Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 agosto 2007

FALAR DE LIBROS QUE UN NUNCA LEU

Non sei se hai xa traducción ao español ou ao galego, pero o novo libro de Pierre Bayard, profesor de literatura francesa, Cómo falar de libros que non liche nunca, ou algo así, é un divertido ensaio sobre cómo pode un ser culto a partir da non lectura de libros. O concepto de non lectura abrangue non só os libros que non coñecemos, senón tamén aqueles dos que algunha vez escoitamos algo, aqueles que manexamos e mesmo folleamos, aqueles dos que miramos o índice, ou, como no caso dos bibliotecarios moi especializados, aqueles dos que sabemos a súa existencia, incluso a súa ubicación na biblioteca (real ou mental), pero que descoñecemos de forma material. Todos eses libros forman parte da nosa cultura, aínda que conformen ese universo da non lectura. Bayard dá no seu libro un paso adiante e escribe páxinas moi interesantes sobre cómo o esquecemento fai que algúns libros lidos hai tempo poden pasar a ese concepto de non lidos ou poden ocupar o mesmo espacio na cultura persoal porque deles nada queda, ou polo menos o mesmo que pode quedar dun que non lemos. Bayard admite (non sabemos se de forma verdadeira) que nunca leu o Ulises, pero que pode falar del sen ningún xénero de problemas. Cómo? Nos derradeiros capítulos, quizáis os máis divertidos, Bayard ofrece consellos varios para falar, con toda dignidade e coñecemento, de libros que un xamáis leu.
Cheguei a el gracias a dous fermosos artigos que Umberto Eco escribe en L'espresso, probablemente porque aparece citada a súa novela No nome da rosa como exponente dese concepto, xa que se fala do segundo libro da Poética de Aristóteles, sen coñecelo siquera. Un libro moi, pero moi recomendable este de Bayard.

3 commenti:

Zerovacas ha detto...

Jeje, está ben que haxa un manual teórico para estas cousas. Todos coñecemos a xente que leva anos poñendo en práctica isto (bueno, todos o fixemos algunha vez, en maior ou menor medida, ¿non?).
E con respecto ao Ulises, cando menos na edición que lin eu había ao final uns amplos resumos dos capítulos, moi útiles para certos fragmentos máis densos e farragosos; en definitiva, pódese ler o Ulises en menos dunha hora.

Anonimo ha detto...

Esto mola. Recordará unha nova de antes do verán respecto a un afamado crítico francés que fixo unha reseña demoledora dun libro que inda estaba en prensa (el pensaba que xa fora publicado). Cando o cacharon dixo algo así como: "e qué? Non me fai falla lelo para saber que é unha merda."
Outra cousa: tiña eu un profesor que dicía que había xente que tiña unha "cultura solapada", esto é, adquirida nas solapas dos libros (nunha, a biografía do autor; noutra un resumo e comentario do libro).
Outra máis: eu atópome na categoría dos olvidadizos. En moitas ocasións téñome preguntado para qué leo ou vou ao cine se ao final non lembro máis que o 10% (e con sorte) dos libros ou das películas. Tamén ten unha ventaxe: lin como seis veces Yo, Claudio e Claudio, el dios e a súa esposa Mesalina, e disfruteinas todas como se fora a primeira vez. Eu penso que o único que releo e lembro (e non me importa) son os Asterix.

Anonimo ha detto...

Tamén hai os que traducen e copian textualmente dunha obra xeneralista noutro idioma sen citar a fonte orixinal, facendo ver falsamente que o que din é froito da lectura de varias monografías noutros idiomas, que se coidan ben de citar. Acabo de comprobalo nun libro recente dun coñecido autor galego. Tradución pura e dura.