Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 ottobre 2014

RICARDO II EN VIGO


Ofreceron onte os Yelmo a retransmisión da obra Ricardo II, gravada en vivo en novembro de 2013 no teatro da Royal Shakespeare Company en Strafford upon Avon. A peza, non das máis coñecidas de Shakespeare dentro dos seus magníficos dramas (traxedia figura no título) históricos, está dirixida por Gregory Doran, que ao comezo da retransmisión e en forma de introdución, dá unha lección exemplar de entusiasmo e claridad expositiva, xaora admirable. O papel principal do rei inglés Ricardo II recae en David Tennant, famoso pola serie Doctor Who (que eu non sigo). O seu Ricardo, que ten notable semellanza coa imaxe que se conserva da figura do monarca inglés, é soberbio na súa complexidade e subtileza. Escapa do patetismo extremo da desgracia pola vía dunha distancia irónica que probablemente está nos textos pero que Tennant tenta resaltar. Hai unha lixeireza na súa actuación como case de comedia. Sobrevoa o esceario cunha fraxilidade se cadra reforzada por un vestiario livián, de longas túnica de liño que mesmo evocan o baleiro que ocultan. Ese rei inglés, despoxado, deposto, abandoado por todos, remata en Tennant cunha substancia moral sobre o efímero das glorias mundanas. O seus monólogos ou parlamentos diante dos demáis cortesanos están pronunciados cunha melanconía profunda, pousada, demorada, moi lonxe da desesperada lamentación doutras personaxes tráxicas. 
Se Tennant consegue un papel memorable, non son menores as actuacións de Oliver Ford Davies no seu Duque de Iork, redondo na súa tamén complexa faciana de leal e ao tempo hábil pontífice do cambio de réxime. A viuda de Gloucester, cun papel pequeno, Jane Lapotaire, agasalla un planctum terrible, recitado con aires tremendos de catarse, nun deses momentos excelsos da obra shakespereana. A retransmisión permitiu ver, ademáis, nas entrevistas habituais neste tipo de programas, a vitalidade dunha actriz que supera unha lesión cerebral grave e entrega a súa palabra ao público. A famosa descripción de Inglaterra, "This royal throwne of kings...", a cargo de Michael Pennington no seu papel de John of Gaunt, segue demostrando a grandeza insuperable das metáforas shakespeareanas, nesta obra abundantes e paradigmáticas. 
A montaxe, dunha sobriedade da que deberían aprender todas as compañías empeñadas en versionear clásicos, aproveita a disposición do esceario do Royal Shakespeare Theatre, semellante á que debeu existir nos clásicos teatros do Bankside londinense onde Shakespeare viu representadas as súas obras. Aínda que estabamos nun cine moderno con gradas enmoquetadas e butacas amplas e cómodas, baixo cuberto nunha noite dun outubro chuviñento en Vigo, non era difícil imaxinarnos no Globe dun Londres animado de finais do século XVI.  

Nessun commento: