Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 giugno 2009

UNHA MAN NO QUEIXELO


Que o PP gañe as eleccións en Galicia con certa facilidade non resulta estraño. O chan electoral do partido conservador é moi alto e a pouco que forcen a máquina e a oposición extravíe o rumbo conseguen esa marca de sempre en torno ao 50% que lles dá a hexemonía necesaria para gobernaren coa tranquilidade acostumada. Non convén esquecer isto nunca: é coma eses partidos contra o Madrid, nos que hai que xogar sempre por riba das posibilidades e aínda así non aseguras nada. Agora ben, se vas mirar as gradas do Bernabeu e a comer no asador donostiarra o día antes levas cinco, mínimo. O peor é ler as portadas do día seguinte e as medidas dos posteriores. Pa echarse a temblar, como di meu pai.
O PSOE, ou PSdG, segundo se mire, mantivo o tipo, que é máis pequeno, bastante máis pequeno, incapaz, a pesar de todo, de ser alternativa, por moita envergadura que lle engadan desde fóra. Para iso precisa de axudas complementarias en forma de coalicións ou, no caso de quereren, de integración no seu corpo electoral doutras sensibilidades esquerdistas e non sei se galeguistas, sen menoscabo das xa existentes no seu interior. A vella imaxe da manta curta pode valer para o PSOE. Ao mellor convén cambiar algunha vez de manta. O certo é que o seu apoio disminuiu e que non se albisca, polo de agora, melloría. A min me falta visibilidade do partido. Nunca tivo moita, pero agora, coa cabeza demasiado ostensible de Pachi Vázquez, necesita, ao meu xuízo, cadros máis rotundos, máis identificables en todas as partes. Por suposto, non falo de Caballero (tan ostensible coma o lider máximo, pero sempre baixo sospeita de divismo), senón dese nervio de grupo, con xente capaz de artellar un discurso alternativo, corpulento, serio e recoñecible. En fin, o que aínda non hai nin polo de agora se espera.
O BNG atópase nun momento crítico. Ou máis ca crítico: extremo. Os resultados da asamblea aliviaron probablemente as tensións internas ou digamos que aclararon o panorama (coas conseguintes decepcións, non resoltas) entre os seus militantes. Pero deixaron sen resposta aos seus votantes. A perda notabilísima de apoios (de 140.000 a 100.000 entre as dúas convocatorias europeas, con cambio eso si de coalición, que tamén puido influir) obriga non á reflexión (que xa está máis ca feita) senón a toma de decisións drásticas. Eu creo que Guillerme Vázquez non é o candidato ideal (por cousas que teñen que ver máis coa promoción cara o exterior do partido). Non podo falar polo 80-90% de non votantes do BNG, pero moito me temo que non sexa quen de arrimar apoios, se mesmo entre os seus sofre semellante debacle (un de cada catro deixou de votalos). Sería demasiado pedir a estas alturas demisións, pero non estaría de máis pensalo un pouco ou, como gustan dicir algúns dos seus militantes en instancias menores para litotes oportunas, darlle unhas voltas ao asunto. Pero non moitas, porque a ameaza de ruína é inminente.
Esquerda/Izquierda Unida segue o seu particular paseo polas mesmas porcentaxes, o cal pode compracer aos pesimistas (lexión entre os seus) e non incomodar demasiado aos optimistas (especie en extinción en tal coalición). O malo deste deambular é o de crer que ese é costume arraigado e non facer nada por mudalo. En Galicia, falta, coma sempre, corpo e se me apuran mesmo esquelete que poida engordar algo segundo as circunstancias. E iso que o sistema electoral neste caso podía favorecelo.
O éxito de UPyD é o éxito das campañas intelectuais desde certos xornais: que Savater teña tribuna en EL PAÍS ou que desde EL MUNDO simpaticen con Rosa Díez e a súa teima centralizadora explica ese medio millón de votantes descontentos, entendo, coas coalicións pesoísticas cos distintos nacionalismos. Entendo, non obstante, que para UPyD (aplicable á propia Esquerda Unida, pero sen tan bós resultados) o distrito único representaba unha oportunidade mellor, xa que calaba precisamente nun electorado que prefire esa unificación do país. Non sei se as eleccións por provincias electorais outorgaría semellante premio. 
A Galeusca que desestimou o BNG non aproveitou a baixada do PSC, nunha Catalunya (outrora paradigma proeuropeo) moi abstencionista. O PNV tampouco axudou moito. O cambio do BNG por Coalición Canaria non supuxo perda algunha no resultado final. Izquierda Internacionalista obtivo o resultado esperable (en Navarra moi alto, por certo) para calibrar o peso no País Vasco tras a campaña anterior onde non participou. Curioso resulta saber que en Madrid (como Alacant probablemente polo censo de vascos empadroados nestas zonas) ten máis votantes que en toda Galicia ou que en provincias coma Valladolid teñen máis votos que en Lugo e Ourense xuntos con menos números de votos. 
Serán duros os días que veñen porque os almuecíns han rogar cinco veces ao día por eleccións anticipadas, mocións ou ameazas permanentes de mocións de censura. Han chamar a rebato un día si e outro tamén e así ata o voto final. Mentres tanto, un moito de intelixencia e un apretar de dentes adoita ser conveniente: prudencia e vehemencia a partes iguais e Maquiavelo sempre no horizonte. Avante toda.

