Na revista L'espresso do 13 de agosto informan que os militantes das mocidades procedentes da fusión entre o partido de Berlusconi, Forza Italia, e An, Alleanza Nazionale, aumentan día a día a un ritmo impresionante: son agora máis de 100.000 azzurri no movemento Azione giovani. Pero no norte, na Lombardía e no Véneto o verdadeiro fenómeno é o dos giovani camicie verdi, os camisas verdes (ese gusto pola camisería dunha soa cor resulta desacougante), un grupo que desde o mes de xaneiro ten recibido unha media de 57 adhesións ao día por un total de 68.000 nos catro meses, un auténtico récord. Os militantes son moi novos, de 15 a 22 anos, e forman os chamados Giovani Padani, obviamente vencellados ao movemento da Lega Nord.
Non sei cal son as razóns deste desproporcionado medre de militantes ademáis novísimos. Haberá moito de oportunismo persoal, pero esas masas de disciplinados e radicais mozos, adoctrinados por causas simplicísimas (xenofobia e rexeitamento do outro), non me gustan nada de nada. Os episodios de gangsterismo nas aulas, de matonismo a quen discrepe, de contraposición constante dos valores de tolerancia e progresismo sociais nos foros estudiantís, son denunciados a cada pouco nos xornais italianos. A opinión pública berlusconiana marca de forma decidida, con camiño populista homoxeneizador, a vida cotián do país. Tristísimo.
Nessun commento:
Posta un commento