A chi sorriderò se non a te. FL
A vita scriteriata de Accio Benassi é o argumento da novela de Antonio Pennacchi, Il fasciocomunista, publicada por Mondadori en 2003 e recreada libérrimamente na película Mio fratello è figlio unico. Accio Benassi é un dos moitos fillos dunha familia véneta, trasladada ao Agro Pontino nos primeiros anos do goberno de Mussolini. Mediante o sistema da bonifica (o aproveitamento agrícola de zonas pantanosas), masas de xente procedente do norte de Italia (nordeste máis ben)* colonizaron e poboaron unha zona palustre ao sul de Roma. Baixo auspicio dun racionalismo totalitario, fundouse unha cidade (Littoria, agora chamada Latina, onde naceu o autor do libro), alén dunha serie de vilas (borghi) co propósito de transformar económicamente (con grandes fincas, fábricas de azucre e anos máis tarde coa pretensión de colocar mesmo unha central nuclear, finalmente rexeitada) unha zona de sempre inhóspita. A última novela de Antonio Pennacchi, coa que acaba de gañar o Premio Strega, Canale Mussolini, trata precisamente ese éxodo masivo e o desenrolo sistemático da vida nesa parte da Italia.
Nesta novela Pennacchi coloca a un adolescente que nace na década dos 40, coa lembranza aínda viva da derrota fronte aos americanos (sucedida precisamente a poucos kilómetros da súa cidade, con decenas de miles de mortos, en Anzio, lugar do desembarco aliado), fronte aos cambios dunha sociedade que cada vez se amosa máis complexa e convulsa. A singularidade do relato de Benassi estriba en que a súa perspectiva é a dun rapaz criado na devoción do Duce, nunha cidade afecta, a pesar da derrota e dos seus crimes, ao fascismo, e nun país que trata de esquecer (e nalgúns casos combater) as cinzas de aquel réxime. Benassi milita desde moi pequeno no MSI, con escasa ou nula preparación intelectual, como un mero balilla aínda seducido polo triunfalismo e o nacionalismo fascistas. Os grupos nos que entra son pequenos e apenas dedican o tempo á política: viven a fidelidade fascista dun xeito emocional, nostálxico e algo (non moito) violento.
Os pais de Accio, dun tradicionalismo católico moi explícito, algo pusilánime o pai e rexa e rigorista a nai, e os irmáns, dunha variada sensiblidade política, amplían o espectro ideolóxico da novela. En particular, o irmán Manrico, un personaxe capital na novela, que milita desde moi novo en partidos de esquerda, ou as súas irmás, sempre próximas a unha sensibilidade liberal e socialista, contaxiadas ademais polos ventos da modernidade que provén da Inglaterra dos Beatles, serven de antítese ás veleidades de rebeldía xuvenil de Accio. A súa experiencia política aparece misturada coa súa experiencia sexual (que ocupa moitas páxinas do libro, moi fermosas), froito do seu traballo como empregado nun hotel da praia máis próxima á súa casa.
É inevitable a consideración do relato como una novela de iniciación, na que non faltan as viaxes e os contactos con xente de distinta procedencia. A novela preséntase así como un retrato moi amplo da mocidade italiana (Milán e Roma erixidos como espazos fundamentais dos movementos estudiantís) dos anos sesenta. Non podía faltar en todo este traxecto, a descripción do que se deu en chamar os anni di piombo. Benassi, que se ofrece como un rapaz de acción, combativo, capaz de participar de forma agresiva en manifestacións contra Vietnam e os americanos ou contra a asinatura do acordo con Iugoslavia polo Triestino, coincide nalgunhas desas protestas estudiantís con xente da estrema esquerda (conta con todo detalle os sucesos de Valle Giulia na que houbo enfrontamentos entre a esquerda e militantes neofascistas, con Almirante polo medio subindo as escaleiras da Facultade de Arquitectura) e desa concorrencia nace, segundo a propia interpretación de Benassi, a tensión hostil entre ambos que configurará os terrorismos negros e roxos daqueles anos.
Benassi será expulsado do MSI por irreductible (incluso tras participar el mesmo sen sabelo en incruentos atentados terroristas) e aos poucos irá transitando cara os movementos de esquerda. Non quixera eu contar nada máis por non desvelar o rico proceso que amosa o autor do libro, pero a narración dos feitos sucedidos na Italia de finais dos 60 ofrece un extraordinario interese e non deixa indiferente a ningún lector. Esta perspectiva, claramente especial, a dun neofascista que vai virando pouco a pouco a posicións de esquerda, outorga aos feitos unha envergadura épica que merece a pena seguir coa parsimonia e a minuciosidade necesarias.
O estilo de Pennacchi non destaca por rasgos especiais: se cadra pola ausencia deles. A súa prosa é moi sinxela, ás veces incorrecta, algo desordenada en ocasións, pero ten todo o sabor entusiasta dun relato en constante efervescenza. A elocuencia do protagonista é admirable: apenas para de contar anécdotas, episodios, por nimios ou insubstanciais que estes sexan para o relato final: a suma incansable (ese atrapallamento narrativo) contribúe a pintar un cadro de época non digo que familiar para min pero si algo recoñecible, sobre todo nas relacións no interior da casa, na loita partidista, nos debates de estratexia política, e mesmo na orixe do discurso da violencia terrorista ou da necesidade de empregar a forza armada para obteren os fins perseguidos.
Parece raro que este libro non estea traducido, habida conta ademais do éxito indubidable ademais da película. Estou convencido de que un relato de tales características pode seducir ao lector desta outra Hesperia, por similitudes históricas, por vencellos doadamente identificables. Contado en primeira persoa, carece do pulo moralista esperable, e deixa que os sucesos conformen, sen apenas xuízos, o relato, sen que iso signifique todos e cada un dos actos teñan a correspondiente lectura moral, social ou política. Do conxunto fica, en todo caso, a diáfana impresión de que unha enteira xuventude dun país (non sei se a mellor xuventude), quedou ferida para sempre.
* Hai quen fala dunha variedade entre lingüístico-dialectal propia desta zona.
Nessun commento:
Posta un commento