Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 giugno 2009

CARRASCUS NIGHTMARE

O Carrascus que ilustra desde o seu blog Blogin' in the wind e desde a súa Sevilla querida a nosa curiosidade pola música pop é visitante habitual desta casa. Hai dous días agasallounos co seu relato desde dentro do 23-F. Seica outros pasaron semellante trance (creo lembrar entre outros, porque o comentaran no seu día, a Marcos Valcárcel, a quen mando efusiva aperta). Sirva o de Carrascus, traducido para a súa satisfacción persoal, ao galego, idioma que el mesmo domina para pasmo e tamén vergonza de media Galicia (comezando por algún veciño de portal), coma exemplo do que pasou aquel día. Moitas gracias, amigo.

Pouca xente en toda España pasaría esa noite do luns 23 de febreiro máis encabuxado ca min e os amigos cos que compartía mili no Rexemento de Automobilismo de Canillejas, en Madrid.

Cada seis meses, unha das compañías estaba de servizo. A nós tocounos Agosto e agora Febreiro. E durante os trinta días tocábanos servir de transporte aos demais soldados de todos os demais rexementos de Madrid cando ían de manobras, ou a realizarmos algún exercicio táctico, ou levabamos mercancías a outros destinos militares de España, ou simplemente levabamos a soldados doutros cuarteis de visita ao aburridísimo Museo Militar.

Todos os sevillanos que se incorporaron comigo en xaneiro de 1.980 licenciáronse o venres 20, e a esta hora da tarde xa estaban tranquilos en casa. Por culpa do noso maldito mes de servizo, os dous sevillanos que fomos a parar a este cuartel teriámonos que licenciar unha semana máis tarde, o venres 27, cando xa o mes estivese tocando ao seu fin.

O luns 23, un coleguilla de Mora la Nueva e eu estabamos ao comezo da tarde brindando cun cubalibre polo inicio da que sería a nosa derradeira semana militar, para que oxalá fose moi curta. Interrompiunos o do bar: “Que facedes aquí, non sabedes que houbo un golpe de estado?” Soounos á típica broma do que nos quere vacilar porque sabe que xa non nos queda nada. “Vai ao carallo, tío, e ponnos outro vodka con limón”. Pero seguiu insistindo: “Que si, que é verdade, que os militares,  bueno, vós, asaltastes o Congreso”. “Si, home. E a nós non nos levaron”.

E así seguiu a cousa ata que rematamos o segundo cubalibre e fomos a outro bar a seguir a rolda, un con música que había uns bloques máis arriba. Cando nos viu entrar, o camareiro mirounos raro: "Como é que estades pola rúa? Non teriades que estar no cuartel, ou algo?" "Por que?, son as seis e media, a esta hora xa estamos todas as tardes fóra". "Si, pero todas as tardes non hai un golpe de estado". "Outro máis. Os cabróns dos barmans estes puxéronse de acordo para puteármonos a nosa última semana", pensaba eu. Pero este fixo algo máis, díxonos que nos achegásemos e subiu o volume da radio. A esa hora non empezaran aínda coas marchas aquelas e daban noticias sobre a interrupción do pleno de investidura. Repetiron o momento en que Tejero entrou no hemiciclo, momentos despois disparos por un tubo. Pola radio non se ve se estaban disparando cara ao teito ou cara á xente. Oíanse só disparos. Foi un dos momentos máis aterrecedores da miña vida.

Fomos rapidamente ao cuartel, que estaba moi preto; só tiñamos que cruzar a estrada de Vicálvaro. Todo estaba moi tranquilo, pero ían chegando máis soldaditos coa mesma faciana de susto ca nós. Ao entrarmos na compañía íannos dicindo que nos vestísemos de faena, co correaje e o Cetme. Non nos deron cargador, pero estaban todos lúgubremente preparados na entrada, e non estaban baleiros como sempre. 

A noite foi longuísima. Os demais soldados que estaban por aí de servizo cos camións volvían contando como os madrileños os miraban espantados desde o interior dos coches cos que se cruzaban. Aquí dentro non nos preocupaba demasiado o futuro de España: laiábámonos da desgraza de que isto ocorrese xusto cando nos quedaban catro días nada máis para licenciármonos. Iamos facer máis mili que o pau da bandeira.

