlista ou requeté do local, ten todos os paus para pasar alí uns minutos gloriosos. Non me gusta nada agardar nas tendas nin en ningún outro sitio: unha cola de máis de dúas persoas encolerízame xa nada máis vela. Sen embargo, en Iturmendi unha cola algo grande promete sensacións marabillosas. Hoxe apenas tres persoas, pero foi suficiente para decatarme de 1) a amabilidade elegante dos dependentes enchalecados de verde; 2) a tranquilidade e eficiencia do persoal; 3) a disponibilidade dos propios clientes que ofrecen ao neófito e ao ignorante clases didácticas sobre como arranxar un problema técnico; 4) a prodixiosa riqueza da linguaxe ferreteira; 5) a amplitude de coñecementos de case todo o mundo sobre case todo e a ignorancia proverbial propia sobre ese mesmo case todo; 6) a abraiante oferta nun espazo non demasiado grande; e 7) (pero non última) a extrema familiariedade con que a xente entra, sae, comenta, xulga, ri, toca, proba nese lugar. Iturmendi é un lugar obrigatorio, un universo en si mesmo na rúa Progreso, se alguén quere coñecer iso que din sobre o carácter currante e disposto ao traballo (e, por suposto, hospitalario e amable) desta cidade.
1 commento:
A min o que me poñen son as papelerías de ampla e ben surtida oferta nas que podes ver e tocar todo, pero: (i) os dependentes non sempre son amables (coma no Corte Escocés, algúns parece que te están a vixilar co rabo do ollo); (ii) os dependentes non sempre saben do que venden (son, in strictu senso, comerciais, pero non expertos); (iii) au contraire do que pasa nas ferreterías, non sempre podes encontrar o que buscas. Benditas sexan por semper, xa que logo, as tendas-papelería de Internet.
Posta un commento