Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 agosto 2008

ITALIA: RACISMO



Preocupante a situación italiana no que respecta á inmigración. As noticias sobre claros exemplos de racismo aparecen sempre nos diarios. Un rapaz de Xénova de orixe ecuatoriano é atacado por trece persoas ata case causarlle a morte. Unha rumana que vai no bus e esquece pagar o billete é amablemente atendida polo revisor que entende o problema pero aldraxada e apoupada polos demáis viaxeiros que a conminan a saír do bus e de Italia. Os vendedores de bolsos falsificados na praia, ademáis de perseguidos pola policía, son perseguidos e golpeados polos propios veraneantes (Vergoñento relato o duns pobres inmigrantes negros que logran escapar dos carabinieri pero se ven obrigados a deixar alí a mercancía e o dos paseantes que se lanzan como posesos polos bolsos e o da intervención da forza pública para impedir o saqueo). Os episodios desta clase son moi numerosos, co agravante de que de forma aberta os políticos e as súas soflamas colocan ao que chaman eles o extracomunitario como branco de todas as culpas. Agora mesmo en Italia hai un perigoso camiño cara ao fascismo. E non o digo eu a partir do que puiden ver e escoitar, senón os propios italianos o advirten. Algunhas asociacións cristianas, habitualmente relacionadas cos movementos franciscanos, moi activos en Italia e promotores da revista Famiglia cristiana, destacaron durante estes días o elevado risco de fascismo en Italia. O propio Papa, lonxe de desmentir tales denuncias, reiterou a necesidade de eliminar esta perigosísima deriva. A resposta dun dos principais ministros de Berlusconi a tales críticas constitúe unha mostra máis da miseria dos gobernantes italianos: "Creo que na igualdade dos homes, pero tamén creo que existen Caín e Abel".  Pode resultar increíble, pero ler e escoitar o que chegan a dicir os políticos italianos (os da Lega son para nota) non pertence ao mundo democrático ao que estamos afeitos. Receo que, por algún xiro na opinión pública, rematemos coma eles. 
Preocupante, moi preocupante.

1 commento:

Anonimo ha detto...

Estamos apañados!