7 giugno 2009

VIAXE Á ILLA


peirao de san adrián de cobres, lámina gris sobre mar de vigo, estribor e vellos risos, magnolios e arcolitos, arrecendo a buxo húmido, ponte e fotos de amanda, lápidas non lidas do cemeterio, estampa de lique e algas, capela de sansimón senmáns, voces ao lonxe, zanfonas, cálido agustín, jacobo en aniversario, rosa duplicada, bragado celta e ebooks para findeano, zanfonas, ágape de empanada-tortilla-xamón-croquetas-pulpo, viño, viño, despedidas, travesía calma, bicos, proa e rande na memoria
hai que volver outra vez á illa       

6 giugno 2009

CARRASCUS NIGHTMARE

O Carrascus que ilustra desde o seu blog Blogin' in the wind e desde a súa Sevilla querida a nosa curiosidade pola música pop é visitante habitual desta casa. Hai dous días agasallounos co seu relato desde dentro do 23-F. Seica outros pasaron semellante trance (creo lembrar entre outros, porque o comentaran no seu día, a Marcos Valcárcel, a quen mando efusiva aperta). Sirva o de Carrascus, traducido para a súa satisfacción persoal, ao galego, idioma que el mesmo domina para pasmo e tamén vergonza de media Galicia (comezando por algún veciño de portal), coma exemplo do que pasou aquel día. Moitas gracias, amigo.

Pouca xente en toda España pasaría esa noite do luns 23 de febreiro máis encabuxado ca min e os amigos cos que compartía mili no Rexemento de Automobilismo de Canillejas, en Madrid.

Cada seis meses, unha das compañías estaba de servizo. A nós tocounos Agosto e agora Febreiro. E durante os trinta días tocábanos servir de transporte aos demais soldados de todos os demais rexementos de Madrid cando ían de manobras, ou a realizarmos algún exercicio táctico, ou levabamos mercancías a outros destinos militares de España, ou simplemente levabamos a soldados doutros cuarteis de visita ao aburridísimo Museo Militar.

Todos os sevillanos que se incorporaron comigo en xaneiro de 1.980 licenciáronse o venres 20, e a esta hora da tarde xa estaban tranquilos en casa. Por culpa do noso maldito mes de servizo, os dous sevillanos que fomos a parar a este cuartel teriámonos que licenciar unha semana máis tarde, o venres 27, cando xa o mes estivese tocando ao seu fin.

