Nun café da Piazza dell'Unità d'Italia de Trieste fixen o meu pequeno homenaxe a Claudio Magris. Lin durante as noites deste verán o seu extraordinario Microcosmi. Premio Strega do ano 1997, conta, cunha mistura de ensaio e ficción narrativa, as cousas miudas desta zona fronteiriza de Europa e do mundo. Grado e Aquileia, Friuli, Udine, Pordenone, Gorizia, e o anfiteatro natural iluminado por un mediterráneo marabilloso de Trieste. Con esta excusa e cun estilo admirable e xa clásico, Magris expón as contradiccións, os paradoxos, os conflictos, as complexidades infinitas deste pequeno universo. Nun dos capítulos, a voz que camiña polos xardíns públicos de Trieste atopa varias estatuas e, a través disa cortísima viaxe, escribe a semblanza biográfica e literaria de Italo Svevo, Umberto Saba (outro día traerei os seus fermosísimos versos), de Rilke ou de James Joyce, habitantes ou residentes íntimos desta cidade luminosa. Algúns deses párrafos (apenas catro liñas) valen por toda unha monografía crítica.
O libro pode lerse sen visitar este paraíso atravesado por case todos os pobos, co correspondiente sangue derramado. Pero cando un recorre a estrada desde o castelo de Miramare en Duino ata Umag na Croacia, tras parar en Koper/Capodistria, entende que por aí pasou, pasa e ha pasar o futuro deste continente. Magris describe este laberinto de exilios, traslados, mudanzas, fronteiras movedizas, cun talento excepcional. Un dos praceres deste verán veneziano e véneto giuliano.
1 commento:
Eu tamén ando de vacances, e acabo de ver as tuas mensaxes. Comunícolles de contado a oferta ás persoas que deben tomar esa decisión en Vieiros
Posta un commento