Caxigalines nella Reguera'l Campizu

29 luglio 2010

A OPOSICIÓN AUSENTE


A doce oposición ao goberno de Feijoo pasa días de tranquilidade absoluta. Uns por inanición, a pesar da lea interna entre os poucos que quedan, e os outros porque dan en gastarse en infinitas iniciativas parlamentarias de recorrido efímero. Os dous partidos que perderon as elección hai un ano e medio teñen un claro problema de liderato. Ningún dos Vázquez logra colocarse como epicentro do labor político opositor. Guillermo, por falta de retórica, discurso vivo ou mesmo de autoridade diante dos seus. Criticado en todos os foros e aceptado como un mal non menor senón ínfimo, amosa a cada paso a súa transitoriedade e ás veces as súas mesmas gañas de nin estar. Manuel, por oclusión allea, tanto de parte de Madrid (un José Blanco que cada vez que visita a comunidade contribúe a negalo un pouco máis) como de parte de certos lendakaris locais, cans máis ca vellos nesto da visibilidade mediática, que cercenan calquera intento de erguer o dedo para lembrar que está aínda por aquí. Os secundarios destes dous pequenos líderes, parlamentarios ou membros das súas respectivas directivas, representan un papel de esforzados gregarios, sempre atentos a insubstanciais asuntiños comarcais, a resesas lerias de curtísimo alcance ou a ridículas tormentas en vasos de auga que evidencian unha desconsoladora falta de pulo e de tensión políticas. Que moitos deles recurran ao artigo xornalístico para explicar a cidadanía o que non son quen de facer no ámbito que lles corresponde, o parlamento, é unha mostra ben palmaria da escasa entidade do seu labor político. Os movementos internos dos partidos van desde a loita cainita do BNG, empeñado con notable éxito en desangrarse por veleidades xa non dos dirixentes senón dos propios militantes, ata a calma chicha dos do PSdG, sempre contidos en épocas críticas á espera de que se disipe o panorama, pero sen dar un só paso enérxico que explique a súa posición política na hora actual. Entre a guerra aberta do BNG (de tintes patéticos polo superficial dos seus debates e polo inequívoco cheiro a axuste de contas entre a militancia ou entre os estados menores das súas circunscripcións) e o silencio insólito dun partido chamado sempre a ocupar o poder como o caso do PSdG, o amigo Feijoo debe de estar frotándose as mans.
Non hai que dramatizar, pero convén que BNG e PSdG mediten sobre a posibilidade de cambialos de inmediato e de proceder a unha reorganización de estratexias, ideas e cadros, alonxados das preferencias electorais e mesmo sociais desta Galicia do ano 2010, agora mesmo cómoda e plácidamente en mans dos populares.

7 commenti:

Costadamorte ha detto...

Fas unha certeira análise, polo menos polo que respecta ao BNG...
Polo PSOE tes que ter en conta que a súa madridependencia fai que sexa imposible que reaxan por sí...
Así seguiran ate que a etapa Zapatero se supere, (penso que pese a que é novo, o Presidente do goberno está amortizado)...

Anonimo ha detto...

Pois nada, marchamos tod*s para casa ou para os nosos respectivos blogues, onde se está infinitamente máis cómodo e quentiño (ou fresco, nestes días de abafante calor), e que siga Feijóo dez, vinte, trinta ou os anos que quixer. No future, no work. Saudiña!

Dilaida ha detto...

Tes moita razón o único que están a facer tanto o BNG coma o PSOE e deixar pasar o tempo.
Non podes convencer a ninguén mentres ti non esteas convencido e tanto un líder coma o outro, parece que están aí por casualidade, están coma sen ganas.
O do PSOE a min dáme o mesmo, pero o do BNG penso que xa vai sendo horas de que se non ten ganas se vaia, antes que funda de todo o partido.

ms ha detto...

O estado de desánimo está aí. Unha corrente marxista-leninista (no ano 2010, Europa!), a UPG, impoñendo nas súas listas electorais "persoeiros" apenas coñecidos nas súas casas á hora de xantar, mentres outros (+BNG) din si a todo.
O PSOE, totalmente desacreditado en Madrid, polas súas mentiras, claudicacións e contradicións. O PSOE de Galicia, dicindo amén a todo.
Pechan medios de comunicación en galego na rede (Vieiros, Galiza Nación). Pechan redes "sociais" (Chuza), e aquí non pasa nada. Iso non é cultura nin información galegas.