O luns 23, un coleguilla de Mora la Nueva e eu estabamos ao comezo da tarde brindando cun cubalibre polo inicio da que sería a nosa derradeira semana militar, para que oxalá fose moi curta. Interrompiunos o do bar: “Que facedes aquí, non sabedes que houbo un golpe de estado?” Soounos á típica broma do que nos quere vacilar porque sabe que xa non nos queda nada. “Vai ao carallo, tío, e ponnos outro vodka con limón”. Pero seguiu insistindo: “Que si, que é verdade, que os militares,  bueno, vós, asaltastes o Congreso”. “Si, home. E a nós non nos levaron”.

E así seguiu a cousa ata que rematamos o segundo cubalibre e fomos a outro bar a seguir a rolda, un con música que había uns bloques máis arriba. Cando nos viu entrar, o camareiro mirounos raro: "Como é que estades pola rúa? Non teriades que estar no cuartel, ou algo?" "Por que?, son as seis e media, a esta hora xa estamos todas as tardes fóra". "Si, pero todas as tardes non hai un golpe de estado". "Outro máis. Os cabróns dos barmans estes puxéronse de acordo para puteármonos a nosa última semana", pensaba eu. Pero este fixo algo máis, díxonos que nos achegásemos e subiu o volume da radio. A esa hora non empezaran aínda coas marchas aquelas e daban noticias sobre a interrupción do pleno de investidura. Repetiron o momento en que Tejero entrou no hemiciclo, momentos despois disparos por un tubo. Pola radio non se ve se estaban disparando cara ao teito ou cara á xente. Oíanse só disparos. Foi un dos momentos máis aterrecedores da miña vida.

Fomos rapidamente ao cuartel, que estaba moi preto; só tiñamos que cruzar a estrada de Vicálvaro. Todo estaba moi tranquilo, pero ían chegando máis soldaditos coa mesma faciana de susto ca nós. Ao entrarmos na compañía íannos dicindo que nos vestísemos de faena, co correaje e o Cetme. Non nos deron cargador, pero estaban todos lúgubremente preparados na entrada, e non estaban baleiros como sempre. 

A noite foi longuísima. Os demais soldados que estaban por aí de servizo cos camións volvían contando como os madrileños os miraban espantados desde o interior dos coches cos que se cruzaban. Aquí dentro non nos preocupaba demasiado o futuro de España: laiábámonos da desgraza de que isto ocorrese xusto cando nos quedaban catro días nada máis para licenciármonos. Iamos facer máis mili que o pau da bandeira.

Os acontecementos precipitáronse pouco despois do mencer. Como primeiro oficinista da compañía que era eu, ao ser o máis veterano dos tres, tiven que coordinar unha saída urxente de camións cara ao Goloso e Campamento para recoller soldados con destino ao Congreso dos Deputados. Non sabía para que tiñamos que levalos alí. Ningún dos mandos parecía sabelo tampouco. Elixir aos oito soldadiños máis outros oito acompañantes que tiñan que conducir aqueles camións foime moi difícil. Parecía coma se os estivese enviando ao campo de batalla. Non podía elixir a ninguén, todos eran coñecidos e amigos meus, aos que levaba todo o ano dándolles pases de permiso. Pedín voluntarios; non se ofreceu ningún. Ao final optei por elixir aos dezaséis que máis tempo levaban sen faceren gardas; para iso pedinlle ao furriel, que formaba comigo o que chamaban "a mafia sevillana" (si, el era o outro sevillano do cuartel), o cuadrante dos servizos. Nin explicándolles o porqué da elección deixaron de mirarme mal". Cando todo rematou horas máis tarde, con todo, todo foron sorrisos. Algúns non saíran sequera dos cuarteis onde foron. Outros si levaron soldados: a eses que se miraban na tele preto das fiestras do Congreso, como comandos, sen que soubésemos de certo se eran dos bos ou dos malos. Algúns deles miráronse máis tarde tamén na tele, fachendosos de levaren aos bos. O resto da semana foi dura. Os mandos máis reaccionarios non deixaban de nos faceren a vida imposible, enfuciñados polo fracaso do que eles pensaban debeu ser un golpe liberador. España seguía presa. E nós eramos os culpables, por maricóns, por non ter ovos de acabarmos cos comunistas e os socialistas, os roxos de merda, o lixo que estaba arrastrando a Nación. 

