Caxigalines nella Reguera'l Campizu

7 dicembre 2010

ALFABETI DE CLAUDIO MAGRIS: HAI QUE LELO


Hai que ler Alfabeti de Claudio Magris. Remateino durante a longa viaxe a Italia, Malpensa mediante. O libro recolle varios artigos aparecidos no Corriere della Sera, nos últimos dez anos, discursos varios, un extraordinario ensaio breve sobre a literatura en alemán escrita en Praga ("Praga ao cadrado"), de lectura obrigatoria para quen queira coñecer as aristas e facetas dun mundo cultural (Hrabal tamén, Ana) en perpetuo conflicto, así como prefacios a obras como o Kim de Kipling, a novela napolitana Ferito a morte de Raffaele la Capria (que comecei a ler ipso facto), ou a tradución italiana de Immagini di città de Walter Benjamin ("Città e malinconia": unha auténtica obra mestra do artigo).
Inesgotable resulta o caudal de lecturas que propón o escritor de Trieste nestes ensaios de literatura: algúns autores (moitos para mellor dicir) son para min completamente descoñecidos (Gyorgy Konrad, Boris Pahor, Gregor von Rezzori ou Dieter Schlesak); outros, que semellan máis familiares, están analizados cunha intelixencia crítica excepcional. Refiro, a modo de exemplo, aqueles que a min me conmoveron máis, se a palabra conmoción pode utilizarse no que a priori constitúe un exercicio intelectual: o que adica a Novalis ("Sempre verso a casa": que remata cun texto do coterráneo Svevo: "la vita è una malattia della materia"), a Hoffmann ("sa raccontare anche il vuoto con scatenata vitalità", a Bettina Brancato, (amiga dun Goethe que recorre como un espíritu constante case todas as páxinas do libro), a Conrad ("una specie di Kafka uscito all'aria aperta e al gran vento del mare"), a Brecht (nunha brevísima semblanza do cincuentenario da súa morte, feita cunha sutileza desarmante e adornada coa frase de Karl Valentin que xa levo anotada ao referirse aos tempos de Brecht como aqueles nos que o futuro era moito mellor), a Kapuscinski (de quen dirá, con palabras doutro dos seus concidadáns, Umberto Saba, que está cheo dun "sentimento melancónico e ao tempo ardente da vida"), a Semprún (que "testimonia la lacerazione irreparabile che l'esistenza subisce dal Male assoluto e insieme la capacità di vivere, nonostante tutto, con pienezza di sentimento, con magnanimità, con affetto e abbandono"), a Enric Marco (o falsario sobrevivinte de Mauthausen, redimido en tres páxinas memorables con estas frases finais: "deste mentireiro pódese aprender a afouteza con que sostivo a verdade do que sucedera nos Lager. Baixo esta premisa, el é moito menos mentireiro cós que minimizan a Shoá. Mesmo a mentira, escribiu Singer, pode prosperar só coa verdade"), a Mo Yan (ou autor de Sorgo Vermello, "cuxa leitura golpea coma un puño e abre de súpeto un novo horizonte"), ou a todos, no "Letteratura e veleni", onde repasa con aire de divertimento irónico o que os autores afirman ou proclaman dos outros autores. Consigno, pois, só uns poucos autores e libros que conforman o mapa abundoso dos Alfabeti de Magris, unha marabilla da que de forma algo estraña apenas vin escribir nos xornais estes días, estes meses últimos. Entre tanta novidade editorial parece mentira que esta obra mestra pase completamente desapercibida.
Recorda o propio Magris nun dos seus artigos exemplares unha fermosa frase de Montale: "Todo escritor ten a súa propia cavalleria rusticana": isto é, unha páxina clásica de repertorio, que é case obrigatorio citarmos sempre. Este libro de Alfabeti, reunión das súas reflexións críticas na beira do Adriático (que non evita siquera lembrar en plena evocación mediterránea o grisor do mar "delle coste della Cantabria e della Galizia"), pasará a ocupar este preciso lugar na miña biblioteca.
O que eu dicía ao principio: hai que lelo.

3 commenti:

Ana Bande ha detto...

mmmmmmmmmmmmmmm....que rico...me lo voy a pedir para reyes!

d.c. ha detto...

Vostede, don Arumes, leva velocidade de lóstrego. É un leitor-lóstrego. Eu vou con retraso e aínda teño por aquí sen ler LA HISTÒRIA NO S´HA ACABAT (LA STORIA NON È FINITA). Non lembro como o titularan en español. E "para reyes" non hai mais que entrar nunha libraría ou ler as novidades "nadalenques" que veñen hoxe no Cultura/s de La Vanguardia para deprimírmonos un chisco mais do que xa andamos. Todo leitor é un leitor frustrado por tanto que ten para ler e que nunca poderá ler.

Marisú ha detto...

Que razón leva d.c.!! Xa prefiro nin pensalo....
Eso si, xa postos, deixenme contribuir cun titulo que creo que lles poderá interesar,
E de von Rezzori, e se titula "La gran trilogía" e inclúe as obras Un armiño en Chernopol, Memorias de un antisemita, e Flores en la nieve.

Por certo a introducción, maravillosa, e de Claudio Magris.

Eu ainda non o rematei, non hai maneira, precisa de tempo e pausa... tempo pausado en fin.