Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 novembre 2008

EXPOSICIÓN EN VIGO DE EDUARDO BAAMONDE


Fun onte á inauguración dunha exposición do meu amigo Eduardo Baamonde en Vigo, na galería Chroma na avenida da Florida. Coñézoo ben desde hai máis de vinte anos, xusto desde o momento en que apareceu na nosa casa de Cambados con esa enerxía e vitalidade contaxiosas que transmite. Desde entón leva batallando, mentres imparte clases de debuxo en institutos do Salnés (agás unha breve estancia de dous anos na súa terra natal de Vilalba), con numerosas exposicións ao longo do país (nomeadamente na vila de Ribadeo, que ama desde que un verán achegou alí as súas cores e a súa pincelada frenética), co fin de dar a coñecer un xeito moi persoal de ver a pintura. 
Alterna as acuarelas con lenzos de proporcións maiores, cheas de cores e xeometrías ás veces irresolubles, cun carimbo ben singular. Cun ton por veces naif e propensión surrealista, ma non troppo, Eduardo Baamonde prefire a figuración de cilindros, conos, esferas (eses son os nomes, ademáis, que reciben os seus cadros) delimitada por sombras e iluminacións, a un punto mínimo da abstracción. Os horizontes prolongados, agora de tonalidades cárdenas, case tenebrosas, adquiren entidade escenográfica onde apenas asoman os perfís humanos, nin tan siquera animais. Este mundo de obxectos, de vocación e lembranza infantís, monopoliza o cadro cunha notoria precaución pola liña e pola perfección constructiva. 
Nos últimos cadros, que non mirara ata onte, advírtese aos poucos unha pretensión liberadora, en maneira de formas concretas (casas con chemineas, faros que apenas alumean, ou superficies de mares ou illas, intuidos antes simplemente na acumulación de curvas e rectas), que parecen anunciar unha nova etapa, se ben escura, se cadra máis esclarecedora. 
Ilumina un ángulo da sala de exposicións, a carón da fiestra, un cadro de Venezia: pequena pero intensa ollada a unha illa de san Giorgio recreada. Na sinxeleza deses cubos (que desexan ser lumes de Palladio), desas liñas xeométricas (que queren usurpar a beleza da auga e do aire), albisco o novo pincel do noso Eduardo.

2 commenti:

Ana Bande ha detto...

Mira que vir ata a periferia e non quedar a tomar unha cervexa no Hipólito, vai levar unha labazada. Agora mesmo baixo, Mª Luz,a dona da galería xa me convidou cincocentas veces e non fun nada agradecida. Abur my friend.

Anonimo ha detto...

Son cadros preciosos, francos, sinceiros e grandes; amables, agarimosos e cálidos. Como o home que os pinta. Tamén son complexos, hai algo detrás desas caixas e xoguetes, unha carga, un certo desacougo. Supoño que tamén como o home que os pinta.
Longa vida a Eduardo.
Turmano