As razóns para manter ou adiantar as eleccións son sólidas. Eu prefería adiantalas porque consideraba a) esgotado o mandato (as leas internas aínda máis esgotadoras, sen contar algúns conselleiros exhaustos), b) palpable a crise económica e polo tanto necesaria unha proposta resolutoria cunha nova estructura política, e c) demasiado notoria xa a protocampaña electoral, un ano antes das eleccións. Probablemente haxa condicionantes internos (leis que aínda están por saír e que, por certo, tardan catro anos en elaborarense malia telas anunciadas nos programas extensísimos dos partidos; adxudicacións de concesións que aínda non remataron o trámite administrativo; resultados evidentes -que se vexan, vamos- das actuacións en materia de infraestructuras; ou un pretendido pouso informativo das iniciativas levadas a cabo durante este tempo), que aconsellen rematar ao final da lexislatura.
Aparte da escasa importancia que supón simplesmente gañar un trimestre máis de parlamento (temerario sería que ademáis aprobaran leis a última hora que outros partidos poderían reformar nun plis plas de gañaren as eleccións), o que non remato por entender é plantexar o asunto como unha cuestión de autoridade, debilidade, fraxilidade ou poderío do presidente. Quizáis as dúbidas sobre esta cuestión deberon ser eliminadas hai tempo para evitar a tentación lóxica e natural de que todo o mundo puidera opinar ao respecto. A presión, tamén obvia, recibida polo presidente condicionou todo o proceso (mesmo o propio día pola mañán nun editorial penoso de EL PAÍS) e non é de estrañar tampouco que agora mesmo da propia decisión poida quitarse rédito electoral, como está a suceder.
Nin adiantar eleccións supoñía sumisión ou perda de autoridade, nin mantelas ata o final supón agora a certificación solemne dun liderato sen contestación algunha. Touriño (coa razón do contrato coa cidadanía, que no caso de adiantalas non sei como o xustificaría) considera que é mellor rematar (cun suposto argumentario de pros e contras: contaba pois coa posibilidade de adiantalas, e tras unha entrevista con Zapatero) en primavera. Acabemos, logo, e daquela xa se verá.
Foto: trinta anos despois de escoitar a fermosa palabra Gattamelata puiden por fin ver o que significaba en Padova, unha cidade, por certo, marabillosa.
Nessun commento:
Posta un commento