Caxigalines nella Reguera'l Campizu

18 gennaio 2007

O ESTATUTO AVANZA

Os representantes dos tres partidos posan durante un pequeno receso da reunión que está a discutir sobre o limiar do proemio do introito do preámbulo do que en tempos daba en chamarse Estatuto.

18 commenti:

albixoi ha detto...

Acertado estás coa foto. Como dependamos do PP, o tema do Estatuto irá «SINE DIE»
Parabéns polo blog. Un magnífico traballo.

Anonimo ha detto...

Prefiro darlle o parabén na súa casa, mellor ca na outra tan hospitalaria onde habitualmente nos falamos.

Déixeme, con todo, disentir algo. Non me parece xusto o exercicio mediático de responsabilizar por igual aos tres actores; coido que en esforzo, claridade e risco asumido os méritos andan ben desequilibrados. Que a prensa escrita e diaria faga bo o "todos son iguales" ten un pase, sendo quen é aquela; lerllo a xente coma vostede, sábelleme peor.

Unha suxestión engadida: non sería máis propia a foto de dous millóns de vellos? Hai vinte e cinco anos, co da aldraxe, saíron á rúa a milleiros. Ai, eses touciños...

Anonimo ha detto...

Sinto ter dado esa impresión. Pero é o que ten a retranca: que non casa coa xustiza e co rigor analítico.
Non obstante, nas vindeiras eleccións os votantes saberán que facer e, desde logo, o amigo Feijoo tenas claras, tanto fóra como dentro do partido, porque afíanse navallas.
Creo que o máis beneficiado desta desfeita é o propio Touriño. Pasara o que pasara, xa que colocarse no medio, no centro, sempre conta con vantaxe.
Non sei. A mín, desde logo, non me gustaría que, como afirmaba a prensa o outro día, agora o goberno diga que non pasa nada, que aínda quedan transferencias e competencias que desenrolan de xeito visible. Porque entón a xente si que percibe que non era tan importante. En fin, que hai que medir moito as verbas e, sobre todo, ante eleccións. Eu sempre confío (teño un inxustificado optimismo histórico) en que desto sempre saia algo mellor.
E moitas grazas pola súa visita.

Anonimo ha detto...

E digo eu, ignorante e perdido coma sempre: será realmente tan importante? De que fala realmente esa xente sentados á mesa coa porta pechada? Mellorarían as nosas vidas sustancialmente se houbera novo estatuto? Por qué carallo temos que meter eses caracteres de verificación cada vez que poñemos un comentario?
Saúdos.

Anonimo ha detto...

Moi boa a retranca e moi boa a foto (pode darnos datos sobre ela?).

Pois si, cun novo Estatuto si que mellorarían, a medio e longo prazo, non sei se as nosas vidas exactamente, pero si as condicións xerais nas que se desenvolverían as nosas vidas, amigo Highway 61.

Parabéns polo blog, amigo Arume dos Piñeiros. E saúdos de Sharon.

Marcos Valcárcel López ha detto...

E ninguén pensou na posibilidade de sacar a xente á rúa, como se fixo no 77, sequera para amosar que o resto dos galegos/as, ademais dos tres que negociaron, non están mortos, nin durmidos, nin apampados, e que ademais lles interesa realmente o tema?

Anonimo ha detto...

Desculpen que me poña así en evidencia, pero se non o digo rebento. O que máis arriscou foi Quintana; penso que deu talla de político e gobernante que case ninguén lle recoñece. Hai cousas que non me explico... Que lles faría este home a columnistas, pensadores e blogueiros?

Que conste que non sinalo. Vaia, algo si.

Anonimo ha detto...

Amigo anónimo político-cultural.
Debería entender logo que asinado un novo estatuto a medio ou longo prazo diminuirían ou desaparecerían as listas de agarda do sergas, que se duplicarían as camas hospitalarias por habitante, que a escola pública sería realmente pública, sen concertos, e que estaría perfectamente dotada. Supoño que debería entender tamén que comezaría a cerrarse a terrible fendedura socioeconómica que ven a dividir á Galicia do interior da costeira, inzándose o territorio de vías rápidas que chegarían a calquera lugar e que calquera na máis remota aldea tería acceso á banda ancha e podería compartir con nos esta preciosa blo. E, o que é máis importante, debería entender que poderíamos pór comentarios sen verificar a palabriña de deus.
Se é así, Sr. Valcarcel, eu levo a pancarta.

Anonimo ha detto...

Home, amigo Autoestrada, un Estatuto, por moi novo que sexa, non ten propiedades miragosas. Mais se melloran os mecanismos de financiación, por exemplo, sempre mellorarán moitas das cousas que nomea, entre elas a Sanidade ou as infraestruturas.

Pero repito: un estatuto non é ningunha panacea, de aí que sempre haxa carencias, pois sempre serán máis as necesidades que os recursos.

O do ensino público, sen concertos coa privada, non é tanto cuestión de competencias e financiación, como de vontade política.

Con todo, e xa o dixen, un novo Estatuto, como o que propugnaban PSOE + BNG, si que melloraría, a medio e longo prazo, as condicións xerais nas que se desenvolverían as vidas dos galegos.

O que nunca fará ningún estatuto, autogoberno ou independencia, é que sexamos máis felices. A felicidade é, sobre todo, unha cuestión persoal, e de ter sorte, moita sorte na vida.

Saúdos.

