Caxigalines nella Reguera'l Campizu

14 ottobre 2010

ÁREA METROPOLITANA DE VIGO


Dá conta hoxe a canallesca do plante de Caballero a unha reunión organizada pola Xunta para presentar un informe da Universidade de Vigo sobre a viabilidade da área metropolitana diante dos alcaldes correspondientes da contorna. E tamén dá conta da irritación (aínda que non debería ser noticia) do edil Figueroa e da censura doutros alcaldes asistentes polo que consideran falta de respecto e de vontade política sobre a cuestión.
Case desde que me vin facer veciño desta cidade, o proxecto de área metropolitana xa era inminente. Vin pasar xa varios alcaldes e varias consellerías de ordenación de territorio ou de presidencia, de todas as cores políticas posibles. Mirei nos xornais miles de noticias e comentarios favorables á implantación de tal estructura organizativa. A falta de concreción sobre o número de municipios participantes, a cuestión parecía indiscutida desde antigo, con informes mesmo rigorosos como aval de tales pretensións. Pero agora, cada certo tempo, coma un culebrón estival, sae á palestra tal necesidade.
O de onte en Caixanova (con todas as mesmas caras masculinas que van a todos os saraos desta natureza para facer ver que as forzas vivas seguen idem) foi un episodio máis, pero agora tamén adubado coa mandanga e coa parafernalia con que ultimamente se fan estas cousas nesta cidade (supoño que cun gasto, aínda que modesto, en toda esta preparación): con saúdas, convites e supoño que pinchos a todo o mundo mundial,e coa intención tramposa de ver quen ou quen non está polo labor de metropolizarse.
As palabras de hoxe de Figueroa indignadito son as dun fuleiro cazador que, tras colocar o manifesto cebo (ou antes, que diso se trata), salta de ledicia ao comprobar que funciona. Pero resultou tan burdamente evidente que era iso o pretendido (coa involuntaria axuda de inxenuos investigadores da Uvigo e de alcaldes animosos que van seareados polo espectáculo que poden ver) que non me estraña que Caballero saira hoxe cun discurso esmagante, cheo de razón incontible, explicando con todo o luxo de detalles oportunos a pamema que supón semellante circo. Dixo que el non ía a un montaxe electoral e, eu, que non son devoto de san Abel, direi que as trazas do acontecido onte danlle a razón e que quen quixo metelo como fose nesa torpe trampa saiu hoxe notoriamente esquilmado.
É o que ten estar todo o día máis enzoufado na pugna partidista ca en ofrecer decisións precisas e executables ipso facto sobre a cidade. Se a Xunta de Galicia está disposta a constituir unha área metropolitana, só ten que facela: de informes máis ou menos rigorosos pero sempre bonitiños e churrusqueiros están as consellerías cheas (con perdón).

Addenda: doume este espazo para engadir o que hoxe trae a Voz sobre o particular: do ano 1999 data o primeiro informe onde se di o mesmo. Isto é o que ten a memoria (que neste caso tampouco é tanta porque non hai vigués/a que non saiba as veces que damos con esta pedra).

Nessun commento: