Caxigalines nella Reguera'l Campizu

9 novembre 2007

CASSANDRA'S DREAM

Cassandra's Dream é o nome dun barco, principio e fin da derradeira película de Woody Allen do mesmo título. A figura mitolóxica de Casandra representa a posibilidade de adivinar o futuro, sempre terrible, pero tamén a frustración de non poder evitalo. O fermoso veleiro funciona, pois, coma unha admonición desde o comezo do filme, coma unha advertencia tráxica. O espectador, afeito ao ton de comedia de Allen, atopa inquedanzas ao arranque da película, que a aparente disposición lixeira da trama agudiza a medida que vai transcurrindo o tempo. Os límites entre traxedia e comedia, que Allen formulara con especial claridade argumental en Melinda e Melinda, aparecen de novo nesta nova demostración do maxisterio do director neoiorquino, agora amante das paisaxes da clase media londinense (desta vez vida un pouco a menos: debe ser unha das películas de WA nas que a clase social que aparece é máis baixa).

As historias de dous irmáns, con pequenos problemas económicos pero ilusionados con cambiar de vida, están contadas cunha morosidade certamente notable. Na primeira parte, Allen conta os pormenores das súas vidas, nunha clásica fórmula de presentación de persoaxes: un, destinado a seguir o negocio familiar, outro, empregado dun taller e entregado aos xogos de azar. Na segunda parte, a correspondiente ao enredo, é precisamente o azar (por suposto, adverso) o que provoca un cambio radical no filme, que empeza por adquirir tintes de suspense e, sobre todo, por proporcionar intensas doses de conflicto e dilema morais. Desde Delitos e faltas, a miña película favorita, os problemas extremos causados pola confrontación entre principios éticos e circunstancias coxunturais, que obrigan a vulnerar tales principios, constitúen a esencia de boa parte das películas allenianas. O debate moral dos individuos, interior, en primeiro termo, pero tamén cos demáis nuns diálogos asombrosos conduce a película cara un final (que non vou desvelar por suposto) dunha complexidade entre poética e literaria nada comúns.

Mantén, por suposto, moi fortes vencellos con Match Point, polo que ten de xogo co incertidume, co azar e coa fortuna, pero adopta unha máis ca evidente nota gris, reforzada na fotografía cunha color mortecina sobre a luz sempre outonal, de ceos neboentos, da capital londinense. Os actores, Ewan McGregor e Collin Farrell, dúas figuras xoves de Hollywood, bordan os seus papeis, acompañados por unha pouco coñecida pero moi prometedora Hailey Atwell. Unha película moi, pero que moi recomendable de Woody Allen. Vaian especialmente os que aínda cren que WA fai pelis obsesivas sobre sexo (quen non o está?), siquiatras, relixión, ou neuras varias.

4 commenti:

apicultor ha detto...

Haberá que vela. Todas as de Allen teñen o seu aquel. As dúas últimas que lle vin foron Melinda e Melinda e Match Point, e gustáronme ben.

marcos valcarcel ha detto...

Haberá que vela, dende logo. Non sei se o dixen xa antes, aquí ou noutro lugar: qué bonito o artigo que lle dedicou Woody Allen a Bergman ó comenzar o verán.

arume dos piñeiros ha detto...

A mín o que máis me gustara do artigo de Woody Allen era o sinxelo que resultaba, a escasa pedantería que gastaba. Esa é marca da casa que eu admiro. E esta película ten un aspecto sinxelo que contrasta coa tormenta moral que agocha. Esa é a impronta do xenio.

Ana Bande ha detto...

Eu quédome coa frase esa de que "é sorprendente como por veces a vida ten vida propia", velaqué esta o quiz da cuestión.