Caxigalines nella Reguera'l Campizu

28 agosto 2008

ITALIA: O EXÉRCITO NA RÚA


Nun fantástico artigo ("Arrivano i nostri") , como case todo o que sae do seu maxín, Eugenio Scalfari analiza a decisión de Berlusconi (e dos seus edecáns de An, promotores da idea) de incorporar o exército aos labores de seguridade nas rúas. Traduzo o seu fermoso linguaxe de bersagliere político: 
Trátase de 3 mil soldados e oficiais elixidos entre paracaidistas, granadeiros e lanceiros de Montebello. A norma da misión prevé non só deberes de control en edificios públicos e en zonas sensibles (por exemplo, as descargas de lixo), senón tamén labores de patrulla en formación xunto a carabinieri, policía e Guardia de Finanza. Á patrulla son enviados 500 militares: é dicir, un sexto do continxente. 
De que modo unha contribución tan minúscula poda reforzar o sistema da seguridade pública resulta un misterio. Sumando carabinieri, policía do estado e guardias de finanza, chégase a un total de 300 mil homes. Mesmo eliminando aqueles que realizan labores administrativas quedan como pouco 200 mil persoas destinadas a investigar, previr e reprimir os culpables dos delitos. Os 3 mil militares do continxente representan o 1,5 por cento total; os 500 constitúen unha fracción infinitesimal. Pero, chegan os nosos. 
Un amigo meu siciliano, dun pequeno lugar da campaña agrixentina onde aínda vive a súa nai octoxenaria, contoume o seu diálogo telefónico coa mamma. "Estaba tranquila, díxome, porque ían chegar os soldados. Que soldados? lle preguntei. Os militares, os do exército. Pero quen cho dixo? A televisión. Pero non han chegar á nosa casa. Si, si; díxoo a televisión. E por que estás tranquila? Porque collerán aos xitanos que rouban os cartos e aos cativos. Pero non hai xitanos onda nós. Pero son perigosos e rouban todo. Mamma, viches ti un xitano na túa vida? Non, pero a televisión di que son perigosos, pero agora que chegan os soldados xa me sinto máis segura. Entre nós, sen embargo, está a Mafia; díxenlle. Si, respondeume, pero a eses coñecémolos, son do país".
Esta foi a conversa do meu amigo coa súa nai. Eu propoño para Berlusconi e para La Russa (o ministro do Interior, de AN) un master en creatividade, se cadra dos Lincei ou da Accademia di san Luca. Meréceno todo.
L'espresso, 21 di agosto de 2008 

Nota: hoxe leo este outro magnífico exemplo do xornalismo italiano en alerta das condicións que está a crear o berlusconismo adobado co postfascismo de An e o racismo explícito da Lega Nord. De Piero Ignazi.

Foto: esclavo que sostén a tumba do dogo Giovanni Pesaro na igrexa dos Frari, uns, polo que se ve, máis irmáns ca outros.

1 commento:

Ana Bande ha detto...

Policía lingüística, soldados nas rúas...estamos tolos. Medo por todas partes, a todo. Hai puco lin un artigo creo que de Goytisolo que falaba dunha enquisa escolar no que os rapaces tiñan meno ¡dos xudíos!. Ninguén coñece a ningún pero o delito xa está na pregunta. Dramas aparte, benvidos, o blogomillo sen vós quedou moi baleiro. ¡muac!