Caxigalines nella Reguera'l Campizu

18 ottobre 2010

IMPACIENCIA PERIFÉRICA (1)


A impaciencia é moitas veces mala compaña. Anunciara para estes días unha recensión da obra de Iolanda Zúñiga, Periferia, pero a ausencia do seu libro na meirande parte das librerías obrígame a morder as unllas e esperar. Pero como non dou aturado este senvivir e, para abrir boca e a boca, permítome ornar este blog con palabras quitadas do seu segundo capítulo: así un vai desfrutando:
As prominentes barrigas preñadas de sete fillos entre os que só media unha menstruación emigran desde as máis dispares latitudes da Terra de Santa Cruz. E sementan a cidade. E nutren as súas beiras sen rumor atlántico. Exércitos de obreiros proletarios negros e mestizos parten do nordeste buscando preservar os soños. Acurralalos con cinta aillante ignífuga para que non foxan, polas fisuras, do sitio da infancia. Empregadas domésticas con cofia procurando damas de renome a quen servir, varredores con vasoira sen pugas, albaneis na busca de solares sen dono, choferes de rodas picadas, estibadores sen cargamento, porteiros sen recepción. Erguen con dignidade ladrillos con taras en terra allea. Sitúan nome e enderezo nas caixas de correos que non imprimirán nas guías telefónicas locais. Recomezan coa ilusión. Vida nova, vida miúda, vida inconsciente é parida nos camiños sen beirarrúas do extrarradio. Periferia e periferia, molecada sem futuro eu já consigo ver. E mentres os presupostos anuais están destinados a concluir un submarino a propulsión nuclear, a construir a terceira central atómica do país, a desalinizar a auga mariña, a retocar as fotos dos candidatos da propaganda electoral, a pavimentar avenidas principais para solas estranxeiras de debuxo adherente, a mellorar o transporte de cara ao Mundial 2014 ou aos JJ.OO. 2016, pouco se fala das febres que a pobreza ocasiona. Periferia e periferia, milhares de casas amontoadas.

3 commenti:

Anonimo ha detto...

Veña xa esa Periferia!!!

d.c. ha detto...

Don Arumes, se tanto o carcome a ansiedade "periférica", son quen de ir mañá a pé feito a Sargadelos por ver se o teñen e enviarllo á maior brevidade. Eu xa sabe que por un letraferido co síndrome fago calquer cousa. Non sei se vestirme e marchar agora mesmo a Sargadelos e entrar pola forza e buscar nos entantes e... cómeme tamén a min a ansiedade... xa non aguanto mais... vou para alá voando... mañá teno en Vigo.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Fágase con el canto antes, amigo dc. Léao en canto poida e se é despois de ver palmar mañán ao Madrid contra o Milan moito mellor.