Caxigalines nella Reguera'l Campizu

10 novembre 2008

BERLUSCONIANA (PRIMA PUNTATA)


Nunha das moitas reflexións xurdidas da estupefacción causada pola enésima victoria de Silvio Berlusconi o historiador Massimo L. Salvadori apunta o desprezo pola legalidade e a concepción prevaricadora do poder extendidas por todo o país como causas promotoras do resultado. Afunda na idea de que tales inclinacións preceden ao propio Berlusconi e forman unha especie de humus no que agroma un deterioro do espíritu público que envelena o tecido social, expande a corrupción política e, sobre todo, deposita na mentalidade colectiva non só compracencia senón tamén admiración por aquel que controla os seus propios negocios e consegue levalos adiante.

É esta unha tese moi compartida entre os comentaristas da realidade italiana, enfrontados desde hai moitos anos á explicación dun fenómeno singular, anómalo en relación coa situación media dos estados europeos. Berlusconi, ben coma gobernante, ben coma forza opositora, para ben ou para mal, en definitiva centraliza a vida pública italiana desde o derrubo definitivo do status quo nacido da postguerra, co vértice de corrupción e crise política que seguiu aos anos de piombo, ao asesinato de Aldo Moro, co goberno socialista de Bettino Craxi como paradigma do ocaso. Resulta imposible comprender a irresistible ascensión de Berlusconi sen os antecedentes dos días nefastos da Tangentopoli.

Il cavaliere (título conseguido nos anos 70 por méritos ao traballo) recolle o refugallo daquel río revolto e turbulento e entra no momento oportuno para asegurar a continuidade dunha dereita desencantada co seu referente principal: a Democrazia cristiana. A restitución dun marco político semellante ao anterior, con diferentes vimbios (o que chama Edmondo Berselli para a situación actual a “modernización reaccionaria” ou a “restitución modernizadora”), prodúcese coa baixada ao campo político nos primeiros 90 dunha figura en principio allea aos partidos culpabilizados da desfeita. A súa afinidade con Craxi ou as primeiras campañas a prol de Gianfranco Fini, daquela secretario xeral dos misinos, os recoñecidos herdeiros do partido fascista (o MSI), quedan xa no limbo desmemoriado da historia, pero son signos evidentes da súa querencia oportunista de estar no momento exacto, no lugar preciso.

A súa historia previa contén numerosos episodios de enriquecemento súbito, de fitos senlleiros nun proceso irreprimible de oligopolización de sectores claves da economía italiana. Os seus comezos como constructor, como emprendedor no negocio inmobiliario nos anos 60 do miracolo italiano nos grandes proxectos urbanísticos promovidos en Milán, permitironlle alcanzar unha plataforma de poder moi notable e, sobre todo, intervir, co propósito de diversificar e ampliar o seu emporio, noutros sectores de inversión. A crise dos 70 desviou os seus pasos cara o mundo da comunicación, coa apertura, por lei do ano 78, á creación de novas canles televisivas. Primeiro nunha televisión local e despois coa paulatina incorporación de canais de mediana entidade ao grupo financieiro creado por el a principios dos 80, Berlusconi consolidou a súa posición no mercado audiovisual. A entrada no mundo editorial tanto en xornais, revistas, como en libros completou a ocupación case total (un 90%, cifran esas propiedades) deste negocio en Italia. A súa participación, como presidente do Milan, no tamén florecente comercio futbolístico, en apariencia anecdótica, reportoulle notoriedade, presencia constante nos medios de comunicación, punto de arranque esencial do que se dá en chamar a espectacularización da política. Sen apreciarmos a súa imaxe no palco do Milan e o seu sorriso de vencedor de varias Copas de Europa, en definitiva, sen ponderarmos esta estudiada iconografía do éxito, é máis difícil explicar o seu paso triunfal á política.

Cando toma esta decisión, Berlusconi posúe a terceira facenda máis alta de toda Italia. Co control dos medios de comunicación (en expansión permanente mesmo noutros países), elabora un discurso simple, reducido á formulacións sinxelas, fronteirizas cos eslóganes publicitarios. Coñecedor das técnicas empregadas nas longas campañas electorais americanas e tamén nos últimos anos dos gobernos de Craxi, Silvio Berlusconi constrúe un recetario en negativo contra o vello réxime, o máis alonxado nas formas da fasquía demócrata cristiana, con palabras que tentan superar a terminoloxía doutra época sen variaren un ápice o seu encadramento conservador.

Berlusconi traslada o seu plan como empresario, en especial a triunfante arenga da linguaxe deportiva, ao terreo político, incluso cos toscos estilemas das tertulias pospartido. Os seus ternos de garabatas coloristas, o seu gusto polo make up (agudizado cos anos con sucesivos restylings, implantes capilares e exhibicións de bandanas), o seu perfil de home de negocios feito a sí mesmo semellan discutir no tempo coa discreción (non exenta de rasgos pérfidos e desacougantes) dos dirixentes da DC. As formas dunha dereita burguesa, fachendosa co éxito económico, loitan cos iconos burocráticos dun Fanfani ou dun Andreotti, este agora ademáis fotografiado para a prensa con toda a parafernalia dos xuízos e dos macroprocesos.

Nas augas turbulentas removidas polas indagacións de Tangentopoli, Berlusconi presentou un programa de esquecemento do vieille régime, cos ingredientes propios da escenografía televisiva. Eso si: co sempre eficaz resorte da dramaturxia política de Italia de presentarse como freo de comunistas e baluarte das liberdades individuais do emprendedor. Sobre as cinzas dunha clase política e sobre o rexeitamento do público (coa creación dunha categoría social, os fannulloni, os servidores públicos alcumados coma lacazáns polo propio goberno actual), Berlusconi construiu, sen subtilezas nin complexos ideolóxicos, a súa Casa della Libertà. (Continúa)

1 commento:

Anonimo ha detto...

Magnífico comentario, moi agudo e informado. Parabéns.