Por fin o mércores pola tarde deixáronnos saír de novo do cuartel. E o venres 27 pola tarde puiden coller un autobús en Usera que me traía a Sevilla, para non ter que voltar máis. Entre os sevillanos que retornabamos atopei caras coñecidas que non agardaba ver. Caras pertencentes a outros soldadiños que se licenciaran o venres anterior, e que na noite do luns 23 obrigaronos a regresar. 

Ao principio dicía que pouca xente en España pasaría esa noite máis encabuxado ca min. Estou seguro de que estes paisanos meus, e outros aos que tamén chamaron da súas casas noutras cidades estaban entre esa pouca xente. E os meus pais deberon de ser os pais máis sufridos de todos. Eu, militar porque pedira dúas prórrogas para rematar os estudos; o meu irmán menor, militar pola súa quinta; e o noivo da miña irmá pequena, militar voluntario.

5 giugno 2009

ARDE VIGO


Metal vs. metal. Hostias por un tubo. Parafusos, porcas polo ar de Vigo. Fume, lume, gume. Corpo a corpo. Carne vs. carne. Mentres, Figueroa pide demisión do alcalde (en Copenhague) e do concelleiro de Seguridade Cidadá. O alcalde, retornado, pide responsabilidade á conselleira de Traballo e ao presidente e de paso despreza á delegada por incapaz. A patronal, que uns días sacou ternos novos para reunirse no centroculturalcaixanova para protestar (unha sentada, en sentido estricto) polos actos suponse que tratándose de Vigo suévicos, pide cadeas pero non pía. A delegación do goberno mira tamén para Mato e pídelle que arranxen esto. O subdelegado di o que lle din e chama por reforzos. O vicealcalde, alcalde accidental, non saca paliativos. A superdelegada permanece calada. Entre os cidadáns prende a polémica e no interior de cada un tamén ("todo está ben, eu tamén sairía, pero se che collen o coche polo medio: que culpa tes?": o coche, sempre o coche). Os xornalistas abandonan as roldas de prensa, mentres non atopan un pequeno oco para explicar cal é a razón última destas cruentas leas de corpos polas avenidas ou polo pequeno castelo de Barreras. Aproveitan todos (con maior ou menor grao de miseria) a xustificada ou inaceptable ira destes días.
A finde será unha tregua ata o luns en que se agarda que Citroën, o intocable Citroën, sexa chamado á protesta. Coma na anterior ocasión de hai case dous anos, eu fago a pregunta: por que temos sempre que chegar a isto? 

4 giugno 2009

ANATOMÍA DE ADOLFO SUÁREZ

Non son o lector idóneo de Anatomía de un instante. O impacto emocional que causara o golpe de estado de 1981 e a voracidade lectora daquel tempo incitaronme a ler con moito interese canta crónica ou reportaxe se escribira sobre as miudenzas do 23-F, mesmo a formidable xeira de comentarios, análises ou estimacións que xerara daquela. O xuízo contra os militares sublevados celebrado meses despois supuxo ademáis unha nova oportunidade para profundizar aínda máis se cabe naquel episodio da historia recente. 

Agora Javier Cercas, o autor da demasiado valorada Soldados de Salamina, cuxas últimas páxinas excelentes fan esquecer a escasa faragulla das primeiras, rescribe este asunto. Probablemente para boa parte das xeracións novas o libro pode resultar útil, se facemos tamén esquecemento da bibliografía inxente que sobre o tema hai desde hai moito tempo, escrita por autores que quizá non teñan o prestixio de Cercas. Pode mesmo valer para calibrar o que pode pensar unha persoa da miña xeración (naceu no 62) despois de moitos anos, coa maquinaria da moderación e do xuízo ponderado que o tempo tende a construír. Pode tamén valer para comprobarmos como se pode comportar un novelista, un creador de ficcións, sobre un feito histórico coñecido desta vez (a diferencia do recreado en Soldados de Salamina) de sobra por moitos lectores. Pode tamén ser de interese para observar por enésima vez o fenómeno das fronteiras entre imitación e invención. E pode ser tamén necesario para verificar se toda fotografía dun tempo pasado ten sempre algo de magistra vitae para o presente. 

