Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 novembre 2007

O CHOU DA UNHA EN PUNTO


Hoxe veu á nosa casa unha conselleira para presentar un show, máis concretamente un road show. Polos saúdas que recibín no meu caixón de correos era, ao parecer, unha novidosa forma de alertar aos xoves dos riscos terribles da conducción automovilística. Non sei en que consistiu a novidade porque non entrei no salón de actos, pero a montaxe tiña un lixeiro ar a dejà vu. Un grupo numeroso de mozos agardaba no vestíbulo a chegada das autoridades; non sei de onde o sacaron (ou trouxeron: parecían de atrezzo), pero eran todos uns mazos de cuidado (o petisuis e agora o actimel fan longueiróns), case todos ou todos homes, un pouco estraños nun centro onde abundan as cativas. Notei o funcionamento das hormonas a revolucións insospeitadas e pensei neles metidos de a cinco nun clío turbo azul cobalto un sábado ás sete e no que lles podían dicir dentro para avisalos. Pero o que viron sobre todo eses rapaces foi unha caravana interminable de cargos políticos e técnicos, en forma de amenaza: directores xerais da DGT, da policía, a conselleira, asesores da conselleira, non sei se delegados de goberno, nun número non menor de vinte persoas, sen contar protocolos varios, gabinetes de prensa e advenedizos rondantes. Para que todo isto tivera a efectividade necesaria (ou sexa saír nos xornais), unha harka incansable de xornalistas (máis de media ducia de fotógrafos, outros tantos cámaras e uns cantos amarrados á típica cebola de esponxa con siglas de cores) recubría o acto. Os rapaces aprenderon unha lección extraordinaria, aparte da de dentro do salón de actos: a da saída, no aparcamento, cando contemplaron de forma prístina e evidente que os Audis8 negros con chófer incluido (por certo, por que se parecen tanto a porteiros de discoteca?) non son para xoves impulsivos. Que, en realidade, os coches oficiais están para o chou (sexa road ou non) da unha en punto, inmaculados e listos para traer, brillantes e case perfectos, aos seus ocupantes cargados dunha tenda de campaña (electoral) permanente para o telexornal das dúas e media da tarde.

5 commenti:

Zerovacas ha detto...

"Queda inaugurada esta inauguración". Pois si que é unha boa lección

apicultor ha detto...

Arume: vai ir ao concerto de Carlos Núñez e Paddy Molón?

arume dos piñeiros ha detto...

Paddy Molón: sabía o de CN, pero do chieftain, ren. Queren vostedes entradas? Non lles son moi folkie.

Anonimo ha detto...

Eu,ó Carlos Núñez non o trago nin en pintura.Polo que lle fixo ós seus compañeiros de Matto Congrio,actuáis Berrogüetto.Él sabe ó que me refiro.
E a historia con Paddy Molón, e cal foi o secreto real do seu éxito, tamén o sabemos moitos.Así que: que te aguante quen queira,Carliños. Eu non.

Xohan da Coba ha detto...

Era eu,que veño borracho i esquecín asinar.