Anonimo ha detto...

No que si teño que darlle a razón, amigo Autoestrada, é que por moito novo Estatuto que tivésemos, este nunca impedirá que campen polos seus respectos os spam. De aí que haxa que poñer esas letriñas tan engorrosas.

Anonimo ha detto...

E digo eu: alguén lembra como era a xestión da cousa pública antes do 1985? Mellorou ou empeorou, en rapidez e eficacia, desde que temos un certo marco de autogoberno?

Se as respostas son SI e MELLOROU, tal e como sostén este subscribinte, paréceme probable que aumentar e perfeccionar o autogoberno aumente as expectativas canto a calidade de vida, benestar e desenvolvemento.

Máis razóns, logo, para a pancarta. A quen llo propoñemos?

Anonimo ha detto...

Ola de novo, amigo anónimo político-cultural (algún outro alcume máis curto sería posible?).
Gústame falar (ou discutir, como prefira) porque sempre se chega a algún fin. Di vostede que "un Estatuto, por moi novo que sexa, non ten propiedades miragosas", que "o estatuto non é unha panacea" e que a cuestión do ensino público "non é tanto cuestión de competencias e financiación, como de vontade política". Así non me vai convencer vostede da relevancia de sacar adiante un novo estatuto: sigo sen ver a importancia vital de asinar un novo e cada vez vexo máis urxente que os nosos representantes e o noso goberno amosen unha real "vontade política" de arranxar a respública.
En canto á miña felicidade, non tema por mín, non está depositada nos políticos profesionais.

Amigo X. M. González.
A respública mellorou infinitamente desde o 1985 con respecto a antes. Iso é evidente, só faltaría ir para atrás. Pero a pregunta é se mellorou o mesmo en todas as autonomías, (mesmo comparando entre elas aquelas que teñen o mesmo grao competencial)e a resposta sospeito que vai ser que non. E é non polo que dí o amigo político-cultural: porque ao marxe das coxunturas, esa mellora é máis cuestión de "vontade política" que de competencias. E voulle facer unha pregunta-trampa: pensa vostede que o grao de mellora nestes últimos 20 anos, co mesmo estatuto en vigor, co mesmo grao de autonomía que disfrutamos durante eles, tería sido o mesmo de haber estado no goberno a esquerda?

Anonimo ha detto...

Por certo, que palizas meto, joder. Síntoo. De verdade. Tentarei non explicarme tanto a próxima vez.
E grazas pola información do spam. Agora o entendo todo.

Anonimo ha detto...

Pois, en efecto, a pregunta debe levar trampa, porque non encontro resposta para ela.

Si lle podo contestar algunha cousa, pero temo que será fragmentaria. De gobernar o nacionalismo -ou estar no goberno, polo menos-, en vinte anos teríase feito bastante máis e diferente en materia lingüística e cultural; poderíanse detallar cousas, establecer comparanzas, pero non é cousa de alongarse tanto. Igualmente en materia medioambiental e urbanística. Teríanse defendido máis os nosos sectores produtivos, tan mallados, tan inermes desde ¿canto tempo hai? Non teriamos, probablemente, o campo ao bordo do colapso por abandono; probablemente non incorro en moita hipérbole.

Máis non lle sei ver. Notoriamente, é cousa de vontade política; pero non vale de moito a vontade se non se pode facer política, e esta é imposible sen estatuto.

Mire, sei que son parcial. Pero non albisco opción de mellora substantiva para nós sen nación (na práctica) nin extensión do autogoberno. Podemos ir tirando, iso si, e algo sería. Cos vinte anos que levamos...

Anonimo ha detto...

Prezado Autoestrada, pode chamarme como os amigos: Anónimo PC, AP-C, ou algo semellante.
Estou de acordo basicamente co que sinala X.M. González: un goberno que non fose do PP faríao mellor. Mais tampouco sexamos incautos, porque aquí caben moitos matices: moito, bastante, algo, ...

Anonimo ha detto...

Amigo X. M. González.
A pregunta ten trampa porque entendo que vostede ten que contestar forzosamente que si, porque se contestara que non significaría que igual lle dá Xan ca Pericán, e se fora así, seguramente que non teríamos comezada a conversa: estamos a falar porque non nos dá igual. Pero ao contestar que si, que se gobernaran os nacionalistas Galicia estaría mellor, está a dicir exactamento o que eu defendo: o realmente importante é quen goberne e como o faga, a súa "vontade política" de arranxar as cousas.
Por outra banda, non teña medo de ser parcial, todos o somos. Penso que non se corre ningún risco sempre que un sexa consciente de que o é. O importante e respectar as opinións dos demais como ven facendo comigo (con moita paciencia). Un pracer falar con vostede.
Amigo anónimo PC.
Estamos de acordo en que calquera o faría mellor que o PP, incluso eu, que son un inútil e non teño nin puta idea de nada. Un goberno nefasto, sen dúbida. Menos mal que non tiveron mellor financiación e máis (in)competencias. Un pracer tamén falar con vostede. Da gusto así.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Entre todos imos construindo unha idea do que debe ser a política neste país. Pero tamén que lonxe estamos da realidade!

Anonimo ha detto...

Aínda estabamos (máis) lonxe hai quince anos. Como advirto manobras converxentes entre a "realidade" e "nós" (sinuosas, inzadas de viravolta), permítome dicirlle, dilecto anfitrión, que

Isto non é inútil.