Caxigalines nella Reguera'l Campizu

17 novembre 2008

IMPRESIÓNS (MIÑAS) DE POLONIA


1. A estrada que une Berlín e Poznán, unha liña recta rodeada de brétema limpa, ofrece a maior concentración de camións e nightclubes (de nomes digamos hispanos: Rumba, Tequila, Nevada, Las Vegas) que teño visto nunca. A prostitución funciona a grandísima escala (para os alemáns que cruzan a fronteira), segundo comentaban na cidade polaca.
2. A hospitalidade da xente polaca que coñecín resulta proverbial.
3. Os edificios dos anos setenta en Polonia compiten cos que aquí vexo en horror arquitectónico. 
4. Beben entre moito e moitísimo. E non precisamente auga, a pesar das apariencias. A hiperbólica cantiga sobre o gusto dos coruñeses pola troula faise realidade en Poznan: vin a dous tipos durmir literalmente de pé apoiados simplemente á parede dun pasadizo. 
5. As mulleres que vin pola rúa (polacas á primeira vista) posúen unha beleza difícilmente discutible.
6. Os bares de copas estaban cheos e a xente que os ocupaba tamén.
7. A comida polaca é explosiva: as salsas inhumanas sobre carnes ignotas impiden calquera sutileza: o concepto frugal parece desterrado do panorama culinario polaco. Contundencia ata o knockout.
8. Falan idiomas cunha propiedade admirable. En especial o uso do español e do galego (como no caso de María Boguszewicz, impresionante) resulta exemplar. Habería que ver que ten ese sistema para proporcionar ese nivel formativo tan excepcional. 
9. As mulleres que vin pola rúa (polacas a primeira vista) posúen unha beleza difícilmente esquecible.
10. Hai que voltar.

6 commenti:

Lándoas ha detto...

Eu tampouco a discuto nin a esquezo, Arume. Eu tampouco a esquezo nin a discuto. Menos mal que foron os puntos 5 (uuui) e 9 os da repetitio. Moito carpe noctem polaco ulo eu nesas notas. Ademais, as fermosas e delicadas mulleres a que ían adoito acompañadas de desastrados e pusilánimes varóns?

Isto vai polo raca-raca, claro.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Adoito, adoito.

Anonimo ha detto...

Outro apuntamento. Creo que o sistema que habilita a polacos e outros pobos ao sur e ao leste para ese dominio lingüístico é simplemente o sistema fonético. O de base. Iso explica tamén que os portugueses sexan infinitamente máis capaces que os españois (logo axuda tamén a tv sen dobraxe e todo o que xa sabemos). Sistema fonético rico + gramática complexa = falo o que me boten. O estonio, p.e., unha lingua non eslava, ten unha barbaridade de casos, de maneira que o xogo morfolóxico é colosal, case imposíbel para quen acceda dunha lingua sinxela. Pero para eles dar o salto ao simple é algo case trivial. Así é que calquera futbolista serbio de segunda división que xogase uns semestres en catro ou cinco países da Europa occidental sabe máis linguas que todos os presidentes do goberno español xuntos a partir de Negrín (sen a el contalo, claro).

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Concordo plenamente. E engado (porque eles mesmos o confesan) que a consideración da súa lingua coma singular e pouco coñecida obrígaos a un esforzo na aprendizaxe de linguas de comunicación máis extendidas.
E creo que ao revés tamén funciona: é dicir, o hispanofalante cada vez ten máis conciencia de que coa súa lingua pode ir a calquera lugar do mundo, algo só pensable para os anglófonos. A nosa supostamente proverbial incapacidade para os idiomas ten que ver coa cada vez máis extendida presencia do español noutros lugares do mundo. Coa idade que imos tendo, vexo que este proceso incrementouse nos últimos anos. Non é inhabitual ver chegar un autobús enteiro de españois a un area de servizo de Francia ou de Italia e pedir coma se estiveran en Rodrigatos de Obispalía. E como queira que son entendidos perfectamente, repiten a operación alí onde van. Cando voltan pensan, para que carallo vou estudiar eu idiomas?
Por certo, coñecín a un home ben valioso para o raca-raca: Wocjtek Charchalis. Traductor de Marías, Torrente, Vargas Llosa e Mia Couto, falante perfecto do portugués, pode encarar traduccións ao e desde o galego marabillosamente. Atentos a este home, ao tempo divertido e magnífica persoa. Desde aquí, un nasdarovie para el.

Anonimo ha detto...

Ola, polaco.
Uns meus cuñado e sobriño que estiveron (este inda está) en Polonia tamén afirman rotundamente os puntos 5 e 9.
Nós, na Vila, onde durante todo este ano tivemos unha importante colonia polaca (todos homes, cagoentodo) tamén afirmamos que durmen de pé (e cabeza abaixo se é necesario: saían dos bares só cando acababan o vodka para ir a outro onde tiveran).
O das linguas xa o temos falado moitas veces e estamos de acordo. Aos norteamericanos dáselles moi mal os idiomas. E aos ingleses. E os franceses tampouco son xente moi políglota. Por qué? Porque falan linguas de imperios onde non se pon o Sol. Falan ben idiomas aqueles que o necesitan. E nada máis. Calquera persoa (español, polaco, novaiorquino, tailandés), polo en calquera lugar onde precise falar outro idioma e acábao falando tan perfectamente como lle sexa preciso. Non hai nada xenético nin cultural que faga que a uns se lles dea mellor ca outros os idiomas. É unha cuestión de necesidade pura e dura.
Turmano

Anonimo ha detto...

Alégrame que fales do ben que fala Maria Boguszewicz porque fun a súa primeira profesora de galego. E con alumnas así... dá gusto. A partir da primeira clase xa falaba!
Tamén hai que dicir que é moi esixente con ela mesma e co resto. Moi responsable.
En Bivir.com podedes ver a traducción de Dola (Reymont) ao galego.

Ana