Por iso eu afirmaba ao principio que eu non era o lector máis axeitado para esta suposta novela. Porque ningunha das opcións de lectura que apunto crea en min cumprida tarefa. En primeiro lugar, porque o libro non aporta para min grandes cousas ao xa coñecido, agás unha estraña obsesión polo papel do CESID en todo o entramado (a propia dinámica tortuosa do servizo de información parece mesmo confundir ao narrador nos capítulos dedicados a este asunto), a relativa novidade de presentar ao Rei como outorgador dunha tácita patente para Armada ensaiar o golpe,  ou a concentración de todo o seu espíritu novelador (aínda que tamén pode ser de historiador) na figura de Suárez, que parece escapárselle ao afán do narrador (máis de novelista tamén, como el mesmo confesa) por cadrar con certa coherencia todas as pezas (resulta demasiado esquemática esa oposición das tres figuras que permanecen en pe no hemiciclo, Suárez, Mellado y Carrillo, cos tres artífices da asonada militar, Armada, Miláns, Tejero). Desde o punto de vista, pois, da información nada novo baixo o sol e si, ás veces, un lixeiro arrecendo a refrito non sempre moi convincente.

Tampouco o libro supón unha ledicia para o degustador das formas poéticas de toda linguaxe literaria. E iso parece aínda máis grave cando comproba o lector que si hai, como en Soldados de Salamina, pasaxes extraordinarios (gustoume o capítulo dedicado a Carrillo, aínda que a conclusión semellaba demasiado reiterativo, como si non o contentara por completo o retrato que lle saíra), escritos cunha mestría notable (ás veces, parecen vir ecos de historiadores latinos, en especial a Tácito, na descripción breve e algo irónica dalgún personaxe secundario), a carón de pasaxes dunha simplicidade insólita, planos na súa riqueza literaria. Chama a atención a repetición de certos clichés (procedentes do estilo átono dos xornais), a reiteración de expresións (o do "gallito falanxista" referido a Suárez repítese varias veces: será para que a xente non esqueza esto para entender o último capítulo?) coa idea, supoño, de dotar á narración dun carácter recurrente, propio das mañas e tramoias literarias pero demasiado visibles, o emprego dun preocupante vocabulario estándar, acompañado de moi poucas alegrías sintácticas. Non sería censurable este aspecto se o libro se presentase coma unha reportaxe xornalística onde debe primar a información e a claridade expositiva. Pero, dado que por todas partes resoa o nome aínda que fracasado de novela (Na contracapa chégase a presentar como "ensayo en forma de crónica"), o lector se cadra pide máis. Moito máis.

Porque unha das características máis destacadas polos críticos do libro é precisamente a de compaxinar o labor obxectivador do historiador co plano individualizador do novelista. O resultado non xustifica siquera a reflexión que o propio autor fai ao comezo sobre como se xestou o libro, as renuncias que tivo que aceptar (aínda que advirte que non renuncia a nada), a revisión á que someteu a perspectiva adoptada. Pode que isto poda resultar de interese filolóxico, pero non se compadece co resultado, carente desa tensión metanarrativa por completo. Pode un dicir que isto é unha novela: pode aseguralo e incluso necesitar dicilo, aínda que as dúbidas ao respecto sexan enormes ata o punto da negación, pero o que non ten sentido é presumir desa especie fronteiriza no que se sitúa o libro. Non hai tal. E, o que é pior, moito me temo que este aspecto concreto do libro vaia ser máis definitivo cá propia redacción final do texto. Xa estou vendo, con este libro como paradigma, traballos académicos de investigación sobre as lindes da ficción histórica ou da historia novelada: o epílogo da novela con que comeza o libro (sic) ofrece motivos para isto.

