Hai unha rúa moi pequena en Vigo que se chama Victoria: vai desde Carral á praza de Compostela. Presume ademáis de ter placa conmemorativa da victoria contra os franceses en 1809, colocada un século despois con alarde de bronce. Todos estes datos son relevantes para quen mira para arriba; pero se miramos en frente, á altura do ser humano, atopamos La Casineta, entre bar de tapas e restaurante informal, que anuncia fundamentalmente embutidos, queixos e xamón. O dono procede das queridas Extremaduras e destaca pola súa simpatía e locuacidade, non molesta e si ben agarimosa. En efecto, a oferta é estupendísima: morcón, lomo, xamón, chourizo son excelentes. Pero o máis rechamante do caso é que na carta, coma quen non quere a cousa, ofrecen ao mesmo tempo cochinillo e cordero lechal. Un non sospeita nin por asomo que neste local, destinado a ser espazo para pedir fontes de embutidos (cos queixos correspondientes), pode un comer un extraordinario cochinillo e un cordeiro ao forno fóra de serie. Menda para de cando en vez nos lugares castelás de referencia e pode afirmar que este da Casineta é moito mellor que case todos e iguala ao mellor que un poda imaxinar de Castela. Os viños que acompañan son moi bós e o servizo que atende é dun profesional difícil de atopar nestes tempos. Para quen teña o capricho destes manxares (para carnívoros, obviamente), xa sabe: nesta rúa (no medio do balbordo doutras ofertas gastronómicas) pode atopalos en grado de suprema calidad.
Nessun commento:
Posta un commento