Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 novembre 2007

PRADO-GARCÍA, DE PROFUNDIS


Hoxe poño nomes. Pero en letras maiúsculas. MIGUELANXO PRADO E NANI GARCÍA. Vin onte a tarde esa marabilla titulada DE PROFUNDIS (tamén en letras capitais) e despois asistín a unha desas experiencias únicas que consiste en escoitar por parte dos dous xenios galegos os miudos desa peza inesquecible. Se a película foi excelente, non menos foi a parella explicando como fixeron a catro mans o que eles chaman unha pintura animada. Cunha sinxeleza e cunha xenerosidade que só as persoas cun inmenso talento para a arte poden acubillar, foron proporcionando lentamente aos asistentes unha das máis fascinantes recreacións intelectuais que eu puiden ver na miña vida. Feliciteinos por iso e por todo o traballo que levan feito que é desde logo un motivo de orgullo para o país onde viven. Despois da tertulia, presentada por unha Loli Vilavedra que deu o ton distendido e ao tempo rigoroso que precisaba, fomos cear á Curuxa. Alí amosaron unha vez máis por que a xenialidade non pode (nin debe, pero ese é outro cantar) estar rifada coa simpatía e a bondade. A Miguelanxo xa o coñecía de Santiago dos anos universitarios, pero a Nani García (a quen nunca agradeceremos o suficiente que amenizara as viaxes coas nosas fillas no coche coa voz de Uxía López Meirama, casualmente muller de Miguelanxo, nun libro-disco imprescindible de cancións populares, Vente vindo, ven cantando: desde aquí, sabendo da súa case descatalogación, pido a reedición inmediata) non. Pero ámbolos dous, de camiño a Espinho a participaren nun festival de cinema, son agora mesmo un luxo encantador e tanxible da cultura de Galicia. Moitas gracias e sorte, amigos.

6 commenti:

Marcos Valcárcel López ha detto...

Súmome a esa petición da reedición de VENTE VINDO... Uxía e Miguel-Anxo e os seus amigos Carme López Taboada e Manuel Rico Verea lembrarán, xa hai uns cantos anos, unha fermosa tarde en Ourense, con cea final con Benito Losada, cando presentaron este disco no Liceo: unha aperta a todos eles se lesen estas liñas.

bouzafria ha detto...

Hoxe pola noite, como en case tódalas noites dos últimos cinco anos e medio, na miña casa os nenos se deitan cun precioso CD: "Cantos de berce", feito por Nani García con Manuel Rico e Uxía López Meirama, onde tamén toca a guitarra Marcos Teira. É un disco marabilloso e unha excelente iniciativa.

Anonimo ha detto...

Non sabe canto me alegra pensar que estes discos, ás veces demasiado modestos, representan tanto nas nosas vidas. Eu dinlle as gracias a Nani García, que quedou pampo coa miña confesión e coa afirmación de que moitísima xente lle estaría eternamente agradecida. "Tes gañado o paraíso", lle dixen.

Xaime ha detto...

Coñecín a Nani García, con ocasión de que viñera a Lugo, o festival de Jazz, co seu grupo Clunia no ano 84.
Fíxenlle unha pequena entrevista para un fanzine que daquela publicabamos en Lugo e a partires de aí, sempre o seguín xa que me parece que un músico superior e un luxo para Galicia.
Acredito o que dí Bouzafría acerca das cualidades adormecedoras dos Cantos.

R.R. ha detto...

Pois si señor. Qué gustazo ter cerca esta xente. Morro de ganas de ver a peli...

Anonimo ha detto...

Todas esas cintas e CDs de música déronnos a vida e as noites, certamente.

Eu tamén teño moitas gañas de ver a peli. Terá que ser en DVD, pois non fun ao cine cando a botaron.