Caxigalines nella Reguera'l Campizu

22 novembre 2007

EU, HÉLENO O TRISTE


Eu, Héleno o triste, o que nin ser rei podo,
adiviño son dos sen futuro,
alcalde dos cenotafios.
Aproveito o agasallo para a miña filla, o novo libro de Agustín Fernández Paz, para mercar un libro de poemas ao que lle tiña ganas e non sei por que: Vigo, de Helena de Carlos. Entretiven algunhas tardes coa lectura, case sucesiva, de dous poemarios fermosos de dúas mulleres novas, Oriana Méndez e María do Cebreiro: vin nelas versos luminosos, ambición poética. Gustei moitísimo da fluída e densa sintaxe de Oriana e da contención xa sabia de María do Cebreiro. E andaba na procura doutras voces que acompañaran o ánimo melancólico que temos todos os vitalistas viscerais. E busquei Vigo e lino baixo este sol outonizo e radiante da cidade. Elexín mesmo o bar, lonxe da casa, para demorar o momento. E lino nunha emocionante media hora, sen despegar os ollos das páxinas, dos versos. Volvino ler agora mesmo, en casa, coa mesma intensidade de antes. Mentres ía paseando pensaba que Helena de Carlos escribira eses versos por mín. Eu non os faría así, tan fermosos, tan limpos. Pero asinaríaos un por un. Non sei se iso é bó ou malo para o libro, pero para mín foron reconfortantes.

O libro ten un ar elexíaco ou todo o ar elexíaco que todo gran poemario debe ter. A pegada clasicista, advertida cunha levedade admirable nos nomes, na xeografía, nas referencias librescas, nótase sobre todo nesa pousada forma de evocar o tempo fuxido. Creo ver, pero non acredito a miña perspicacia, reminiscencias da poesía de Propercio, de Tibulo, sobre todo naqueles versos nos que o latinos escapaban da erudición engaiolante. Esas breves composicións familiares, case domésticas, nas que os recordos, a lembranza de antigos acenos constitúen o fondo da linguaxe. Helena de Carlos, con ese Vigo de infancia e mocidade (sempre aludida de forma indirecta), recrea unha atmósfera perdida. A palabra morte aparece varias veces, como eco constante dos versos. Algúns poemas, como o penúltimo, son epitafios, escritos xa non diante da sepultura de mármol senón diante do mar de Vigo onde as cinzas se funden coas ondas. Esa morte, presente ao longo do poemario, como sombra permanente ou como sinal extrema do tempo, aviva a propia vida, que aparece como recobrada a través das propias palabras. Ao escribir, ao pronuncialas, as verbas restitúen esa lembranza e semellan server de consolo (fermosísimo e profundo) á melancolía. Cun estilo sinxelo, de escasísima erudición a pesar dese arrecendo clásico, Helena de Carlos escribe para mín un dos libros de poesía máis fermosos que teño eu lido na miña vida.

De todos os seus preciosos poemas, elixo este que fago meu desde agora mesmo:


ENCHO os pulmóns de noite, e sinto
que dentro de min trem alto o alcipreste
na gaiola. É o momento
no que os estorniños soñan,
xusto a raia entre a luz cos agoiros
que acolléramos entre bágoas de esperanza
e o intre de non se sabe, mentres a humidade
sobe como sangue, firme no interior.
Ás veces penso na lúa en Italia,
nas noites coma esas
era fácil confiar, como se a parte
imprecisa, como se a adega
non tivese que ser visitada. Era unha moeda
acuñada en San Marco, ou diante de nós
na estrada en curva da Toscana,
e nós como unha mariposa
de luz discontinua. Nós
como unha muxia en bicicleta.
Agora non sei se nós quedamos:
a sensación de ser semella
tan casual como a música na radio,
como aquel bar a carón dun lago
antes de comezalo todo, e unha princesa
cantaba.

6 commenti:

bouzafria ha detto...

Adiantóuseme vostede nunhas horas no comentario dese mesmo libro. Pero qué importa, bonita é a casualidade.
Fermoso artigo.

apicultor ha detto...

Os vigueses (disque fillos dun portugués e dunha ourensá, ou viceversa) póñense estupendos (e insoportables) co seu patriotismo local.

É broma, ho, é broma, que ninguén o tome a mal. De acordo?

occam ha detto...

O Vigo de Helena é o meu. Somos do mesmo barrio

Beluka ha detto...

fermoso... eu quero un vigo así. aínda que o que vou coñecendo non está mal... :)
apertas

arume dos piñeiros ha detto...

Beluka: benvida a este blog. Sei que andivo (estudiando, un dicir) por lagoasmarcosende. Un paxaro da biblioteca que agora nos abandonou e que anda por outros espacios do monte faloume de vostede. Espero vela máis por aquí.

filomeno2006 ha detto...
Questo commento è stato eliminato dall'autore.