A Radio Galega volve ser cunca de Valeriana dun país onde nunca pasa nada e o terebexo, transmimsor de noticias: malas (as de fóra, guerras, atentados, inundacións...), boas (as de dentro). Volve o desfile de conselleiros, aínda que menos que na era Fraga, pois o habichuela precisa de máis espazo.

Os medios que prosperan son os que levan a publicidade institucional e as axudas da Xunta (ou os créditos das caixas galegas).
Os sindicatos falan de recortes do profesorado, de listas de espera e reduccións presupostarias na sanidade. E aquí non pasa nada porque co Xacomeu están a aumentar os turistas e que bonito que a Roja gañou o mundial.

Seguen sen depurar as augas das rías galegas. Non se lle pon couto ao feísmo. Non se ven medidas que traten de compensar a nosa posición periférica a respecto de Europa. Ferrol segue sen poder desenvolver todo o seu potencial como asteleiro.

Non hai visos de que vaiamos ter un novo estatuto. As novas xeracións vanse incorporando ao monolingüísmo en español (vaites ti co bilingüísmo!) sen que iso lle pareza raro ao goberno galego.

etc, etc...

atónito ha detto...

Non sei quen foi -¡xa non me lembro!- o que dixo que abonda xa de chorar, que xa chorou Rosalía cumpridamente por todos nós.

Este discurso -refírome ó dos comentarios, xa que o post de don Arumes non o lin- chorimiqueiro non leva a ningures.

Se quitamos a compoñente "nacionalista", a cousa pinta igual en todas partes.

Eu estou aburrido, mais reclamo o trabuco. Amén.

arume dos piñeiros ha detto...

O meu comentario sobre o labor parlamentario seica non foi entendido tal e como eu quería. Ou foi moi mal explicado.
O que eu quero dicir é que non se pode estar durante varias semanas perseguindo a un conselleiro porque asinou unhas obras falsas. Non porque haxa que deixalo saír indemne, senón porque dá a impresión de que non hai outra cousa máis importante, que non hai outras cousas de alcance máis xeral sobre as que exercer a política, que é unha batalla excesivamente partidista de desgaste persoal e, sobre todo, porque é o típico anzol que poñen para que se entreteña a oposición. Eu creo que hai que establecer prioridades no labor de oposición. Hai que saber elixir cales son as cuestións fundamentais que deben ser debatidas (mesmo marcar desde a oposición os temas fundamentais) e cales outras valen para formar a argamasa secundaria da crítica. A min ás veces dame a impresión de que se gasta todo en pequenas batallitas (sempre interesantes) que á larga non interesan. A intervención onte doutra parlamentaria pedindo apoio ao libro en galego pois está ben, pero pasado o día de onte, quen se lembra? A iso me refiro.
Cantidade si, sen excesos porque acaba un por aborrecer, pero intensidade e selección de temas moito mellor.

Anonimo ha detto...

Paréceme unha análise certeira da situación da oposición parlamentaria en Galicia: desnortada, sen ideas, deprimida.
Alén desta conxuntura galega concreta, tamén é certo que a situación da esquerda en Europa en xeral é igualmente preocupante. A hexemonía ideolóxica do neoliberalismo é incuestionada.
Se é certo que o marxismo-lenisnismo da UPG é hoxe un residuo anacrónico, o mesmo habería que dicir da socialdemocracia, hoxe xa claramente obsoleta á vista do está ocorrendo coa crise: en termos estritamente económicos a socialdemocracia xa non ten alternativa diferenciada do neoliberalismo -véxanse os axustes de Zapatero en España, os de Sócrates en Portugal, o New Labour de Blair está mesmo á dereita dos liberais e os conservadores en Gran Bretaña, a situación do socialismo francés e assim por diante.
Isto non é excusa que xustifique a inanidade da oposición galeguista e progresista en Galicia, pero esta tampouco pode ser allea a todo iso. Que é ser de esquerdas hoxe en día? Que é ser progresista hoxendía en Galicia?
É Abel Caballero parte dun proxecto progresita galeguista?
Io non lo so.
Saúdos,
Noel