Non sei por que creo que Cercas escribiu o libro para arreglar contas consigo mesmo e co tempo que lle tocou vivir. O texto reconstrúe máis que visecciona un instante: restaura o que representou para unha sociedade nun momento determinado a transición, ao considerar o instante como a vibración extrema dun conflicto. Por iso se detén tanto en Suárez, no que Suárez simboliza de engarce entre a dictadura e a democracia. Pero Cercas revela ao final mesmo da novela que todo ese mecanismo que intenta expoñer e explicar ten unha compoñente persoalísima. Nese punto (que é o momento mellor de todo o libro, a pesar de ocupar apenas tres páxinas e as últimas precisamente) enténdese o por qué do libro, camuflado, agochado durante máis de catrocentas páxinas de prolixa aínda que repetitiva anatomía. 

Non son o lector axeitado para esta Anatomía dun instante. Entre que non ignoraba case nada e que a estrategia e a forma empregadas para contalo non resultan nada satisfactorias, o libro de Cercas remata por serme decepcionante. O paradóxico do asunto comprobeino onte, cando retomei a lectura do relato que Santos Juliá fai da vida e obra de Manuel Azaña. Non sei se o abismo intelectual entre o espilido falanxista e o intelectual liberal contamina aos narradores e fai que o estilo dun historiador como Juliá sexa infinitamente máis rico (máis poético, máis retórico, máis literario) que o dun narrador famoso e recoñecido como Cercas. Pero esa é a realidade, malia que alguén, arrastrado por un entusiasmo máis ca excesivo, trate de axustarlle o marbete de obra mestra da narrativa europea do século XXI.  

2 giugno 2009

LA DOLCE VITA 1959-2009


Tiro do post anterior para recomendar o interesantísimo último número de Dirigido Por, dedicado a Federico Fellini e a súa maxistral cinematografía. Todo porque este ano se cumpren os cincuenta anos da gravación de La dolce vita
Aínda que non hai necesidade de elixir un director de entre os centos que alimentan a miña educación sentimental, un dos máis eminentes, sen dúbida, é o xenio de Amarcord ou de 8 e mezzo, entre varias outras alfaias do cinema
Se a el engadimos o grande Marcello Mastroianni facendo de Marcello Rubini, o paparazzo das estrelas que camiñan por piazza del Popolo ou por via Veneto, o recordo desta marabillosa película faise vivísimo e extraordinario. Mirar La dolce vita conduce directamente ao paradiso.   

Nota: Lore, como esquecer Trevi ou as termas de Caracalla. E a Nino Rota. E a Giulietta Masina.

