Caxigalines nella Reguera'l Campizu

20 luglio 2008

MÍTICO CONCERTO


Fin de semán festeiro, familiar, fraterno. 
Festeiro porque na localidade mineira celebraban o Carmo. Non sei se algunha vez houbo mar en As Pontes, pero son xente devota da virxe do Carmo. E moi devota a xulgar polo número (para min escandaloso e insólito) de feligreses que acompañan a imaxe da Virxe e maila da Magdalena (cun cabelo longo prestado de seguro). Traen mesmo a sete mariñeiros (seica os chaman marines de Ferrol) para acompañaren con salvas a procesión desde a capela ata a igrexa da Vila. Ningún alcalde da democracia foi quen de ausentarse en semellante trance e gustan de xuntarse con xente que, podo xurar, nunca vin na miña vida. O programa de festas trata de repetir o de sempre, sen variacións desde hai máis de trinta anos que é o tempo que levo acudindo á festa, e polo tanto, sen a oportuna actualización de suxerencias. Este ano programaron unha estraña actuación de La Guardia y de Cómplices, que rematou de xeito patético, con menos de cen persoas vendo á parella viguesa nun campeiro xélido, inhóspito, mentres no palco da música o grupo Sintonía de Vigo encendía o campo da feira con bailes caribes e, ao longo da vila, os pubs e discotecas rexistraban cheos impresionantes. 
Familiar porque as comidas son multitudinarias, non sabes con quen quedar para non quedar mal, vas aos bares (dous bares como máximo) con xente de acó e de acolá, pagas unha ronda ou tratas de pagar algo, bicas á xente que hai tempo non ves (e que ás veces nin coñeces), comes pincho tras pincho (a empanada de liscos destaca de entre tortillas e anaco xamón) para aliviar a eterna caña que levas na man, pagas un potosí para celebrar sobriñas e fillas estaren xuntas e montaren nas atraccións con fichas que axiña rematan. Familiar frenesí que agradeces por xunto, sen condicións. 
E Fraterno nesta ocasión porque aí estaba fronte a nós, aí enriba do taboado, no lugar desexado, no espazo soñado. El, en cuarentena, The Mighty César.   

3 commenti:

R.R. ha detto...

¡Endiañado! (O Mighty cuarentón)

Anonimo ha detto...

Hoxe o Ferrín, nunha diatriba contra a deturpación do español, fala da palabra guardamarines atopada nun xornal madrileño. Seica se extende a innovación lingüística. Pero a min me interesa a coincidencia. Faltaría máis.

Anonimo ha detto...

Alí estaba, si señor, cumprindo un soño de (moitos) anos. E o pracer máximo que estiveras alí aplaudindo e pasándoo ben. Hai que animarse. Non me creo que non teñas por aí tres ou catro tolos por facer ruído cos que acompañarte cunha fender ou o que se tercie. Veña, que eu tamén quero aplaudir.
En canto ás festas, mágoa de procesión. Inda que non penso que exprese moita devoción (hai moita máis xente nas atraccións e nos bares que na procesión), a min o número tamén me parece escandaloso, insólito e noxento. Pero inda máis noxo me dá ese intento de solemnización borde de peineta falsa do acto nunha terra tan pouco dada á solemnidade e a peineta: corte e lavado de rúa previo (a rúa só debe estar limpa para a virxe?), protección (in)civil protexendo á virxe (de quén? das vellas? é que hai rumores de que van asaltar á capela como no rocío?), o alcalde coa vara de mando (?!), a tenente de alcalde de negro rigoroso, música pseudo relixioso-militar, himnos incluidos (non sabía o dos "marines")... Aquí nunca houbo militares nin ningunha outra raza de homes uniformados e solemnes. Esta é terra de labregos e traballadores. Hai que cortar esto de raiz, a procesión onde lle corresponde: por dentro.
Certo tamén o de que as festas son iguais un ano tras outro: o programa sería intercambiable. A cuestión é: hai outro xeito de facelo? onde se fan festas distintas? Ten que habelas nalgún sitio. Por esta casa pasa moita xente: quero ideas frescas para unha celebración.