Os acontecementos precipitáronse pouco despois do mencer. Como primeiro oficinista da compañía que era eu, ao ser o máis veterano dos tres, tiven que coordinar unha saída urxente de camións cara ao Goloso e Campamento para recoller soldados con destino ao Congreso dos Deputados. Non sabía para que tiñamos que levalos alí. Ningún dos mandos parecía sabelo tampouco. Elixir aos oito soldadiños máis outros oito acompañantes que tiñan que conducir aqueles camións foime moi difícil. Parecía coma se os estivese enviando ao campo de batalla. Non podía elixir a ninguén, todos eran coñecidos e amigos meus, aos que levaba todo o ano dándolles pases de permiso. Pedín voluntarios; non se ofreceu ningún. Ao final optei por elixir aos dezaséis que máis tempo levaban sen faceren gardas; para iso pedinlle ao furriel, que formaba comigo o que chamaban "a mafia sevillana" (si, el era o outro sevillano do cuartel), o cuadrante dos servizos. Nin explicándolles o porqué da elección deixaron de mirarme mal". Cando todo rematou horas máis tarde, con todo, todo foron sorrisos. Algúns non saíran sequera dos cuarteis onde foron. Outros si levaron soldados: a eses que se miraban na tele preto das fiestras do Congreso, como comandos, sen que soubésemos de certo se eran dos bos ou dos malos. Algúns deles miráronse máis tarde tamén na tele, fachendosos de levaren aos bos. O resto da semana foi dura. Os mandos máis reaccionarios non deixaban de nos faceren a vida imposible, enfuciñados polo fracaso do que eles pensaban debeu ser un golpe liberador. España seguía presa. E nós eramos os culpables, por maricóns, por non ter ovos de acabarmos cos comunistas e os socialistas, os roxos de merda, o lixo que estaba arrastrando a Nación. 

Por fin o mércores pola tarde deixáronnos saír de novo do cuartel. E o venres 27 pola tarde puiden coller un autobús en Usera que me traía a Sevilla, para non ter que voltar máis. Entre os sevillanos que retornabamos atopei caras coñecidas que non agardaba ver. Caras pertencentes a outros soldadiños que se licenciaran o venres anterior, e que na noite do luns 23 obrigaronos a regresar. 

Ao principio dicía que pouca xente en España pasaría esa noite máis encabuxado ca min. Estou seguro de que estes paisanos meus, e outros aos que tamén chamaron da súas casas noutras cidades estaban entre esa pouca xente. E os meus pais deberon de ser os pais máis sufridos de todos. Eu, militar porque pedira dúas prórrogas para rematar os estudos; o meu irmán menor, militar pola súa quinta; e o noivo da miña irmá pequena, militar voluntario.

3 commenti:

carrascus ha detto...

Moitísimas grazas, amigo Arume. Hoxe ao abrir o interné, na páxina de inicio vén o anuncio do seu correo co vencello este post.

Como xa lle dixen, faime moita ilusión que alguén se tomou a molestia de traducir e publicar algo que eu escriba... joé! se ata soa bonito e todo en galego...!

E de verdade que non fai falta que me dea as grazas, en realidade foi unha oportunidade perfecta para facer algo que todos os homes desexamos nalgún momento: lanzar un rolo sobre a nosa mili. E como non somos Muñoz Molina, que incluso se calzó un libro enteiro sobre iso (por certo, que a empezou tamén alá en Madrid xusto ao acabar eu e moitas das cousas que conta sonme moi familiares), pois son de agradecer estas oportunidades... lémbreme que un día cóntelle como fun tamén testemuña da existencia de pantasmas no hangar onde gardábanse os vellos coches de Franco...

E termino dicíndolle que esaxera sobre o meu dominio do idioma galego. Non é o mesmo escribilo, como agora, repasando e pensándose ben as palabras (a miña boa media hora longa en escribir isto, jejeje), que manter unha conversación nesta lingua, na que estou seguro de que estaría máis incómodo que calquera desoutros galegos cos que me compara.

Repítolle as grazas. Un forte abrazo.

X.L. ha detto...

Eu, amigo Carrascus, agradézolle na alma esa media hora de esforzo ( en especial polos tristes momentos que estamos a vivir en Galicia por asuntos relacionados coa nosa lingua, como seguramente saberá) e estou certo que vde. pertence ao exército dos bos e xenerosos que dicía Pondal.

carrascus ha detto...

Agradézolle as súas palabras, amigo X.L.