1 giugno 2009

CRÍTICÓN CINEMATOGRÁFICO


A crítica cinematográfica dos xornais non destaca precisamente polo seu rigor. Non por culpa do autor/a da crítica (poucas mulleres, por certo), senón por factores diversos (a brevidade necesaria do texto, o pragmatismo da empresa periodística moitas veces vencellada á producción da película, o elevado número de espectadores non todos co mesmo nivel de esixencia cultural, a natureza industrial do negocio) que impiden unha análise ponderada, razonada sobre a película vista. A inmediatez do xuízo, ademáis sustentado nun só pase ou como moito dous (probablemente con notas, pero tomadas de forma apurada), dificulta tamén o labor. Estes mesmos críticos, cando realizan a súa tarefa noutros medios como revistas especializadas ou escriben monografías sobre un autor, un xénero ou unha época amosan esa competencia (ás veces tampouco, pero en fin), que en ocasións queda deslucida polo impromptu da crónica xornalística.
Vén esto a conto da polémica con Carlos Boyero, o crítico cinematográfico de EL PAÍS, o ano pasado criticado por colegas (que, de seguro, non o tomaban por tal) por ausentarse á mitade da película de Abbas Kiarostami no Festival de Venezia, coa conseguinte crítica burlesca ("La vida es muy corta para desperdiciarla con tonterías disfrazadas de arte") e agora branco das furibundas denuncias de Pedro Almodóvar quen acusa a EL PAÍS por contar cun, ao seu xuízo, crítico impropio do prestixio de tal xornal. Non fai falta engadir, aínda que chove sobre mollado, que a pinga que debeu mover a irritación de Almodóvar foi o comentario, ferinte sen dúbida, de que non era masoquista para volver mirar Los abrazos rotos por terceira vez (despois de considerar, tras dous pases, que a película non valía moito). A lectura, porén, do blog de Almodóvar dá a razón a quen cre que ao cineasta non lle gusta moito que os críticos non amen o seu cinema, sobre todo porque en Francia e noutros países o adoran.
De toda esta polémica o que me parece bastante duro de comprender é a actitude dos críticos de cine que consideran que o que fai Boyero é inaceptable. En primeiro lugar, por algo que eu comparto con eles: o seu prescindible ton faltón e deslenguado, se cadra (moi) insultante e, calquera caso, excesivamente coloquial para o meu gusto. A min ás veces pode facerme gracia, pero atopo esaxerada esa impostura do crítico que non pasa unha, sempre vixiante sobre as engañifas, cunha linguaxe de perdoavidas un pouco macarra que sen dúbida o perde. Pero hai que recoñecer que non é o único, nin moito menos: estílase dabondo. Basta ler Fotogramas para darse de conta, ou repasar a pedantesca literatura (o delirio do remarcable) de Dirigido por ou lembrar as sesudas paridas do canonizador Cahiers du Cinema. 
Pero chámame a atención a denuncia de que Boyero defenda o cinema ultracomercial (sic), de que non atende a propostas revolucionarias ou innovadoras no cinema actual e que, en xeral e con contumacia, fai burla e escarnio dun tipo de cinema (arriscado é a palabra clave) que ten poucas saídas nas salas habituais (ás veces nin chega) e que demanda unha preocupación particular, unha especie de protección case ecolóxica dun xeito de comprender a arte cinemática. Eu non son quen de velo así. 
Parto da base de que o cinema actual presenta múltiples opcións, variadísimos xéneros (mesmo híbridos difíciles de catalogar), distintas fórmulas de representar o mundo, heteroxéneos gustos e sensibilidades. Todo isto resulta imposible de reducir a esa especie de dualidade (xa moi vista desde antigo) entre o comercial (malo, xaora) e o innovador (bó, por suposto) que exhiben os detractores de Boyero. Non se pode crer nestes termos. Dá ata preguiza argumentar algo así, porque ese falso dilema entre o cinema industrializado, de star system e directores famosos, e o cinema case artesán, de cinematografías máis esquecidas, con actores e actrices menos coñecidos, non existe nin pode existir. Hai de todo, pero non por ser un cinema artesán ou innovador (que conta co obstáculo insalvable do esquecemento e da negación, sen dúbida, na maior parte dos casos) ten a patente de corso que lle permite ser admirado en todo o mundo, e non por ser Spielberg o director do filme (xa collo eu o gustiño dos críticos por esta palabriña), vai a película a sucumbir ao desprezo xa casi apriorístico de moitos cinéfilos, unha especie na que me inclúo, aínda que a tempo parcial, e que, hai que recoñecer, é moi difícil de contentar. Ser un cineasta singular, difícil ou vangardista non é suficiente para que o seu cinema logre seducir.
Eu non son fan de Boyero, aínda que teño que recoñecer que certos desenmascaramentos de directores/as empoleirados/as fanno simpático aos meus ollos. Esta polémica, na que Boyero serve de chibo expiatorio seguro que a gusto, debería servir para resituar a crítica cinematográfica, agora probablemente ameazada pola aparición de varios blogs sobre este particular, moito máis documentados, máis perspicaces e máis informativos. Pedirmos agora mesmo unha (boa) crítica cinematográfica nun xornal é pedirmos a lúa de Valencia. 

Nota: xa sei, xa sei. Pero diso outro día.