Os rincóns fermosos da Toscana son infinitos; un deles, ademáis, resulta extravagante. O sul de Siena é unha sucesión de suaves outeiros totalmente cultivados. Os ríos, que en verán desaparecen, crean as vales que dan categoría mesmo cultural a estas terras: Valdichiana, Val d'Elsa, Val d'Arbia. O río Ombrone que desemboca en Grosseto, xa con algo máis de auga, mesmo para regar arrozais na Maremma, configura case toda esa conca fluvial, onde destaca a Val d'Orcia, recoñecida como patrimonio da humanidade pola Unesco.
A val recorre os terreos más baldíos e ao tempo os máis fertis de viñas e oliveiras, nun contraste acusado que favorece o artificio da paisaxe. Nesta val sobrancea Bagno Vignoni, un pequeno lugar, en tempo solicitado por Lorenzo il Magnifico ou por Catalina de Siena, de augas termais. Coñecida desde época romana (e aínda etrusca, como case sempre), a sorgente de augas caldas fornece unha piscina antiga central que ao comezo era o núcleo principal da poboación. Agora estas augas proporcionan ao visitante dos distintos establecementos hoteleiros (de luxo case todos) o pracer e os beneficios das súas propiedades termais.
As augas destes mananciais, ademáis, discorren libres por unha canle pequena esculpida na roca, antes de se precipitaren por uns penedos de caliza branca. A corrente de augas quentes, empregada na idade moderna para mover varios muiños construidos na empinadísima aba da montaña, remata nunha modesta vasca, nin grande nin profunda, que, cos sedimentos dos minerais e coa lama branquiña da terra, posúe unha característica cor leitosa que non impide que a xente dos arredores veña alí a refrescar o corpo e tamén a vista, xa abraiada de tantas belezas como ten que soportar durante a estadía toscana.
O viaxeiro ocasional ignora estes espazos, pero, coas Termas da Saturnia ao sul da Toscana ou as célebres de Chianciano onde se rodou Oito e medio de Fellini, insigne visitante, as termas de Bagno Vignoni e estas piscinas ao ar libre, constitúen unha referencia entre sentimental e sexual dos italianos e italianas.
A lúa de agosto e as estrelas fugaces de san lorenzo son testemuñas mudas do que escribo.
1 commento:
Pois o ano pasado voltei de novo a Toscana e pasei duas semans recorrendoa case toda e, desta vez, colleume co punto crítico e, non, xa non volverei, probablemente. Non volverei a un lugar onde é imposible andar tranquilamente pola natureza porque TODO É PRIVADO. Por todo hai que pagar e volver a pagar. Onde o abandono dos espazos públicos resulta desesperante, onde todo o que ves, (é certo, dunha beleza insultante) é de particulares, onde é imposible pasear pola campiña, a biera dos rios fora das cidades, en fin, onde os sacacartos italianos estropean e amolan un lugar de postal pero non de vida.
Posta un commento