Digámolo claro: tomar uns viños en Vigo require iniciación, procura, indagación profunda. Cando se atopa, o roteiro é máxico. E dentro dese roteiro, O Labrego (urbán) constitúe un sorprendente fito. Sorprendente polo éxito rotundo de asistencia e tamén porque ofrece algunhas singularidades na carta que merecen visita especial. Onte decidimos facer parada, no roteiro habitual, para picar algo (máis). Non era a primeira vez: doutras veces o xamón ou a tortilla estaban espléndidos e o viño servido na súa temperatura ideal, cousa pouco frecuente. Non sei se a posible relación (por confirmar) entre este bar e o Compostela, inflúe na excelencia da comida, pero onte caeron unhas croquetas magníficas, uns caracois gorentosos e unhas ancas de rá no seu punto con all i oli. Corrían polas mesas unhas bandeixas de carne crúa para preparar nunha grella individualizada, uns pratos de pulpo moi rechamantes e todo tipo de viandas cunha pinta estupenda. O local ten unha estructura un tanto tortuosa, cunha ponte de madeira incluido para salvar unha escaleira que conduce ao piso de abaixo, tamén cheo de xente, pero conserva o arrecendo dunha cociña contundente e moi traballada. O prezo, nada caro, convida a regresar de novo canto antes. Hai que dicir, para o visitante, que arredor da Praza de Compostela, coas froles encesas dos castiñeiros de indias a rebentar, de cheirume penetrante a pesar do orballo da pasada noite, están varios bares de viños que fan grande, moi grande esta cidade.
Caxigalines nella Reguera'l Campizu
19 marzo 2010
BARES DE VIGO: O LABREGO URBÁN
A xente que vén a Vigo doutras cidades galegas adoita dicir que non atopa unha rúa de viños, un espazo no que tomar unhas cañas ou uns chatos sen moverse demasiado. A Franxa-Galera-Olmos na Coruña, Cruz e Nova, en Lugo; a Leña-Verdura, en Pontevedra; mesmo o Franco-Raíña, en Santiago, malia todo, avezan a estes nosos visitantes a roteiros sinxelos e domésticos, concorridos e familiares nos que encontran a tododiós. Cando chegan a Vigo reclaman un lugar semellante. Pero ignora o foráneo que aquí nada é doado, que aquí, como a fama, todo custa, que hai que buscar os sitios axeitados, que iso de andar zigzagueando de taberna en baiuca non se estila, agás para erasmus e rapazada en xeral que queima a rúa Real arriba abaixo desde o Faibistés (esa xoia da nomenclatura bareira) ata o Marexada que dá comezo a troula nouturna.
Iscriviti a:
Commenti sul post (Atom)
2 commenti:
Atopei o seu blog premendo nun enlace doutro blog: nunca visitei o bar ao que se refere esta reseña, mais premendo no enlace "Bares de Vigo" din coa súa reseña do Nisio, coa que concordo totalmente. Os meus avós viven en Teis, e moito teño acompañado ao meu avó ao Nisio. O dono, que vostede describe con moito tino, foi parceiro de troulas do meu avó, que tamén é membro desa peña futboleira que leva o nome do Míchel e da que vostede fala. De feito, anque hai xa ben anos que non vivo en Vigo, case sempre que volto a Galiza (e desgrazadamente xa non é tan a miúdo como me gustaría...) inda vou ao Nisio. A última vez que estiven alí foi nunha reunión da peña, co bar pechado pr'a ocasión e con moitísima xente, Despois dun xantar cheo de bo peixe e mellor marisco, regado con viño dabondo, alguén sacou unha guitarra e unhas cunchas e as cantigas tabernarias sucedéronse ata ben entrada a noitiña...
O Teotónio.
http://teimasdungalego.blogspot.com
qué fame rapas!
Posta un commento