Caxigalines nella Reguera'l Campizu

24 agosto 2009

SANTA MARIA DELLA SCALA


Fronte á fachada do Duomo de Siena o visitante apenas repara nun edificio de xanelas góticas e mattoni escurecidos polo paso do tempo. Aínda máis: aproveita a longa bancada de pedra travertina ao pe do palazzo para contemplar desde alí, descansado do tráfego turístico, a beleza do campanile coloreado de branco e negro da catedral sienesa. Pero o que ten ás súas costas o pouco atento visitante é unha das institucións capitais da Italia medieval e probablemente unha das marcas da piedade e da caridade emprendida na Europa humanística: o hospital de santa María della Scala. 

Creado para a cura de doentes ou para gettateli (espósitos), a sociedade funcionou como obra magna de beneficiencia, con privilexios suficientes para capitalizar os seus recursos e compoñer unha das institucións máis sólidas da cidade. O edificio conserva a traza hospitalaria, mellorada en épocas ulteriores par acomodalo a novas necesidades, pero tamén presenta insólitas obras de artes, descoñecidas para o público. A cripta, un tanto tétrica, onde oraba santa Caterina (de Siena, por suposto), atesoura as pedras orixinais da Fonte de Gaia, noutrora na Piazza do Campo, xunto aos deseños do dezaoito destinados á súa reforma. Os frescos, sen embargo, do corredor principal, na súa meirande parte dun fascinante Domenico di Bartolo, abraian ao visitante pola súa forza, o seu cor brillante e a súa materia histórica e dramática. Moitas das esceas que aí aparecen pintadas desenrólanse no propio hospital (un tanto idealizado), nun caso ben interesante de duplicacións de planos. Algunha delas, dun verismo moi detallista, quedan para sempre na memoria.

A escala que figura en tantos estemas das casas sienesas (e mesmo na igrexa que adorna unha das praciñas máis enxebres do enxebre Trastevere romano) non debe ser vista como unha máis das singularidades da cidade toscana. Sei ben que Siena é lugar de paso veloz entre Florencia e Roma e, por iso, de visita fugaz entre Piazza del Campo e Duomo. Se alguén para siquera unha noite (e debe facelo), faría benissimo en entrar baixo a porta que preside unha escaleira coroada por unha cruz e deixarse dominar pola luz que se filtra polas amplias salas onde padecían e moraban os enfermos daquel tempo.

Nessun commento: