Intenso foi o día 24 para min. Primeiro pola emoción que supuxo coñecer en persoa (nun restaurante de Ourense) aos meus amigos contertulios de As uvas na solaina e visitantes desta bitácora: Jacques Delapierre, un cabaleiro do Recatelo (de houber novos títulos de nobleza xa lle acaía un baronato), que por riba convidou; Júlio Medela, torrencial e encantador furacán alaricano; e Xoan da Cova, o humanista ourensán de xenio e intelixencia pouco comúns. Nin que dicir teño que foi un pracer inmenso que nunca esquecerei na miña vida.
Voltei cedo porque tiña encontro cunha familia italiana (unha profesora de francés, un poliziotto a piques de ser pensionato e dous fillos tan pequenos coma espídicos). Foi unha oportunidade de practicarmos o noso italiano enferruxado. Fomos á gelateria Capri e alí falaron co dono, nado aos pes dos Dolomitas, a pesares da referencia á marabillosa illa do golfo de Napoli. Visitamos con demora a cidade, que lles resultou moi fermosa e, en certos momentos, sorprendente. Os italianos loubaban a limpeza, a orde (non esquezamos que el era policía) e o nivel de vida visible polas rúas. Viñeran de lúa de mel había 8 anos e declararon que o país lles parecía ter mellorado de forma considerable.
Pero o día non rematou aquí, porque eles tiñan un compromiso en Vilagarcía. Cando xa pensabamos regresar a casa, a boa nova de que B. e N. querían tomar unhas copas connosco fixo que quedáramos a cear e a beber algún combinado (como dicían os italianos) ata tarde. Fomos primeiro ao Lizarrán (comida vasca franquiciada en Canceleiro, sen alardes, pero efectiva e rica: un servizo sempre cariñoso e magnífico) e despois, para probarmos, ao Chilam Balam, un interesante (utilizo esta palabra porque andaba eu xa moi sobrado de manxares e non puiden examinar correctamente a comida) restaurante mexicano (moi elegante e creo que a bó prezo: convidou N) na rúa Porto, nun coñecido calellón de escaleiras. E para rematar, cunha fina poalla por riba das miñas canas, leveinos ao Room, o lounge bar de xente guapa (faltaría plus) que eles descoñecían e que serve para conseguir, como di o meu amigo E, varios desprendimentos de rutina.
Rematamos cedo (tras saúdar efusivamente ao porteiro do Brindis, un antigo alumno que loce tatuada a marca galeguista de Nós no seu ombreiro) e foi curiosa a sensación: a pesar das horas pasadas de acó para aló, o cansancio non aparecía por ningures. A intensidade coa que vivín todo o día impedía o descanso: a memoria de todos os intres bulía na cabeza. Tardei en durmir, pero poucas veces foi tan pracenteira a vixilia.
Nessun commento:
Posta un commento